A CRTVG volve defender a fichaxe da ex-Valedora para a Radio Galega polo seu "prestixio social indubidable"

Alfonso Sánchez Izquierdo, durante a comisión de control da CRTVG © Parlamento de Galicia

O director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, volveu defender este xoves a incorporación á Radio Galega da ex-Valedora do Pobo, Milagros Otero, como participante nos faladoiros do programa Galicia por Diante tan só uns meses despois da dimisión do seu cargo.

Como xa fixera hai algo máis dun mes, Sánchez Izquierdo aludiu ao "prestixio social e académico indubidable" da ex-Valedora para responder ás preguntas da oposición, desta vez da deputada socialista Noela Blanco, que denuncian que os medios de comunicación públicos acollesen a Milagros Otero pouco despois da súa dimisión por ter facilitado un cargo na institución á sobriña de Manuel Fraga. 

Sánchez Izquierdo aludiu ao "prestixio social e académico indubidable" da ex-Valedora para xustificar a súa fichaxe pola Radio Galega ao pouco de dimitir

Unha sentenza do TSXG anulara por "desvío de poder" e "arbitrariedade" o nomeamento como xefa de servizo na institución que dirixía Otero dunha sobriña do falecido ex-presidente da Xunta, irmá do actual voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy. O proceso, segundo o Superior, fora trazado "á medida" da elixida. O pasado mes de xullo a daquela Valedora presentou o seu escrito de dimisión tres meses despois de presentar ante a Cámara unha renuncia que foi modificada para poder seguir no cargo por tempo indefinido

Tan só unhas semanas despois de confirmarse a súa marcha, a Radio Galega incorporouna como participante dos seus debates, unha decisión que Sánchez Izquierdo defende con vehemencia nas comisións de control da CRTVG no Parlamento, tamén nesta última, acusando a oposición de "quererlle dar alcance político a un tema o que a Corporación ten que estar á marxe". 

Milagros Otero, na súa toma de posesión como Valedora do Pobo en 2015 © Parlamento de Galicia

"A nivel académico e intelectual, a súa valía é incuestionable", asegurou Sánchez Izquierdo, logo de facer un detallado repaso polo currículo de Otero e de advertir de que a súa participación no programa Galicia por Diante continuará. Formará parte, xa que logo, dun grupo de tertulianos que cumpren, segundo engadiu, "coa pluralidade e a representación de todas as sensibilidades da sociedade galega". 

Sánchez Izquierdo defende a conveniencia do programa político 'Conexión Madrid', emitido desde a capital estatal: "Non acabo de entender cal é o problema"

"A ética é fundamental, non ó o currículo", retrucou a deputada Noela Blanco, que aproveitou a súa intervención na comisión para criticar que o debate electoral previsto na TVG estea marcado para as 10 da mañá dun día laborable, así como para preguntar pola conveniencia de que a canle pública emita un programa de debate político desde a capital do Estado, en referencia a Conexión Madrid

"Non acabo de entender cal é o problema", asegurou Sánchez Izquierdo, que gabou tamén o currículo dos profesionais que participan no programa por ser "referentes" e cunha "calidade argumental e de debate fóra de toda dúbida" nun "faladoiro de alto nivel". "O xornalistmo galego está pasando por unha época dourada na capital do Estado", rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.