O 27 de febreiro de 2008 a TVG acolleu un debate que a propia canle presentara como "histórico". E era tal. Os líderes das daquela tres forzas políticas con representación no Parlamento galego -PP, PSdeG e BNG- debatían por primeira vez ante as cámaras da televisión pública. Era histórico e tamén pouco usual, porque Alberto Núñez Feijóo -na altura, líder da oposición-, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana -nese momento, presidente e vicepresidente da Xunta- non concorrían a aqueles comicios, que eran xerais.
A cita comezara contra as nove e media da noite, durara hora e media contando descansos e a Televisión de Galicia organizárao como un acontecemento televisivo de primeiro nivel. Programárao en horario de máxima audiencia e construíra para a ocasión un plató no claustro do compostelán convento de San Francisco, na altura xa reconvertido en hotel.
Aquel debate de 2008, tan histórico como pouco usual, fora programado en horario de máxima audiencia e promocionado como un gran acontecemento
O despregamento técnico para o debate, cuxa celebración a CRTVG divulgara abondosamente nos días previos, quedara un chisco deslucido, non obstante, polo constrinxidísimo formato ao que tivera que axustarse tras duras negociacións entre os partidos. Aquel encontro televisivo dera lugar nos meses posteriores a duras críticas por parte do PP, que cargara contra o custo do debate -180.000 euros-, pero tamén contra "o sitio, a hora, o moderador [o xornalista Alfonso Hermida] e a cor do escenario", elementos que para o popular Diego Calvo, naqueles anos voceiro do PP na comisión de control da CRTVG, eran mostra de que a TVG actuaba como "brazo mediático de Touriño" no que "cada día" se rexistraba "máis manipulación e censura".
Desta volta o debate foi ás 10 da mañá; o seu horario e escasa promoción foi lido entre as forzas de esquerda como un intento de restarlle repercusión
Máis dunha década despois a posibilidade dun debate entre as principais forzas políticas galegas estivo fugazmente sobre a mesa porque o propuxo o BNG pouco despois da convocatoria dos comicios do 28A. Algunhas outras forzas políticas estiveron dispostas a consideralo, pero non consta que a CRTVG nin sequera chegase a valoralo. No plan de cobertura os medios públicos si incluíron un único debate televisado que xa se celebrou. Foi o martes día 16 ás dez da mañá, encaixado no programa Bos Días.
Alí compareceron representantes de PP, PSdeG, En Común-Unidas Podemos, En Marea e BNG. Entre as forzas da esquerda o horario e a escasa promoción do debate foi observado como un intento de restarlle repercusión. Mesmo máis que aos celebrados nas campañas das xerais de 2015 e 2016, celebrados en horario de tarde, durante o desaparecido programa de actualidade Área pública. Os debates previos ás eleccións galegas de 2012 e 2016 si foron emitidos, pola contra, en horario de máxima audiencia.
Malia rematar a horas intempestivas, o debate 'a seis' de TVE si comezou en horario de máxima audiencia e marcou en boa medida a dinámica da seguinte xornada de campaña
Quixo a casualidade televisiva e política que o debate matutino na TVG cadrase no mesmo día no que, contra a noite, Televisión Española ofreceu o seu debate a seis, coas forzas políticas con grupo no Congreso na lexislatura que vén de rematar -PP, PSOE, Unidas Podemos, Ciudadanos, PNV e Esquerra Republicana de Catalunya-. Doce horas despois do debate galego comezou en TVE o moderado por outro galego, o xornalista Xabier Fortes, que neste caso si marcou en boa medida a dinámica no inicio da sexta xornada da campaña electoral.
Tivo algúns momentos especialmente tensos a respecto de asuntos como a violencia machista, a política territorial e os posibles pactos e con numerosas análises destacando, pero en sentidos ben diferentes, os papeis xogados por Cayetana Álvarez de Toledo (PP) e Aitor Esteban (PNV). Cando rematou xa pasaran as doce da noite. Un remate a horas intempestivas que non impediu, así e todo, que fose líder de audiencia (11,8%).
O seguinte gran debate previo ao 28A será, finalmente, outra volta en TVE. Éo tras impedir a Xunta Electoral a celebración do organizado por Atresmedia no formato en que o propuxera o grupo propietario de Antena 3 e laSexta por incluír a formación de extrema dereita Vox sen cumprir os criterios para ser unha forza política representativa. A canle estatal reiterou a súa oferta dun debate a catro bandas -PP, PSOE, Unidas Podemos e Ciudadanos-, e finalmente o socialista Pedro Sánchez optou por RTVE e non por Atresmedia.