Un cesamento en diferido ou, case, en indefinido. Milagros Otero dirixiuse o pasado xoves por carta ao presidente do Parlamento para formalizar a súa vontade de "renunciar" ao cargo. Facíao despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o seu recurso contra a sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulaba por "desvío de poder" o nomeamento como xefa de servizo na institución de María Puy, sobriña do falecido presidente Manuel Fraga, irmá do actual voceiro parlamentario do PPdeG e filla do catedrático de Dereito da USC Francisco Puy, de quen Otero foi "discípula" académica.
Esa misiva, á que tivo acceso Praza.gal, pasou polo rexistro de saída do Valedor do Pobo ás trece horas e vinte e seis minutos do día 4 de abril, desencadeando unha treboada política e mediática na que a palabra "dimisión" tivo engadidas pouco despois expresións como "en diferido" ou matices a respecto da ausencia de inmediatez na súa marcha. Non estaba a imitar a Benigno López, que en 2012 dimitiu como Valedor tras as súas declaracións sobre a suposta conveniencia dos recortes sociais e deixou o cargo de inmediato.
O artigo da lei do Valedor ao que Otero apelaba na súa primeira carta, a renuncia "por ser condenado por delito doloso", implicaba activar decontado o proceso para substituíla
A clave desa primeira carta na que Otero puña o seu cargo "á disposición da Cámara" estaba no artigo da lei do Valedor do Pobo no que se apoiaba. Pedía ao presidente do lexislativo, Miguel Santalices, que "no momento" en que os grupos parlamentarios acordasen o nome da persoa para sucedela, formalizase a súa renuncia "de acordo co previsto no artigo 5.1.5ª" da lei do Valedor.
Ese artigo activa o mecanismo de sucesión no caso de renuncia "por ser condenado, mediante sentenza firme, por delito doloso". Supón que, decontado, o pleno do Parlamento "decida" antes dun mes sobre a persoa titular do posto coa maioría reforzada de tres quintos da Cámara -45 escanos, o que obriga ao acordo do PP con, cando menos, outro grupo- que cómpre legalmente para renovar a institución.
A segunda carta, que Otero enviou advertindo que apreciara un "erro material" na primeira, apela ao artigo que fixa o procedemento a seguir no caso de cesamento por "renuncia" e que lle permite seguir no posto por tempo indefinido
Pero esa carta durou apenas un día. Ás trece horas e corenta e un minutos do pasado venres, 5 de abril, Otero escribiu outra volta ao presidente do Parlamento. Na segunda misiva, á que tamén accedeu este diario, advertía de que viña de apreciar un "erro material" no seu primeiro escrito e por iso o volvía remitir coa "correspondente corrección". A única mudanza é na referencia ao artigo mediante o cal deixa o cargo: xa non apela ao 5.1.5ª, senón ao 5.1.1ª, o cal indica que unha das causas do cesamento do titular da valedoría galega é a "renuncia" a seguir no posto.
A mudanza non é menor. Alén de desvincularse formalmente dunha conduta delituosa, o suposto legal que activa agora é a que indica que o presidente do Parlamento "declarará a vacante no cargo". Pero a lei non fixa prazo ningún para facelo. Daquela, se non hai un acordo inmediato para a remuda -algo pouco probable en pleno período electoral-, Otero pode seguir exercendo por tempo indefinido mesmo alén do outono de 2020, cando remata formalmente o seu mandato cadrando co momento no que tocaría convocar eleccións galegas. Só unha decisión radical do PP sobre a súa destitución podería propiciar unha saída rápida.
A explicación oficial de Otero é que non marcha de inmediato por "responsabilidade" e porque en situacións "complicadas" cómpre "apertar os dentes" e "levantar a cabeza"
Ademais, a vía escollida pola aínda valedora na segunda carta desactiva a posibilidade de que a Comisión de Peticións da Cámara galega poida votar que as funcións da valedoría sexan exercidas en funcións polo vicevaledor, Pablo Cameselle, proposto no seu momento para o cargo polo PSdeG. Cara a el, precisamente, tentou o PP nos últimos días desviar as responsabilidades do acontecido e a propia Otero advertiu de que a súa vontade é de que Cameselle tamén marche cando o faga ela.
A explicación oficial de Milagros Otero é que non marcha de inmediato por "responsabilidade", porque unha institución coma esta non debe ser "descabezada". Ademais, en situacións "complicadas" o que corresponde é "apertar os dentes" e "levantar a cabeza", reflexionou. Mentres, En Marea e BNG xa advertiron de que promoverán votacións no pleno do Parlamento para precipitar a renuncia e o PSdeG estuda tamén como actuar ante o cambio de escenario propiciado pola segunda carta. En calquera caso Milagros Otero segue a ser, cando menos de momento, a Valedora do Pobo a todos os efectos.