O Valedor, o 'cromo' máis amargo do bipartito

Touriño e Quintana, co Valedor, na súa toma de posesión © Valedor do Pobo

Como acontece cos árbitros nas competicións deportivas un bo termómetro para medir o labor das figuras institucionais como o Valedor do Pobo é a súa notoriedade pública. O número de titulares que ocupan figuras como esta adoita ser inversamente proporcional á eficacia do seu traballo, en xeral tan necesario como discreto. No caso do Valedor esa discreción foi a nota dominante nos seus dous primeiros titulares, o respectadísimo José Cora -xa falecido- e José Ramón Vázquez Sandes. Pero non aconteceu o mesmo con Benigno López, que a pasada semana protagonizou a súa enésima polémica ao suxerir no Parlamento que un camiño para evitar as disfuncións da Lei de Dependencia por mor da crise sería "suspender" a súa aplicación, ao tempo que consideraba "imprescindibles, xustos e necesarios" os recortes sociais do Goberno central. 

Esas declaracións provocaron unha rápida reacción de PSdeG e BNG, que esixiron de xeito case inmediato a dimisión de López. Este mércores, no marco da sesión de control, o secretario xeral dos socialistas, Pachi Vázquez, volvía reprochar o aliñamento do Valedor coas teses do PP. "Quere cargalle esta crise á sanidade e á educación pública coa inestimable colaboración de quen tiña que defender os intereses deste pobo; a vostede e ao Valedor parécelles normal retirarlle 10.000 millóns á sanidade e á educación e dárllelos a quen é culpable desta crise". "Se vostede quere traer aquí o problema que teñen co Valedor do Pobo alá vostedes", retrucou o presidente. "Primeiro noméano e agora quéreno cesar", engade.

O Valedor foi elixido en 2007 tras un tirapuxa que se equilibrou co seu nome, que agradou a Feijóo

En efecto, Benigno López foi elixido para o cargo en 2007, durante o mandato do bipartito. Aínda que isto non é sinónimo de que o seu nomeamento fose produto da vontade de socialistas e nacionalistas ou, cando menos, non só deles. Naquela altura a renovación do Valedor era un dos asuntos pendentes tras o cambio de Goberno. José Ramón Vázquez Sandes permanecía co mandato prorrogado, segundo o estipulado na lei impulsada polo Goberno de Fraga en 1994, ata que os grupos parlamentarios acadasen a maioría necesaria para a renovación, tres quintos do Parlamento -45 deputados-. Pero este alto comisionado parlamentario non era a única institución bloqueada. Tamén estaban en funcións tres membros do Consello de Contas, entre eles o conselleiro maior, e o actual xefe do Goberno galego supeditaba tamén un posible pacto a que o director xeral da CRTVG fose elixido no Parlamento.

Neste punto comezou unha caste de intercambio de cromos políticos. Goberno e PP puxeron sobre a mesa os seus respectivos candidatos e tamén os seus respectivos vetos. O daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, rexeitou algunha das propostas dos conservadores e Feijóo fixo o propio coas que chegaban de San Caetano. Finalmente, o tirapuxa foise equilibrando ao lanzar o Executivo o nome de Benigno López, de perfil conservador, que agradou a Feijóo. A contrapartida chegou coa elección como conselleiro maior de Contas de Antonio López, profesor universitario do ámbito da Fundación Iniciativas 21, próxima ao PSdeG e, sobre todo, ao entorno do daquela considerado como touriñismo. O bloqueo dos medios públicos de comunicación mantívose.

As polémicas: da lingua aos servizos sociais

Pero a aceptación máis ou menos forzada do novo Valedor por parte dos socios de Goberno saltaba polos aires apenas dúas semanas despois do nomeamento, cando nunha das súas primeiras entrevistas no cargo López consideraba "perigosa" a introdución da lingua galega na Xustiza "se non se domina". Daquela, Touriño saía ao paso para instalo a "apoiar e facer cumprir a Lei de Normalización Lingüística", lembrándolle ademais que o idioma "nunca fora un problema" no país. O rexeitamento do socialista reproducíase no BNG e en colectivos como A Mesa pola Normalización Lingüística cando, meses despois, apostaba no Parlamento por "potenciar o castelán" onde "prime" o galego, e "á inversa". Xa co actual Goberno na Xunta, en 2010 o Valedor expuña de novo as súas teses lingüísticas, desta volta cargando dende a tribuna da Cámara directamente contra o BNG: "a Galicia que vostedes defenden non ten nada que ver coa que sente a maioría", afirmaba, para despois engadir que os nacionalistas "non poden ir poñéndolle unha pistola no peito a cada cidadán para que fale galego".

Benigno López instou á retirada dun libro de texto que recolle o galego como lingua propia; "se quere, que se presente polo PP", di o BNG

"Quen nos vale do Valedor?", preguntábase retoricamente daquela dende A Mesa Carlos Callón, para reprochar a "actitude chulesca" de López e reclamar o seu cesamento ou destitución. Aínda restaba, non obstante, outro capítulo lingüístico na polémica andaina de Benigno López. A comezos do presente curso escolar López instaba á retirada dun libro escolar que recollía o galego como lingua propia de Galicia por conter "información inexacta e incompleta e, polo tanto, falsa" xa que, na súa opinión, ficaba omitido o castelán. 

O episodio do libro de texto era lembrado este martes polo nacionalista Bieito Lobeira durante un debate parlamentario para reclamar a marcha de López, "o vingador do Pobo", un "maligno Benigno" que, na súa opinión, non está en condicións de defender os galegos. "Se quere, que se presente ás eleccións co PP", engadiu o tamén deputado do BNG Manuel Parga. Este clima e a pechada defensa que do Valedor continúa a facer o PP pode propiciar que o que se revela como cromo máis amargo do antigo bipartito poida continuar no seu cargo alén dos cinco anos que lle corresponden e que se cumpren en xullo se prolonguen, cando menos, ata despois das eleccións autonómicas.

Touriño e Quintana, co Valedor, na súa toma de posesión © Valedor do Pobo
Feijóo, durante a sesión de control © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.