0 Gardados para despois

Outro venres negro co persoal da CRTVG mobilizado: "Aquí seguimos, sen descanso"

Redacción | @prazapublica

"E aquí seguimos un venres máis, sen descanso, esperando polos compañeiros e compañeiras que están de vacacións e os que están a punto de unirse á nosa reivindicación porque non queren seguir calando". Desde o colectivo Defende A Galega volven reivindicar "medios libres e plurais" e o e o "cumprimento íntegro da Lei de Medios" no seu 14º venres negro. 

Neste 24 de agosto, outra xornada máis na que traballadores e traballadoras volveron vestir de loito e preparan xa a gran manifestación á que os comités de empresa desa casa e de RTVE convocaron a todos os profesionais e á sociedade galega para o vindeiro 8 de setembro en Compostela.

"Aquí seguimos, sen descanso, esperando polos compañeiros e compañeiras que están de vacacións e os que están a punto de unirse á nosa reivindicación porque non queren seguir calando"

A deste venres é a décimo cuarta protesta en negro dunha serie que comezou a finais de maio seguindo o ronsel das mobilizacións, precisamente, do persoal de RTVE que esixía o desbloqueo do proceso parlamentario para renovar a cúpula da corporación estatal por concurso público. A protesta na CRTVG colleu pulo, gañou adeptos e difusión e tivo o seu punto de inflexión a mediados de xuño, cando os presentadores do Telexornal Serán, Tati Moyano e Alfonso Hermida, anunciaron a súa renuncia a continuar conducindo o espazo en protesta polo control informativo. Pouco despois, o apercibimento e posterior ameaza de despedimento a Moyano, que evidenciou a protesta contra o uso partidista dos informativos públicos no transcurso dunha gala benéfica que presentaba, con Alberto Núñez Feijóo entre o público, acabou por amplificar unha reivindicación que non se detén.

Malia as vacacións e agosto, nada fai decaer polo momento unha reivindicación desdeñada pola cúpula da CRTVG, cuxo director xeral negou que participar nela fose un exercicio de "valentía", e que se prevé moito maior a partir de setembro. Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu en desligarse dela e dos seus motivos --"eu non dirixo a TVG", resolveu--. Pero en San Marcos e San Caetano non se disimula a incomodidade polo movemento Defende a Galega, que vai superando todos os atrancos políticos, sociais e mediáticos, non sen dificultades pero con determinación.

Persoal da CRTVG na delegación da Coruña, no 14º venres negro / © Defende A Galega

Volveron as vestimentas negras e a difusión de imaxes de traballadores e traballadoras de loito nas redes sociais co cancelo #VenresNegro14CRTVG. Todo a pouco máis de dúas semanas da manifestación convocada para o vindeiro 8 de setembro polo comité intercentros da CRTVG e o comité de empresa da Corporación de Radio e Televisión Española en Galicia (CRTVE-Galicia) "pola dignidade dos medios públicos de comunicación".

Os comités da CRTVG e da RTVE-Galicia convocan o persoal e a sociedade á manifestación do 8 de setembro "pola dignidade dos medios públicos"

A manifestación consiste nunha marcha que sairá ás 10.30 horas das instalacións da CRTVG en San Marcos,  pasará inmediatamente despois pola sede que CRTVE ten tamén en San Marcos, e rematará na compostelá Praza das Praterías por volta das 12.30. O percorrido ata chegar á cidade coincide co último treito do Camiño de Santiago.

Xa na praza das Praterías, procederase á lectura dun manifesto común das dúas empresas públicas que recolle os motivos da manifestación e as demandas que pretenden facer públicas as e os representantes do persoal da CRTVG e de CRTVE. A música de Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz acompañará o acto reivindicativo, que suporá un antes e un despois para os medios de comunicación públicos de Galicia e en Galicia. Un antes e un despois.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.