O BNG denuncia na UE os "graves problemas de manipulación" na CRTVG

Traballadores da CRTVG, na Eurocámara © BNG

O BNG leva a Bruxelas o que considera "graves problemas de manipulación" na CRTVG. A eurodeputada Ana Miranda denunciouno nunha pregunta escrita dirixida á Comisión Europea, da que cre que é "imprescindible" que tome medidas e faga cumprir a súa propia normativa na defensa do dereito á información e á pluralidade nos Estados membros.

Ana Miranda denuncia a "manipulación" na CRTVG nunha pregunta escrita dirixida á Comisión, á que pide que tome medidas

“Son escandalosos os casos de manipulación e falseamento das informacións que sinala o Comité Intercentros da CRTVG na denuncia presentada recentemente na Comisión de Peticións”, destaca Miranda, que advertiu do "exhaustivo" labor levado a cabo polos integrantes deste comité para "documentar perfectamente exemplos de manipulación". E fixo referencia ao tratamento da comparecencia de Rajoy nos xulgados, da sentenza do caso Gürtel ou da mobilización contra a mina de Touro, así como das declaracións realizadas por ela mesma na súa conta de Twitter sobre a inmigración. "Desde a conta do medio público ocultouse o contexto e o sentido no que foron realizadas", destaca o Bloque. 

O Bloque cre que a Xunta e a CRTVG incumpren varias normativas comunitarias por "restrinxir o pluralismo e a liberdade de información"

Na iniciativa presentada, o BNG asegura que a Xunta incumpre a directiva 2010/13/UE de Servizos de Comunicación Social Audiovisual, que declara que é esencial que os Estados membros "eviten feitos que poidan restrinxir o pluralismo e a liberdade de información". Ademais, especifica que entre as obrigas impostas polo Tratado da UE, os Estados son responsables da aplicación efectiva da mesma para potenciar ese pluralismo e polo tanto o Goberno galego é responsable do seu cumprimento.

O Bloque cre que tanto a Xunta como a dirección da CRTVG "conculcan a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE", que declara que toda persoa ten dereito à liberdade de expresión, que inclúe a liberdade de opinión e a liberdade de recibir ou comunicar informacións ou ideas sen a interferencia de autoridades públicas.

Ademais, Ana Miranda dixo sumar o seu apoio e o do BNG aos venres negros que o persoal da CRTVG está a celebrar para reivindicar uns medios públicos "libres e sen manipulación". E confirmou tamén que participará na manifestación convocada para o vindeiro 8 de setembro en Compostela pola independencia e pluralidade da radio e televisión públicas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.