0 Gardados para despois

A ameaza de despido á presentadora que criticou o uso partidista da TVG ante Feijóo marca o undécimo venres negro

José PrecedoJosé Precedo | @joseprecedo


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


A dirección de TVG abriu un expediente sancionador por falta moi grave á xornalista e presentadora Tati Moyano supostamente por utilizar medios da televisión pública para a presentación dun acto benéfico: a Gala contra o Cancro que se celebrou o pasado 22 de xuño en Santiago.

A apertura do procedemento de sanción que se incoou -que podería chegar ao despedimento e que aínda non está resolto- comunicouno este xoves o comité de empresara da Corporación Radio Televisión de Galicia, que ve nese expediente unha represalia política contra unha xornalista por reivindicar a pluralidade nos medios públicos galegos. Fíxoo ás portas do undécimo venres negro.

No acto benéfico, que Moyano presentou de forma altruísta e sen cobrar, a xornalista de TVG fixo unha defensa dos medios públicos e explicou que se ía vestida de negro ese venres era para defender como o resto dos seus compañeiros unha televisión ao servizo dos espectadores e non dos intereses dos partidos.

O expediente en curso expón a xornalista a unha falta "moi grave" ante a que cabe o despedimento

Na mesa presidencial dese acto estaba sentado xunto a outras personalidades, Alberto Núñez Feijóo, que segundo varias testemuñas, expresou a súa incomodidade polas reivindicacións da presentora da canle autonómica. Moyano, que presenta a segunda edición do Telexornal, xa presentara a súa dimisión xunto ao seu compañeiro Alfonso Hermida por discrepancias cos criterios informativos da dirección do ente, nomeada polo Partido Popular. Ambos os presentadores anunciaron que renunciaban a conducir ese Telexornal na nova tempada que arrinca en setembro.

A semana seguinte á celebración da gala foi un fervedoiro nos despachos da Televisión de Galicia. Fontes do persoal aseguran que a Moyano preguntáronlle repetidamente se o seu contrato amparaba a presentación de eventos, aínda que estes fosen benéficos e non implicasen ningunha retribución. Unha vintenta de presentadores asinaron entón un documento de solidariedade con Moyano no que advertían que todos eles presentaran actos públicos e privados, sen ser apercibidos pola dirección.

A dirección da CRTVG alega que Moyano se maquillou nas instalacións públicas para presentar a gala contra o cancro

A dirección de TVG preguntou daquela se Moyano utilizara material da canle autonómica para presentar a gala. Fontes do comité sosteñen que os medios que se utilizaron foron facilitados pola ONG que organizaba o evento. A cúpula da televisión autonómica alega que Moyano se maquillou nos camerinos de TVG coa axuda das traballadoras da casa e que iso supón unha falta moi grave, que é a que motiva o expediente sancionador.

"Represalia irracional"

A representación dos traballadores asegura que a "desmedida reacción da Corporación obedece exclusivamente a unha represalia irracional contra unha traballadora que protestou contra o férreo control informativo da TVG en presenza do presidente da Xunta". "En lugar de adoptar as medidas adecuadas para erradicar a censura previa e a manipulación instalada nos medios públicos", alega o comité intercentros nun comunicado, a dirección de TVG opta por abrir "un expediente sancionador que é un acto máis próximo á corrupción institucional que á normalidade democrática".

"A desmedida reacción da Corporación obedece a unha represalia contra unha traballadora que protestou contra o control informativo", di o comité de empresa

Os traballadores alertan da "grave deterioración das relacións laborais na Corporación por parte do actual equipo directivo" que preside Alfonso Sánchez Izquierdo, un xornalista moi próximo ao PP que foi colocado á fronte dos medios públicos en 2009 sen o apoio explícitou de ningún outro partido. Seguiu no posto a partir de 2011 a pesar de que a nova lei dos medios públicos obrigaba a que o Parlamento o elixise cunha maioría cualificada que esixía o consenso de varios grupos políticos. Sánchez Izquierdo sempre colocou a TVG como un exemplo de pluralidade, fronte ás denuncias dos traballadores e da oposición que ven na televisión e a radio autonómica un instrumento de propaganda do Partido Popular.

As protestas intensificáronse desde hai un par de meses cando unha parte do persoal da televisión autonómica decidiu sumarse aos venres negros reivindicativos do persoal de Radio Televisión Española. Este venres a mobilización dos profesionais de TVG céntrase na denuncia do caso da xornalista expedientada.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A ameaza de despedimento acrecenta as protestas de persoal na CRTVG: "Non paramos, non temos medo"

Persoal da quenda de tarde na sede central da CRTVG en San Marcos, no undécimo venres negro / Defende a Galega

D.L.

A ameaza de despedimento incluída no expediente aberto á presentadora dimisonaria do Telexornal Serán, Tati Moyano, pola suposta utilización de medios da canle pública para presentar unha gala contra o cancro, acto no que se referiu ás protestas de persoal da CRTVG ante o presidente da Xunta, non fixo máis que acrecentar as protestas. Así, o undécimo venres negro volveu ser unha xornada de reivindicación do cumprimento íntegro da lei de medios públicos do ano 2011 -dende a elección da dirección xeral da corporación por maioría reforzada á constitución dos Consellos de Informativos- ou da fin do que denuncian como sistemática manipulación informativa, pero tamén de solidariedade coa traballadora expedientada.

"Porfiar nuns medios públicos ao servizo da sociedade é unha obriga para quen traballamos neles", din dende Defende a Galega, o colectivo artellado polo persoal mobilizado ao abeiro dos venres negros. "Por responsabilidade e aínda que amole a algúns, volvemos vestir de negro" e "aquí seguiremos, malia ás ameazas", advirten. "Temos unha responsabilidade social, temos principios e non temos medo", agrega o persoal, que un venres máis divulgou numerosas imaxes a través das redes sociais de concentracións de protesta en diferentes instalacións da CRTVG, por segunda vez indicando nomes de persoas que as secundan.

Protesta de persoal da CRTVG no undécimo venres negro / Defende a Galega

A Federación de Asociaciones de Periodistas ve o expediente contra Moyano "desproporcionado e vingativo" e "claramente ligado a que se significou por participar activamente contra a manipulación informativa"

Alén das mostras de apoio a través das redes, o expediente a Moyano suscitou tamén o pronunciamento formal da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), á que a xornalista está asociada a través da súa delegación en Santiago e á que solicitou amparo. Para este colectivo profesional, o procedemento aberto contra Moyano é "desproporcionado e vingativo" e obsérvano "claramente ligado a que se significou por participar activamente contra a manipulación informativa na TVG" e "polo seu apoio á campaña dos venres negros". 

Por este motivo, FAPE e Asociación de Periodistas de Santiago, que a integra, "outorgan o seu apoio e aceptan a petición de amparo da xornalista". Poñen ademais "todos os seus medios e solidariedade ao seu alcance para a súa defensa ante a ameaza de despedimento", agregan nun comunicado.