O Tribunal Supremo (TS) decidirá se a Valedora do Pobo pode seguir no cargo despois de facer o que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considerou unha cacicada. Trátase da tradución á linguaxe coloquial das expresións xurídicas de “desviación de poder” e “arbitrariedade” que segundo a máxima instancia xudicial galega concorreron na designación por parte da titular do cargo, Milagros Otero Parga, da súa amiga e filla do seu mestre académico, María Puy Fraga, como xefa de administración desta institución, unha das de maior rango da estrutura autonómica e encargada, precisamente, de velar pola defensa fronte ás administracións dos dereitos e liberdades dos cidadáns, incluídos os dos outros aspirantes a esa praza.
O Tribunal Supremo decidirá se a Valedora do Pobo pode seguir no cargo mentres Feijóo continúa deixando as responsabilidades políticas en mans dos tribunais e a oposición acepta a Paula Prado como interlocutora neste eido
A aposta de Feijóo de trasladar ao TS a resolución sobre o futuro de Otero Parga, en función de como resolva o recurso contra a sentenza do TSXG, supón a confirmación de que nada cambiou na Xunta no que atinxe ás responsabilidades políticas ante a corrupción despois da moción de censura que derribou a Rajoy, filla das condenas da Gürtel, nin tras a dimisión do ministro Màxim Huerta o mesmo día que estoupou o escándalo das súas irregularidades fiscais. Nada mudou neste eido, como tampouco no da oposición, que, aínda que seica agora si o intenta un pouco, segue sen espertar do que xa vai para unha década durmindo no pazo do Hórreo ante o Goberno de Feijóo, sen que se noten as vitaminas que lle dá ao centro-esquerda o gabinete de Sánchez en España, nin o en evidencia que ficou o presidente da Xunta co seu frustrado proxecto de suceder a Rajoy.
Esa posición da oposición no limbo é o segundo elemento destacado que deixou o debate do pasado martes no Parlamento da proposta de En Marea, PSdeG e BNG para destituír a Milagros Otero como Valedora do Pobo, que o PP rexeitou á espera do que dite o TS. A iniciativa, promovida inmediatamente despois de que se coñecese a sentenza que anulaba a praza de María Puy Fraga, sobriña do expresidente da Xunta e fundador do PP e irmá do portavoz parlamentario popular, amosa o que semella ser un intento de espertar, de poñer fin á sensación de orfandade que sente polo menos unha parte significativa dese 45,2% dos votantes que apoiou o centro-esquerda nas eleccións de 2016 e que asiste abraiada ao espectáculo continuado de que Feijóo aplique o seu rolo, como se representase el só case o 100% e non o 47,6% dos sufraxios sen que apenas se escoite algún laio, en tempos de abafante control informativo.
A oposición consentiu, sen sequera unha protesta, participar nun debate sobre as responsabilidades políticas derivadas da corrupción coa persoa que mellor encarna no Parlamento a súa negación, a deputada do PP Paula Prado del Río
Pero a tentativa ficou niso e pouco máis, porque a oposición aceptou, sen sequera unha protesta, participar nun debate sobre as responsabilidades políticas derivadas da corrupción coa persoa que mellor encarna no Parlamento de Galicia a súa negación, a deputada do Partido Popular Paula Prado del Río. Autora da frase de que Vendex, unha das principais empresas da trama corrupta da Operación Pokémon, “sin hacer nada, hace un regalo de la hostia”, Prado librouse da imputación que tiña grazas á súa condición de aforada, pois o TSXG arquivou o caso, mentres que aínda estaría aberto se continuase no xulgado de Lugo no que correspondía. Iso ocorría mentres o PP de Feijóo consideraba tan negativos os aforamentos que ata anunciara unha irrealizable reforma do Estatuto de Autonomía para eliminalos. Mais iso non é o relevante, senón que as responsabilidades políticas obrigaban a Paula Prado a deixar a vida institucional, tras ser gravadas frases súas que amosaban unha carencia dos valores éticos esixibles para representar a cidadanía nunha democracia avanzada. Naquel momento era portavoz do PPdeG, cargo que deixou un tempo despois, substituída por un Miguel Tellado que puxo en valor o seu traballo, xa que Prado era moito máis eficaz no seu papel de castigar a oposición. Pasou ao Senado en 2015 e volveu ao Parlamento galego en 2016, no que segue actuar como voceira popular nos asuntos da área de Presidencia.
