0 Gardados para despois

Persoal da CRTVG esixe o cumprimento da lei dos medios públicos no sétimo 'venres negro'

Redacción | @prazapublica

"Cumprimento íntegro da lei de medios", aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor. Foi principal reivindicación do persoal da CRTVG mobilizado dende hai case dous meses contra o control gobernamental da Televisión de Galicia e da Radio Galega no seu sétimo "venres negro". Dúas semanas despois de que o director xeral da corporación pública, Alfonso Sánchez Izquierdo, ningunease estas protestas e negase "control político" nos informativos dos medios públicos, a sede central de San Marcos e as diversas delegacións volvéronse tinguir de negro.

A lei xa foi incumprida aos seis meses da súa entrada en vigor

Nunha xornada que tamén o persoal de RTVE en Galicia secundou a súa protesta en negro -"non casamos con ningún partido", resaltan-, nos medios públicos galegos os sindicatos que representan o persoal e mais a plataforma creada ao fío das protestas, Defende a Galega, reiteran as súas peticións. "Queremos uns medios públicos que só sirvan aos galegos e ás galegas", resumen, e por iso "cada día somos máis na defensa da súa dignidade", "malia ás vacacións de moitas compañeiras e malia ao mal clima laboral que está a xerar a dirección", agrega a CUT.

Persoal da Radio Galega, no sétimo venres negro / Defende a Galega

Sobre o sétimo venres negro pairou unha pregunta para resumir o incumprimento do texto legal. "Por que levamos sete anos sen Consello de Informativos e incumprindo sistematicamente a maioría dos principios inspiradores da lei?", cuestionan dende Defende a Galega. "Esiximos, con máis convicción ca nunca, o cumprimento íntegro da lei de medios" e por iso, resaltan, tamén apelan ao apoio da cidadanía en xeral, chamamento que lanzaron durante toda a semana a través das redes sociais. "Necesitamos o teu apoio, tamén pelexamos por ti, polos teus medios públicos", din.

"Por que levamos sete anos sen Consello de Informativos e incumprindo sistematicamente a maioría dos principios inspiradores da lei?", pregunta o persoal mobilizado

Como en anteriores venres negros nas imaxes da protesta xúntanse persoas que traballan por tras das cámaras da televisión ou lonxe dos micros da radio xunto con algúns dos rostros coñecidos das canles públicas, especialmente dos informativos. Neste sentido, o persoal lembra o paso adiante dos presentadores do Telexornal Serán, Tati Moyano e Alfonso Hermida, que decidiron dimitir dos seus postos en protesta polo control informativo, ou da tamén presentadora de informativos Marga Pazos, que "secunda tamén o venres negro" malia "non poder ir de negro no plató porque non deixan usar esa cor aos presentadores".

Persoal da TVG en Ourense, no sétimo venres negro / Defende a Galega

O persoal que participa nestas protestas prevé mantelas para por en evidencia o incumprimento dunha lei do que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se desligou a finais de xuño. "Eu non dirixo a televisión galega", respondeu o presidente ao ser cuestionado pola falta de aplicación íntegra do texto, aprobado en 2011 e que cuxa primeira modificación, impulsada polo seu Goberno, permitiu a Sánchez Izquierdo continuar á fronte da dirección xeral por tempo indefinido e non ser substituído de inmediato por outra persoa avalada por, cando menos, dous terzos do Parlamento -50 escanos- ou, de non lograrse, por un mínimo de 3 quintos -45-, como marca a lei.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.