0 Gardados para despois

O director da CRTVG minimiza as protestas do 'venres negro' e nega "control político" dos seus informativos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Quinto 'venres negro' na CRTVG. Dende que, hai un mes, persoal da Televisión de Galicia e da Radio Galega decidiu secundar a vaga de mobilizacións que, no seo de RTVE, clama pola fin da inxerencia do Goberno de España na liña informativa das canles estatais, a cuestión da influencia da Xunta nos medios públicos galegos regresou á actualidade e ao debate político. As protestas xerais contra a "manipulación informativa" e reclamacións concretas como o cumprimento íntegro da lei dos medios públicos, aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor, alimentaron unhas mobilizacións que neste quinto venres viñeron marcadas pola dimisión dos presentadores do Telexornal Serán para protestaren, precisamente, por ese control informativo.

Concentracións na sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago) ao berro de "manipulación é corrupción", paros nas delegacións e elocuentes imaxes de xornalistas e cámaras vestidos de negro nas súas coberturas informativas cadraron este venres coa comparecencia no Parlamento do director xeral dos medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, a quen lle correspondía debullar os resultados económicos da Corporación durante o ano 2017. No entanto, a sesión non foi allea á petición de explicacións por parte de toda a oposición a respecto das protestas do persoal e do propio incumprimento da lei. Sánchez Izquierdo, pola súa banda, reiterou a negativa de calquera control político na liña informativa da televisión ou da radio públicas.

Sánchez Izquierdo: "Non sei que ten que ver a CRTVG no tema do control político coa Secretaría Xeral de Medios da Xunta"

O feito de que os grupos de En Marea, PSdeG e BNG na comisión vestisen de negro en solidariedade co persoal mobilizado causou evidente malestar no Grupo Popular e no propio director xeral. Alén da cuestión da presentación das contas "non podemos facer como se non estivese a acontecer nada", como se "non tivésemos unha radio e televisión públicas que se dedican, sobre todo na parte informativa, a crear unha realidade paralela" baseada na "exaltación do Goberno" de Alberto Núñez Feijóo, sinalou dende o BNG Olalla Rodil. "As escaletas -ilustrou- semella que máis ben as fai a Secretaría Xeral de Medios, que é o mesmo que dicir a secretaría de comunicación do presidente".

Un intre da mobilización na sede central da CRTVG durante o quinto 'venres negro'

A situación é "tan grave e bochornosa que dimitiron dous xornalistas", lembrou a parlamentaria do Bloque e por iso "este non é un contexto normal", senón "de alta conflitividade", resaltou Paula Vázquez Verao dende En Marea. A lei de medios de 2011, salienta Vázquez Verao, é incumprida a comezar "pola propia persoa" do director xeral, toda vez que aínda non foi elixido por maioría reforzada da Cámara.

Dende o PP a deputada Raquel Arias lamentou que ambas deputadas empregasen a comisión parlamentaria para "falar de interpretacións políticas" e, na súa opinión, traspasar "todos os límites da demagoxia", dixo entre evocacións do Goberno bipartito finalizado hai máis de 9 anos. Sánchez Izquierdo, pola súa banda, negou a existencia de influencia gobernamental ningunha. "Non sei que ten que ver a CRTVG no tema do control político coa Secretaría Xeral de Medios da Xunta; nunca tiven unha chamada telefónica que afectase a contidos da CRTVG", resolveu en resposta a Rodil. Sobre as protestas, Sánchez Izquierdo apela a ter en conta "dunha vez" que "os traballadores da CRTVG tamén son plurais" e "hai xente de moitísimas cores; teñen as súas conviccións, as súas ideas, uns opinan unhas cousas e outros, opinan outras".

O tratamento do caso Gürtel

Persoal dunha das delegacións da CRTVG, no quinto 'venres negro'

As acusacións de control político continuaron na segunda parte do debate, na que o deputado Luis Álvarez cuestionou a Sánchez Izquierdo no nome do PSdeG a respecto da cobertura realizada pola Televisión de Galicia a respecto da sentenza do caso Gürtel, toda vez que para os socialistas este asunto foi "minimizado" na canle pública "ata extremos insultantes". Esa "breve referencia", advertiu, "saltou a medios de comunicación de todo o Estado" e leva o PSdeG á "conclusión" de que "dende a presidencia do Goberno se dixo que había que minimizar a sentenza da Gürtel".

O PSdeG acusa a canle pública de "minimizar" o tratamento informativo da sentenza e o director xeral lamenta "imputacións que non eran verdade" a respecto do tempo dedicado á información

Álvarez obtivo unha irada resposta de Sánchez Izquierdo. A controversia polo tratamento informativo desta sentenza debeuse, afirmou o director xeral, a unha "campaña formidable contra a TVG" para acusala dunha "hipotética ou presunta manipulación dos servizos informativos". "Falouse de só se daban 40 segundos do caso Gürtel" cando en realidade, afirma, esa foi unha "previsión na véspera da saída da sentenza". Neste sentido, insta a sumar o tempo dedicado no Telexornal a esta información contando os titulares o vídeo ao respecto e os insertos con declaracións de líderes políticos do PP, Podemos e Ciudadanos -o PSOE aínda non reaccionara á sentenza á hora do Telerxornal Mediodía, especificou-, para concluír que "durou 5 minutos e 10 segundos". 

"Gustaríame que axudemos a non manchar a traxectoria dalgúns traballadores da CRTVG" aos que "se lle fixeron imputacións que non eran verdade", di Sánchez Izquierdo. O director xeral insta ademais a "repoñer o nome da traballadora que fixo a información e deixar claro que todo o que se emitiu". 

Quinto 'venres negro' na CRTVG

Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.