A CRTVG defende a fichaxe da ex-Valedora tras a súa dimisión por facilitar un cargo á sobriña de Fraga

Sánchez Izquierdo, durante a sesión de control parlamentario á CRTVG © Parlamento de Galicia

O director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu este venres a incorporación á Radio Galega da ex-Valedora do Pobo, Milagros Otero, como participante nos seus faladoiros tan só uns meses despois da dimisión do seu cargo.

Unha sentenza do TSXG anulara por "desvío de poder" e "arbitrariedade" o nomeamento como xefa de servizo na institución que dirixía Otero dunha sobriña do falecido ex-presidente Manuel Fraga, irmá do actual voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy. O proceso, segundo o TSXG, fora trazado "á medida" da elixida. O pasado mes de xullo a daquela Valedora presentou o seu escrito de dimisión tres meses despois de presentar ante a Cámara unha renuncia que foi modificada para poder seguir no cargo por tempo indefinido. Tan só unhas semanas despois de confirmarse a súa marcha, a Radio Galega incorporouna como participante dos seus debates, unha decisión que defendeu este venres Sánchez Izquierdo na comisión de control da CRTVG no Parlamento. 

A Valedora dimitiu tras anular o TSXG o nomeamento da sobriña de Fraga na entidade por "desvío de poder"; a Radio Galega vén de incorporala aos faladoioros

A preguntas da deputada Noa Presas, do BNG –que xa denunciou esta fichaxe--, o director xeral da Corporación asegurou que a Radio Galega “recuperaba unha voz de prestixio”, lembrou que non fora “condenada nin investigada por ningún tribunal” e defendeu o seu amplo currículo, tanto académico como “na defensa dos dereitos humanos”. 

Ante as críticas de Presas, que advertiu do nulo “decoro” da Xunta con esta decisión, Sánchez Izquierdo insistiu en que cre “moi positiva” a súa incorporación aos medios públicos, onde xa participara anteriormente nos seus faladoiros. 

Mobilización do persoal da CRTVG polo 70º venres negro © Defende A Galega

Ademais, e malia non ser unha pregunta rexistrada para esta sesión, a CRTVG recibiu tamén críticas polo tratamento informativo dos asasinatos machistas acontecidos en Valga esta semana. A oposición aludiu a “informacións morbosas” e a unhas pezas pouco axeitadas, advertindo, ao fío da recolleita de declaracións e outras prácticas vinculadas, das recomendacións do Colexio de Xornalistas ou do de Psicoloxía, que lembraron a "necesidade" de poñer en prácticas guías de boas prácticas como o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego, “así como a Declaración de Compostela e o resto de recomendacións específicas"

A oposición criticou as "informacións morbosas" sobre o asasinato de Valga e uniuse ás críticas a este tratamento por parte de Defende A Galega

Ante estas acusacións, Sánchez Izquierdo asegurou que o tema da violencia de xénero é “suficientemente tráxico e relevante para non utilizalo” e criticou que “se collan análises e recomendacións de diferentes grupos como verdades absolutas”. 

Precisamente, e no 70º venres negro de protesta, o persoal da CRTVG mobilizado tamén advertiron dalgún tratamento informativo dos asasinatos machistas de Valga, lembrando que “o morbo non é xornalismo” e recordando algunhas das recomendacións do propio Consello de Administración da compañía, como que “o rigor é imprescindible” e “debe prevalecer sobre a urxencia”, que “non todos os testemuños son igualmente fiables” ou que este clase de delitos “non se poden presentar como un crime pasional”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.