O PP salva a Valedora da destitución: "Non temos por que asumir os postulados xudiciais"

Feijóo, dirixíndose a votar a prol da permanencia de Otero como Valedora CC-BY-SA En Marea

Milagros Otero continuará a ser a Valedora do Pobo malia non contar co apoio dun mínimo de 45 dos 75 membros do Parlamento, como estipula a lei da institución para elixir este posto. Os votos do PP atrancaron este martes o proceso de destitución de Otero, activado polos tres grupos da oposición tras a sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou o nomeamento da xefa do Servizo de Administración e Persoal da institución, María Puy Fraga, ao considerar que a elección foi "arbitraria" e influída por un "desvío de poder" da propia Valedora, a quen a Sala atribúe interferencias co obxectivo de dar o cargo a quen é tamén filla do seu antigo superior na Facultade de Dereito da USC, irmá do voceiro parlamentario do PP e sobriña de Manuel Fraga.

"Non imos tomar decisións firmes cando non hai unha sentenza firme", esgrimiu no nome do PP a súa vicevoceira, Paula Prado, quen en calquera caso advertiu de que "non temos por que asumir os postulados xudiciais". Ao contrario do considerado polo Tribunal Superior, os de Núñez Feijóo só admiten que a institución do Valedor puido cometer algún "erro" na súa "estratexia de defensa" porque, segundo Prado, no partido do Goberno teñen claro que "non houbo desvío de poder por parte de ninguén", senón pouco máis que "casualidades" empregadas pola esquerda para "enlamar" a familia Fraga e emprende runha "carreira de destrución das institucións".

Paula Prado coida que "non houbo desvío de poder por parte de ninguén", só "casualidades" que a esquerda usa para "enlamar" a familia Fraga e "destruír as institucións"

Esta pechada defensa de Otero, a quen Prado volveu atribuír méritos de defensa das persoas "sen teito" cando "o Concello de Santiago os deixaba morrer" -a Valedora deu en revelar datos privados destas persoas e dixo ter "moitísimas" queixas ao respecto que realmente eran dúas-, chegou despois de que toda a oposición considerase imprescindible a remuda. "Galicia non merece pasar este bochorno e vivir esta vergoña", advertiu no nome de En Marea o seu voceiro, Luís Villares, quen ve "indigno" que Otero "desprezase os dereitos fundamentais" para "enchufar unha amiga, a sobriña de Manuel Fraga, a filla do seu antigo xefe".

Paula Prado (PP), Luís Villares (En Marea); Patricia Vilán (PSdeG) e Xosé Luís Rivas (BNG)

Luís Villares: "Galicia non merece pasar este bochorno; a Valedora desprezou dereitos fundamentais para enchufar unha amiga"

"Se non a queren cesar -razoa Villares- é que lles parece ben o que fixo", polo que cabe preguntarse "que máis ten que suceder" para que non a consideren apta para o posto. "Xa a colleron mentíndolle a un tribunal para que a verdade quedase oculta; a quen protexe a Valedora mentindo a un tribunal?", pregúntase o voceiro de En Marea, para quen o PP tornou en cómplice de todo un "bochorno democrático".

En Marea, PSdeG e BNG lembran que Otero xa non ten o apoio dos 45 membros da Cámara que a levaron ao posto

A petición de cesamento por parte de En Marea ía asinada tamén polo PSdeG, cuxa deputada Patricia Vilán ten claro que Otero "xa non está lexitimada" para seguir no cargo, a comezar porque "lle foi retirada a confianza dos tres quintos" da Cámara que son necesarios para a súa elección. O que está sobre a mesa non son "simples opinións", senón "o poder xudicial" a sentenciar que "foi a propia Valedora quen indicou os criteiros para seleccionar a candidata cun traxe á medida". O proceso, di a socialista, "estaba predeterminado para que a elixida fose" quen o foi e Otero debería deixar o posto pero grazas ao PP, censura, "imos facer un ridículo espantoso ante o Tribunal Supremo" co anunciado recurso contra a sentenza.

O PP, agregou dende o BNG Xosé Luís Rivas, 'Mini', tiña "a pelota no seu tellado", a oportunidade de "salvar do descrédito" a Valeduría e afastar da institución a quen cometeu un "abuso de poder manifesto", iso ao que "se lle chama caciquismo dende hai tempo". Pero, segundo o PP, "o que temos que valorar" é se a Vaeldora "cumpriu coas súas obrigas" e "consideramos que si", zanxou Paula Prado.

Milagros Otero, na súa toma de posesión como Valedora do Pobo en 2015 © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.