0 Gardados para despois

Morre, aos 100 anos de idade, Xerardo Fernández Albor

Redacción | @prazapublica

Xerardo Fernández Albor faleceu esta noite en Compostela aos 100 anos de idade. Médico de profesión, Albor foi o primeiro presidente da Xunta de Galicia elixido polo Parlamento galego, tralas eleccións de outubro de 1981 nas que encabezaba as listas de Alianza Popular, partido máis votado. As eleccións de 1985 mantiveron a Albor á fronte do Executivo; porén, unha moción de censura en 1987 deulle o Goberno a Fernando González Laxe. Entre 1989 e 1999 Albor foi deputado no Parlamento europeo. Na súa longa traxectoria, chegou a ser piloto da Luftwaffe alemá nos anos trinta e a integrar durante a Transición o grupo de galeguistas históricos Realidade Galega. Nos últimos anos recibiu varias homenaxes, entre as que destaca a organizada en 2017 para celebrar o 35 aniversario da súa investidura.

Naceu en Santiago de Compostela o 7 de setembro de 1917. En 1936 foi enviado á fronte de guerra co bando nacional, e en 1938, como alférez provisional, marchou a Alemaña a facer cursos de perfeccionamento de aviación coa Luftwaffe. Licenciado en Medicina, especializouse en cirurxía e no aparato dixestivo. Ligado ao grupo de galeguistas históricos durante os últimos anos da ditadura e moi próximo a Ramón Piñeiro, formou parte do grupo Realidade Galega, presentado a comezos do ano 1980 como "grupo de opinión" co obxectivo de defender a autonomía galega.

Varios dos integrantes deste grupo integráronse nas listas de distintos partidos nas primeiras eleccións autonómicas (o propio Piñeiro no PSdeG ou Marino Dónega en UCD) e Albor incorporouse como independente ás de Alianza Popular, encabezando a lista pola Coruña e sendo presentado como candidato á Presidencia da Xunta. Aínda que se prevía unha vitoria cómoda da UCD (dominadora de todos os comicios en Galicia dende o ano 1977), AP obtivo finalmente dous escanos máis (26 fronte a 24).

No primeiro discurso de investidura dun presidente da Xunta logo dunhas eleccións autonómicas, pronunciado o 7 de xaneiro de 1982, por Xerardo Fernández Albor, o médico compostelán comezou rendendo unha “fonda e sentida homenaxe a cantos galegos de onte e de hoxe contribuíron á defensa da identidade de Galicia e a crea-las condicións xurídicas, políticas, económicas e sociais pra que hoxe accedamos ó autogoberno”. Tras ingresar en AP Albor pasou a ocupar en marzo de 1983 a presidencia do partido en Galicia. Repetiu vitoria nas eleccións de 1985 (desta volta con 34 escanos), e foi de novo elixido Presidente, grazas á abstención de Coalición Galega (o que provocou a ruptura deste grupo).

En 1986 o vicepresidente Xosé Luís Barreiro buscou forzar a dimisión de Albor, dimitindo xunto coa maior parte dos conselleiros do Goberno. Albor mantívose na Presidencia da Xunta co apoio de Manuel Fraga, nomeando a Mariano Rajoy como vicepresidente. En 1987 unha moción de censura apoiada por PSdeG-PSOE, CG, PNG e PSG-EG desaloxou a Fernández Albor e levou a Fernando González Laxe á Presidencia.

Albor abandonou o Parlamento Galego en 1989 para coverterse en eurodeputado, posto que ocupou ata o ano 1999. Retirado da política activa, nos anos seguintes foi director sa Fundación do Policlínico La Rosaleda e recibiu numerosas homenaxes e recoñecementos, dende a Medalla de Ouro de Galicia ata a Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica.

Nos últimos meses, coincidindo coa publicación de Fariña e a emisión da serie de televisión realizada a partir desta obra, foi moi comentada a xuntanza que en 1984 mantivo en Portugal con contrabandistas fuxidos da Xustiza que nos anos seguintes se convertirían nos principais narcotraficantes galegos. En xaneiro do pasado ano un acto celebrou o 35 aniversario da investidura de Albor como Presidente da Xunta e o inicio da actividade do Parlamento galego. Naquela ocasión, Alberto Núñez Feijoo salientou as dificultades e precariedade coas que nacía ese primeiro goberno autonómico: "Carecía de precedentes nos que inspirarse", sinalando que "Fernández Albor instaurou a épica da normalidade mediante o uso dun mantra que repetiría acotío: o sentidiño". "Aspiramos a que a Galicia autónoma desenvolva a súa vida política de acordo co noso xenuino estilo mental, sen sectarismos e sen fanatismos, coa vontade aberta a colaboración", concluíu, citando as palabras de Fernández Albor.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Tres días de loito oficial e pésames de todo o arco parlamentario a un “home do Renacemento”, segundo Feijóo

A capela ardente e o serán tratados como actos familiares por desexo da familia, segundo informan fontes da Xunta, que estudan realizar algún tipo de homenaxe oficial máis adiante, ao igual que o PP

A morte de Xerardo Fernández Albor concitou os pésames de todo o arco parlamentario e a declaración por parte do Goberno galego de tres días de loito oficial por unha persoa que o presidente Feijóo cualificou de “home do Renacemento en pleno século XX”. A súa capela ardente e o seu funeral serán tratados como actos familiares por desexo da familia, segundo informan fontes da Xunta, que estudan realizar algún tipo de homenaxe oficial máis adiante, ao igual que o PP.

A nova do pasamento de Albor foi coñecida no Goberno galego este xoves, mentres o Consello da Xunta mantiña a súa reunión semanal. Ao seu remate Feijóo substituíu a habitual rolda de prensa semanal por unha comparecencia institucional na que se referiu en exclusiva á figura de Albor. Cos ollos conxestionados, Feijóo asegurou que
“a débeda de gratitude que ten esta terra con Albor é tan grande que probablemente necesitemos moitos anos para poder entendela na súa importancia”.

“A Galicia que deixou Albor é a Galicia que temos hoxe, profundamente galega, profundamente española e profundamente europea”, di Feijóo

O titular da Xunta referiuse ao seu antecesor como “presidente, intelectual, doutor e galego” eloxiándoo en todas esas facianas. “A Galicia que deixou Albor é a Galicia que temos hoxe, profundamente galega, profundamente española e profundamente europea”, dixo, asegurando que sempre se comportou considerando “que o outro podía ter razón e que o fin nunca xustifica os medios”.

Fontes da Xunta indicaron tras a comparecencia de Feijóo que o Goberno galego púxose en contacto coa familia de Albor e esta solicitou manter os actos fúnebres no ámbito particular (a súa capela ardente está no tanatorio compostelán de Boisaca), mentres que unha posible homenaxe oficial se deixaría para máis adiante. “Igual que se fixo con Fraga”, lembraron.

Fernando González Laxe, quen o desbancou cunha moción de censura, salientou que foi “un galego comprometido co seu país” e unha persoa “dialogante cos seus adversarios políticos”

As condolencias á familia e o PP chegaron tamén desde o resto do arco parlamentario por boca dos portavoces ou máximos dirixentes de En Marea, Luís Villares; PSdeG, Gonzalo Caballero; e BNG, Ana Pontón. Por parte dos socialistas tamén trasladou o seu pésame o sucesor de Albor na presidencia da Xunta tras desbancalo cunha moción de censura, Fernando González Laxe, para quen foi “un galego comprometido co seu país” e unha persoa “dialogante cos seus adversarios políticos”.