0 Gardados para despois

Feijóo sentencia que a "manipulación" na CRTVG rematou coa súa chegada á presidencia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O 6 de setembro de 2007 o Consello da Xunta formalizaba o cesamento de Antón Losada como secretario xeral da Vicepresidencia do Goberno galego. O alto cargo abandonaba o posto tras diversas tensións internas e externas vinculadas coa súa xestión como número dous do departamento que dirixía Anxo Quintana, entre elas, un duro enfrontamento con responsables da Televisión de Galicia do que informara o diario El País. A ese episodio aferrouse este mércores por enésima vez o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para negar a existencia de manipulación informativa nos medios públicos de comunicación e sinalar a súa chegada á presidencia do Goberno galego como suposto punto final desta práctica.

Tras sete 'venres negros' de mobilización de persoal da televisión e a radio públicas con esixencias como o cumprimento íntegro da lei de medios e despois da dimisión dos presentadores do Telexornal Serán como protesta polo control informativo, o presidente rexeitou este mércores recibir "leccións de manipulación" da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que o cuestionou ao respecto no Parlamento. Segundo Feijóo, "o grao de manipulación que había na TVG" hai unha década "supera calquera límite do previsible", pero agora non existe. Por iso "falar de manipulación" na actualidade é "enganar", sostivo durante unha sesión seguida ao vivo por membros da plataforma Defende a Galega, composta por persoal da CRTVG que protesta, precisamente, contra esa manipulación.

Segundo o presidente da Xunta, "falar de manipulación" na actual TVG supón "enganar" a cidadanía

Para a líder do Bloque o PP converteu a CRTVG "nunha especie de botafumeiro 4.0" do presidente, un gran "aparello de propaganda" que ademais "incumpre a lei" de 2011 e "vulnera a función de servizo público" para "construír unha realidade paralela á medida das necesidades propagandísticas do PP", así como "unha imaxe desfasada" dun país que está "décadas por diante da imaxe da TVG". Por iso, dixo Pontón, o BNG ofrece ao presidente un "pacto" para "cumprir a lei", un "compromiso" para "designar a dirección xeral por concurso público" e poñer en marcha os órganos previstos na lei incumprida, tales como o Consello de Informativos que reclama o propio persoal. "Si ou non?", retou. "Se é que non, é que quere seguir tendo na súa man o mando da TVG e iso é unha fraude democrática".

Pontón insta a "cumprir a lei" dos medios públicos como primeiro paso para que a CRTVG deixe de "construír unha realidade paralela á medida das necesidades propagandísticas do PP"

"De que manipulación me está falando?", teimou o presidente . "O que sei é que os informativos da TVG son os máis seguidos por todos os galegos" e que a canle galega é "a máis seguida de todas as autonómicas". "Se houbo algún momento de manipulación estrita" foi no mandato do Goberno de coalición que rematou en 2009, sostén, e por iso dá en atribuír ás críticas ao actual modelo a un intento de "torpedear permanentemente o que funciona menos mal que no resto das televisións".

A única "manipulación", segundo o líder popular, é "a que queren introducir a todos os galegos" quen "di que se quere manipular". Tamén, sostén, a que van aplicar o PSOE, Podemos e "os independentistas" cataláns en RTVE.  Pero a cidadanía galega, "no exercicio da súa liberdade", proclama, vai seguir "informándose de acordo cos profesionais" dos medios autonómicos

O presidente evitou outra volta, non obstante, pronunciarse sobre o cumprimento da lei de medios, cuxos preceptos comezaron a incumprirse seis meses despois da entrada en vigor da norma, hai xa sete anos. A aplicación do texto legal foi, precisamente, a reivindicación central do pasado 'venres negro' no marco dun calendario de mobilizacións que, advirte o persoal, continuará nos vindeiros meses.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O presidente sae na defensa da Valedora porque "entregar a súa cabeza" sería "inxusto"

Alberto Núñez Feijóo e Luís Villares, no Parlamento

D.L.

Nos días posteriores á sentenza coa que o Tribunal Superior de Xustiza anulou o nomeamento da xefa de Administración do Valedor do Pobo ao considerar que foi un proceso "arbitrario" e deseñado "á medida" pola titular da institución para outorgarllo á candidata que o logrou, o presidente da Xunta non deu en defender abertamente a Milagros Otero. Ben ao contrario, Alberto Núñez Feijóo optou por considerar necesaria a súa comparecencia e admitir deficiencias no procedemento que culminou coa elección de María Puy Fraga, filla do catedrático que fora superior académico de Otero na USC, irmá do actual voceiro parlamentario do PP e sobriña de Manuel Fraga. 

Esa petición de explicacións do presidente producíase cando a oposición xa activar ao procedemento para a destitución da Valedora, cesamento que o propio PP bloqueou este luns cos seus votos no Parlamento. Tras avalar co seu voto a continuidade de Otero -"non temos por que asumir os postulados xudiciais", argumentaron os populares- Feijóo saíu este mércores na súa defensa. "O certo é que hai unha sentenza que establece defectos nunha libre designación", concedeu, pero "votei a favor" da súa continuidade e "en conciencia, porque era a miña obriga. "Era moi fácil entregar a cabeza" de Otero, pero "facer o fácil é facer o inxusto".

Villares ve demostrado que o PP "leva a corrupción no seu ADN, forma parte do seu sistema operativo" tras o aval á continuidade de Milagros Otero como Valedora do Pobo

Feijóo despregou esta argumentación en resposta ao voceiro de En Marea, Luís Villares, quen durante a sesión de control lamentou o "triste e bochornoso" que, ao seu xuízo, é que o partido do Goberno "avalase o enchufismo do bo, do clásico, o de colocar os amigos e os fillos dos discípulos" e se situase, cos seus votos, "do lado dos apelidos e do privilexio". "Porque vostedes -censurou- levan a corrupción no seu ADN, forma parte do seu sistema operativo".

Do punto de vista do presidente as acusacións de Villares supoñen "inxurias e calumnias ao maior partido democrático de Galicia", en referencia ao PP, todo un ataque aproveitando as "confusións e dúbidas" que, cre Feijóo, motivaron a condena á Valeduría. "Acreditouse" que o Tribunal "non tiña toda a información no expediente", que a estratexia de defensa da Valedora foi "deficiente" e que se o TSXG "tivese toda a información, a sentenza non sería a mesma".

É por iso que o titular da Xunta esixiu ao voceiro de En Marea "respectar as verdades"; fíxoo xusto antes de volvelo acusar de "ditar sentenzas contra a Xunta" na súa etapa como maxistrado do Tribunal Superior "simultaneamente á preparación da súa candidatura á presidencia da Xunta". Feijóo lanzou esas acusacións na súa quenda final, xa sen posibilidade de retruque por parte de Villares. O voceiro de En Marea esixiu á presidencia da Cámara a retirada desas verbas, "inxuriosas contra a sala ou a sección" do Tribunal que ditou cada sentenza mentres el exerceu. Miguel Santalices, no entanto, considerou que esa queixa "non procede" e apercibiu formalmente a Villares pola protesta.