A oposición nos seus escanos na constitución da Cámara nesta lexislatura [Parlamento de Galicia]
Que tería pasado se En Marea fose representada no debate sobre a destitución de Milagros Otero pola outra Paula, Quinteiro, a deputada que apelou á súa condición de parlamentaria nunha liorta nocturna coa policía?
Que tería pasado se En Marea fose representada no debate sobre a destitución de Milagros Otero pola outra Paula, Quinteiro? Trátase da deputada que apelou á súa condición de parlamentaria nunha liorta nocturna coa policía e que, aplicando o nivel de esixencia ética que di ter o seu partido, Podemos, debería deixar a Cámara, como reclama a dirección de En Marea, afín a Luís Villares, e rexeitan a formación morada, a maioría dos deputados e destacados dirixentes deste conglomerado que deslexitimaron a consulta na que as bases pediron a súa renuncia. O PP montaría todo un escándalo, pois esta semana lembrou o caso Quinteiro o mesmo Feijóo que encarga a Paula Prado falar de responsabilidades políticas, a pesar de que o caso da popular acadou unha maior magnitude, tanto polo posto que tiña como polo contido das súas afirmacións e por non haber dúbidas sobre o sucedido, aínda que a gran maioría dos principais medios de comunicación lle dese moita máis importancia ao da representante de Podemos.
A oposición non dixo ren sobre o moito que significaba a presenza de Prado no debate sobre o futuro da Valedora. BNG, PSdeG e En Marea poden aducir que o PP non permitiu que houbese quenda de réplica, mais sabían perfectamente quen ía representar os populares, que falaban de últimos. Os grupos do centro-esquerda seguiron o seu guión como se nada pasase, cunha intervención contundente do xuíz en excedencia Luís Villares, que estaba no seu campo, un suxestivo xogo de palabras do nacionalista Mini Rivas para sinalar que a Valedora actúa como “conseguidora” e un esforzo da socialista Vilán por tentar compensar o pecado orixinal do PSdeG, que en 2015 aceptou a Otero Parga, malia que levaba anos na Radio Galega gabándose de ser do PP.
As posicións do PP adóptaas Feijóo persoalmente, e o que fixo foi manter a liña dos últimos anos, lonxe de cando na oposición facía rodar cabezas: agora deixa todo en mans dos tribunais, como pasou co caso de Baltar II
O feito de que fose Prado a portavoz, como xa o fora cando se tratou o caso de Otero Parga na comisión, amosa tamén que era teatro a suposta intriga sobre a decisión que ía tomar o grupo do PP o martes, antes do pleno, sobre se apoiaba ou non a Valedora, como se os deputados populares tivesen capacidade para fixar unha determinación desta clase. Ese tipo de posicións adóptaas Feijóo persoalmente, aínda que escoitando algúns colaboradores, como poden ser Puy e Rueda. E en realidade o que fixo foi manter a liña dos últimos anos, lonxe de cando na oposición facía rodar cabezas. Agora deixa todo en mans dos tribunais, como pasou co caso de Baltar II, gravado recoñecendo que prometera un posto na deputación en troques dunha relación sexual, e no dos sucesivos alcaldes populares caídos en Santiago.
O Tribunal Supremo non só ten que decidir sobre se acepta o recurso da Valedora contra a sentenza do TSXG, o que está dentro das súas funcións, senón tamén sobre as responsabilidades políticas de Otero Parga, o que non ten nada que ver co seu cometido xudicial. As estatísticas indican que, co novo sistema de casación, é difícil que o TS admita a trámite o recurso e máis aínda que modifique a sentenza na que o TSXG afirma que Otero Parga fixo unha cacicada en favor da súa amiga María Puy Fraga.
O mito de Albor e a habilidade do PPdeG para coidar o seu pasado -> SEGUIR LENDO