0 Gardados para despois

O inmobilismo dos responsables da CRTVG ante as protestas do persoal saca á rúa os 'venres negros'

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


No 15º venres negro do persoal da CRTVG, tres máis dos celebrados en CRTVE, onde se suspenderon o pasado 13 de xullo, profesionais das dúas corporacións presentaron en Santiago a manifestación que, baixo o lema "Pola dignidade dos medios públicos", o próximo sábado 8 de setembro os unirá, cun chamamento tamén á cidadanía, para reclamar polas rúas da capital galega a fin da inxerencia política no seu traballo. Un inmobilismo o do Goberno galego e da dirección dos medios autonómicos á hora de cumprir a lei autonómica impulsada polo propio PP hai xa sete anos que nas últimas semanas está a quedar máis en evidencia tras novas represalias e declaracións dos seus responsables contra o persoal que contrastan cos avances rexistrados a nivel estatal.

“Os medios públicos galegos están ao servizo da Xunta e do PP”, din representantes dos comités de empresa dos medios públicos galegos e da delegación de CRTVE, cuxos profesionais participan tamén na manifestación prevista para o próximo sábado en Santiago

Este venres, nunha rolda de prensa en Santiago encabezada polos presidentes do comité intercentros de CRTVG e do comité de empresa de CRTVE na Coruña, Raimundo Méndez e Suso Ramos, os convocantes salientaron que será “a primeira vez que nos xuntamos para un acto de tal magnitude”. Segundo dixeron, a súa reivindicación é sinxela: “queremos que se cumpra a lei” para que os medios públicos cumpran o seu obxectivo de ser un servizo público “de todos os galegos e galegas” e non como na actualidade na que, segundo Méndez, “están ao servizo do Goberno galego e do PP”.

Os venres negros, a protesta simbólica vestindo desa cor do persoal dos medios públicos en reclamación dunha maior independencia no seu traballo, comezáronos os traballadores e traballadoras de CRTVE en toda España o venres 27 de abril. Un mes despois, o 25 de maio, só un día antes de que se coñecese o intento da CRTVG, salientado este venres polos traballadores, de limitar a 40 segundos a información sobre a sentenza do caso Gürtel que acabou durante 76 segundos, o persoal do ente galego sumouse aos venres negros con convocatorias que foron gañando en seguimento, especialmente despois de que a mediados dese mes dimitisen os presentadores do Telexornal Serán, Alfonso Hermida e Tati Moyano.

O presidente Feijóo tentou desentenderse da cuestión: “Eu non dirixo a TVG”, chegou a dicir, obviando que el impulsou hai sete anos a lei de medios públicos que aínda non está cumprida

A xestión por parte da compañía da crise interna que se desencadeou foi acollida con malestar no Goberno galego ata o punto de que o presidente Feijóo tentou desentenderse da cuestión. “Eu non dirixo a TVG”, chegou a dicir, ante o aumento das críticas internas e externas contra o control que o seu Goberno mantén sobre a información dos medios públicos galegos. Porén, unha das principais reivindicacións do persoal é o cumprimento da lei sobre os medios públicos galegos que o propio Feijóo impulsou en 2011 e que sete anos despois aínda non está aplicada entre outras cuestións na creación dun Consello de Informativos do que o presidente se desentende. A lei, salientaron este venres os representantes do persoal, tampouco se cumpre no referente ao esixido incremento da produción propia, na creación dunha autoridade audiovisual independente ou na propia elección do director xeral da CRTVG por unha maioría cualificada do Parlamento.

Desde a dirección da compañía o seu máximo responsable, Alfonso Sánchez Izquierdo, deu por “moi cumprida” a lei de medios e negou que o aínda non creado Consello de Informativos sexa “o bálsamo que vaia garantir a calidade dos contidos”. Nesa comparecencia ante o Parlamento de Galicia a mediados de xullo, Sánchez Izquierdo chegou a negar “valentía” ao persoal mobilizado. O contraste a esas palabras evidenciouse só dez días despois, cando se soubo que a compañía viña de apercibir, e posteriormente ameazar de despido, á presentadora que dimitira do Telexornal, Tati Moyano, despois de que esta criticase o uso partidista da TVG ante Feijóo nun acto benéfico ao que asistiu o presidente e que ela mesma presentaba de xeito desinteresado.

Por parte do Goberno galego, a resposta habitual que verbaliza o propio presidente Feijóo é que a situación da CRTVG non era mellor durante o goberno bipartito de PSdeG e BNG

Por parte do Goberno galego, a resposta habitual que verbaliza o propio presidente Feijóo é que a situación da CRTVG non era mellor durante o goberno bipartito de PSdeG e BNG ata o punto de asegurar que a “manipulación” nela rematou coa súa chegada á Xunta. Así respondeu ao PSdeG cando este o instou o ano pasado a cumprir a súa propia lei de medios. Esta mesma semana o BNG denunciou a situación no Parlamento Europeo asegurando que a Xunta incumpre a directiva 2010/13/UE de Servizos de Comunicación Social Audiovisual que considera esencial que os estados membros “eviten feitos que poidan restrinxir o pluralismo e a liberdade de información”. Do mesmo xeito, este mesmo venres a eurodeputada de AGE Lidia Senra presentou varias preguntas sobre a mesma cuestión instando ás autoridades europeas a interesarse polo conflito.

Malia esta situación e as reiteradas protestas, os representantes do persoal criticaron este venres que a dirección da CRTVG mantense no inmobilismo. “Só hai reunións coa dirección por cuestións laborais pero ningunha de tipo profesional desde hai máis dun ano”, exemplifican, e engaden que “lonxe de escoitar o clamor, o que recibimos é unha negación da realidade” e “unha represión que se está agudizando”, lembrando os devanditos casos.

A situación na CRTVG contrasta coa de CRTVE nas últimas semanas. Alí o último venres negro celebrouse o 13 de xullo, ao tempo que o Goberno nomeaba unha nova dirección dirección provisional á espera de que se resolva o concurso convocado para elixir outra de xeito independente. Eses cambios fixeron que o persoal dos medios públicos estatais no resto de España suspendese de momento as súas mobilizacións -"imos estar pendentes", salientaba este venres o representante dos traballadores de CRTVE en Galicia a respecto da mellora ou non da situación na súa propia empresa-, pero en Galicia seguirán a apoiar aos seus compañeiros da CRTVG.

A manifestación sairá ás 10.30 horas das instalacións de CRTVG e CRTVE en San Marcos e rematará dúas horas despois xunto á Catedral

Así o farán o próximo sábado día 8, cando sairán ás rúas de Santiago “pola dignidade dos medios públicos de comunicación”. A manifestación consiste nunha marcha que sairá ás 10.30 horas das instalacións da CRTVG en San Marcos, ás aforas de Santiago, pasará inmediatamente despois pola veciña sede que CRTVE ten a uns centos de metros, e rematará na compostelá Praza das Praterías por volta das 12.30 nun longo percorrido coincidente co último treito do Camiño de Santiago.

Xa xunto á Catedral, procederase á lectura dun manifesto común das dúas empresas públicas que recolle os motivos da manifestación e as demandas que pretenden facer públicas as e os representantes do persoal da CRTVG e de CRTVE. A música de Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz acompañará o acto reivindicativo, que suporá un antes e un despois para os medios de comunicación públicos de Galicia e en Galicia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.