0 Gardados para despois

Cando o presidente da Xunta se reunía con contrabandistas fuxidos ao norte de Portugal

Gonzalo CortizoGonzalo Cortizo | @gonzalocortizo


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


No verán de 1984, un antigo pazo portugués con vistas ao río Miño foi escenario da conversa que mantiveron un grupo de contrabandistas fuxidos co daquela presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, de Alianza Popular. O xornalista Nacho Carretero recolle o episodio no seu libro Fariña e explica que "Albor recomendou aos capos que regresasen a España e se entregasen á xustiza". Así o acabarían facendo meses despois para esperar unha sentenza que non chegaría ata principios dos anos 90, momento no cal os seus delitos foron declarados prescritos. 

O Diario de Sesións do Parlamento recolle as explicacións de Albor sobre aquel encontro nun pleno de novembro de 1984

Aquel encontro entre o poder político e os capos do contrabando de tabaco obrigou a Albor a dar explicacións no Parlamento de Galicia nunha sesión plenaria que se celebrou a finais de novembro de 1984. O Diario de Sesións daquel día recolle as explicacións do predecesor de Fraga sobre un encontro que cualificou como casual. Segundo o seu propio relato, Albor decidiu quedar a durmir no mesmo hotel de Vilanova da Cerveira, no que estaban os contrabandistas fuxidos, sen saber da súa presenza no establecemento: "Cando estaba a cear, achegouse a miña secretaria e díxome que había uns señores que querían falar comigo. Díxome que supuña que eran persoas que estaban fuxidas. Dicían que querían falar comigo e que de alí non se movían ata conseguilo. Pareceume oportuno saír ao hall e preguntarlles que querían", relatou ante o Parlamento.

"Non me teño que avergoñar por falar cuns señores que podían ser ou non delincuentes (...). Eu falo con todo o mundo"

"Esa xente non ía a marchar de alí e eu non podía saltar por unha ventá porque non había. Tiña que falar con eles", argumentou o xefe do Goberno galego naqueles anos en resposta a Anxo Guerreiro. Albor defendeu naquel pleno a súa honorabilidade e concluíu: "Non me teño que avergoñar por falar cuns señores que podían ser ou non delincuentes (...). Eu falo con todo o mundo".

A versión do Goberno galego sinalou que os contrabandistas, con Marcial Dorado á cabeza, pedíronlle a Albor garantías de que se se presentaban ante a xustiza española, o trámite ía ser rápido. Albor contestoulles que os ritmos da xustiza non eran labor da súa competencia e que el nada podía facer para cumprir as reclamacións dos capos. A pesar diso, convidounos a pór as súas peticións por escrito. Esa carta acabaría chegando ás caixas de correos oficiais da Xunta de Galicia e os servizos xurídicos do goberno galego responderíana en apenas uns meses no mesmo sentido no que se situou Albor durante o seu encontro: non había nada que facer. Ata aquí a versión oficial dun encontro que, segundo o seu protagonista, "durou un minuto ou dous, como moito".

A sombra da dúbida é unha constante na análise das relacións entre os contrabandistas e o poder político durante aqueles anos. Grandes nomes do contrabando e o narcotráfico como Nené Barral ou Pablo Vioque, fórono tamén da vida política de concellos como Ribadumia ou Vilagarcía, baixo as siglas de Alianza Popular. 

"Vannos foder un ano máis, ata que saia Fraga"

En Fariña, Carretero vai máis alá á hora de explicar as relacións entre os capos das planadoras e os dos despachos oficiais. O libro recolle unha conversación intervida anos despois do episodio portugués a dous dos capos fuxidos, Celestino Ayala e Manuel Prado, socio de Marcial Dorado. Nesa charla, Ayala afirma: "Vannos foder un ano máis, ata que saia Fraga".

A receita complétase, segundo Fariña, co parágrafo que escribiu a xornalista de El País Elisa Lois nunha das súas crónicas sobre os feitos daqueles anos: "Se os movementos dos tabaqueiros xa eran favorables á causa política personalizada en Manuel Fraga, despois da redada de 1983, os apoios multiplicáronse. Iso si, as achegas dos contrabandistas ás campañas electorais constituían unha información tan reservada como a hora ou o lugar de descarga da mercadoría".

Sobre o libro que condensa toda esta historia pesa agora unha orde de secuestro, ditada como medida cautelar por unha xuíza de Collado-Villalba. A serie que se basea en manuscrito de Carretero, estreouse este mércores en Antena 3, rodeada de polémica e expectación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.