A Valedora do Pobo interveu irregularmente para dar o posto de Xefa de Servizo de Administración e Persoal a María Puy Fraga, filla do catedrático de Dereito Francisco Puy, de quen Milagros Otero foi "discípula" académica na Universidade de Santiago, e irmá do actual voceiro do PP no Parlamento, Pedro Puy, de quen ademais era tío o ex-presidente Manuel Fraga. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de considerar que "existen indicios claros" desas manobras á marxe da normativa, que a Valedora nega. No entanto, xa dispuxo que a nomeada abandone o posto, como ordena a sentenza que considera probado que este foi un caso de "arbitrariedade" e "desviación de poder".
O vínculo académico de Otero con Francisco Puy foi o motivo que levou a Valedora a abterse formalmente de participar no proceso. No entanto, segundo a sentenza, "existen datos que permiten deducir que continuou intervindo no procedemento e non se afastou do mesmo, evidenciando interese en que fose seleccionada" quen finalmente obtivo o posto. Así, sempre segundo o ditame xudicail, a Valedora indicou a "determinación dos criterios de selección a valorar" nun informe "decisivo" para o nomeamento, ata o punto de que "boa parte dos criterios de selección e méritos computables foron determinados á medida da candidata que resultou beneficiada".
A Valedora di nun comunicado que xa dispuxo o cesamento da xefa de servizo nomeada, segundo o TSXG, con "arbitrariedade" e "desviación de poder" nun proceso guiado polo "desexo" de "adxudicarlle" o posto
Aínda que a sentenza considera "patente a infracción dos principios de mérito e capacidade" neste caso, que chegou aos tribunais por mor do recurso doutra persoa que optaba ao posto, e observa "sobrados datos" de que a selección estivo guiada "polo desexo" de "adxudicar" o posto "a unha das candidatas, con desprezo da valoración dos méritos e aptitudes evidenciados polos restantes aspirantes", a Valedora nega as irregularidades. Sinala, ademais, ao adxunto á valeduría.
Así, nun comunicado feito público este domingo a institución asegura que o nomeamento anulado polo TSXG foi "obxecto de convocatoria pública" e "a titular da institución non participou no procedemento administrativo". Otero, di a nota, "abstívose de intervir" e foi "substituída polo adxunto ao Valedor". Así e todo o adxunto, Pablo Cameselle, resaltaba o pasado sábado en declaracións a Praza.gal que unha vez que Valedora se afasta dun proceso administrativo está regulado por lei que el asuma a súa representación e asine resolucións a partir dos informes técnicos que lle son remitidos "sen adoptar máis decisións que validar eses informes, sen poder entrar no seu contido".
Otero salienta que se abstivo no proceso, pero o Tribunal ve probado que seguiu intervindo e determinou "criterios de selección" á "medida da candidata que resultou beneficiada"
Mentres dende o gabinete da Valedora aseguran que a institución estuda se interpoñer un recurso de casación contra esta sentenza ante o Tribunal Supremo, a ata agora xefa do Servizo de Administración e Persoal deixa de ser titular da praza e a súa remuda deberá producirse, segundo ditou o TSXG, sen que Milagros Otero "poida ter ningún tipo de intervención no procedemento". Dadas as circunstancias, toda a oposición galega reitera a necesidade de que a alta comisionada abandone o seu posto, dado o seu papel de defensa da cidadanía ante as Administración e tendo en conta, ademais, a súa condición de presidenta da Comisión da Transparencia de Galicia.