Persoal da CRTVG advirte de máis "deterioración" e da "xordeira" da dirección un ano despois da súa histórica manifestación

Mobilización do persoal da CRTVG en Compostela, o 8 de setembro de 2018 CC-BY-SA Praza Pública

Hai hoxe exactamente un ano, persoal dos medios públicos galegos saía á rúa para esixir independencia informativa, co aval e apoio dos sindicatos e da oposición. A marcha, baixo o lema Pola dignidade dos medios públicos, chegaba despois de que os convocantes constatasen o inmobilismo do Goberno galego e da dirección dos medio autonómicos ante as súas reclamacións, que pasan, como agora, polo cumprimento da lei de medios impulsada polo propio PP hai xa oito anos. 

Desde a manifestación de hai un ano, persoal da CRTVG mobilizouse cada venres, a folga foi un éxito e Defende A Galega levou o Premio José Couso

Daquela, o persoal mobilizado da CRTVG levaba xa 16 venres negros, 16 semanas de protesta contra a manipulación, pola creación do Consello de Informativos e por uns medios públicos independentes e de calidade. Un ano despois, e tras as exitosas xornadas de folga de final de ano ou o recoñecemento do Premio José Couso ao colectivo Defende A Galega, a loita continúa entre uns traballadores que denuncian a “xordeira crónica” da dirección ante as súas demandas. 

“Os apoios individuais e colectivos non deixaron de medrar e iso xa é un grande avance”, recoñece o colectivo Defende A Galega a Praza.gal. Segundo din, este apoio crecente “demostra que cada vez hai maior conciencia social do necesarios que son uns medios públicos dignos, de calidade e libres de calquera control gobernamental”. Todo, aseguran, malia que as súas reivindicacións “son silenciadas en moitos dos medios do país”. 

Mobilización dos venres negros na sede central da CRTVG Dominio Público Defende a Galega

Ao tempo, ao cumprirse un ano da histórica manifestación de Compostela, o comité intercentros da CRTVG volve denunciar a “deterioración dun servizo público esencial” como son a radio e a televisión pública e cuxa progrmación de outono non fai máis que “agravar”. 

O comité de empresa e Defende A Galega coinciden en advertir da "deterioración" , o "continuísmo" e o "retroceso na calidade" dos medios publicos

O comité cualifica esta programación de “continuísta” porque “insiste en externalizar a grella, non incrementa a produción propia que a empresa anunciara durante as últimas mobilizacións do persoal e non reforza nin os servizos informativos nin a cobertura da información local de proximidade”.

A representación dos traballadores “lamenta” que moitos dos espazos que a CRTVG subcontrata a produtoras externas “vulneren o estándar de calidade e os principios básicos que deben rexer a programación nos medios públicos”, polo que “esixen” un maior control sobre esas producións a través “da figura do produtor delegado”-

Con iso, din, chaman a evitar casos como o dunha empresa audiovisual que traballa para a TVG e publicou un anuncio en redes sociais solicitando unha familia para participar no programa coa “mamá sexy, guapa e preocupada pola súa imaxe” ou que se considere “de servizo público” ofrecer un programa especial polo nacemento da filla dunha artista que traballa no programa Land Rober. “Non resulta tolerable”, aseguran. 

Desde Defende A Galega, logo de máis de 15 meses de protestas, coinciden tamén en denunciar o “retroceso en calidade, en produción propia, en comunicación externa e interna e en imaxinación” da programación dos medios públicos. Ademais, lembran que “non houbo ningún avance” respecto das súas demandas cunha dirección que teima, contan, na súa “xordeira crónica”.

A representación do persoal cre que moitos espazos subcontratados pola TVG "vulneran o estándar de calidade e principios básicos dos medios públicos"

De feito, no 68º venres negro, o colectivo denunciou que a estrea de nova programación “nada muda” na CRTVG. “O desmantelamento, o desprezo polo propio e a falta de imaxinación continúan instalados nos medios públicos”, denuncian. 

Concentración de persoal da CRTVG durante unha xornada de folga © CUT CRTVG

Así, o comité “condena” a ausencia na grella da TVG dos novos programas de produción propia “que foran anunciados pola dirección durante as últimas mobilizacións” e relaciona esta “deterioración do servizo público e da programación” coa “política de asfixia da contratación e a ausencia de negociación sobre a estrutura do cadro de persoal e o dimensionamento de todos os centros de traballo”

“Cada día contan con menos efectivos ao negarse a empresa a cubrir as vacantes existentes e a realizar contratacións para substituir o persoal que se ausenta por vacacións, asuntos particulares, maternidades, paternidades, incapacidades temporais ou licenzas de calquera tipo”, din. 

Xa que logo, un ano despois, a mobilización non só non amornece senón que continúa. Unha protesta inédita nos medios públicos galegos, tanto pola súa duración como polo seu impacto interno e, sobre todo, externo Unha transcendencia pública da mobilización incomodou especialmente na cúpula da compañía pública.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.