Prisión sen fianza para o asasino confeso das tres mulleres de Valga

Mensaxe contra a violencia de xénero nunha mobilización feminista CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

O autor confeso do triplo asasinato machista acontecido en Valga o pasado luns entra en prisión provisional comunicada e sen fianza. Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmaban contra o mediodía deste martes que a titular do xulgado de instrución número dous de Caldas imputa a José Luis Abet tres presuntos delitos de asasinato: o de Sandra, de 39 anos; María Elena, de 58; e Alba, de 27, que ata comezos de 2018 foran a súa esposa, sogra e cuñada.

As mesmas fontes xudiciais apuntan que o propio auto que resolve a entrada en prisión provisional advirte de que os delitos polos que Abet é investigado poden dar lugar, no seu momento, a que se enfronte a unha condena de prisión permanente revisable. O auto foi ditado despois de que a Garda Civil trasladase a Abet ata os xulgados de Caldas no medio dun forte dispositivo de seguridade, que o introduciu nas dependencias xudiciais mentres veciñanza da zona o increpaba con berros de "asasino".

A xuíza imputa ao asasino confeso tres delitos de asasinato e a Garda Civil investiga a orixe da arma presuntamente utilizada no crime, para a que "non tiña ningunha licenza"

Mentres as dilixencias xudiciais avanzaban tamén o facían as policiais. A Delegación do Goberno central en Galicia confirma que a investigación, que realiza a Garda Civil, localizou xa "un revólver de calibre 32" e "abondosa munición" no "lugar onde dixo esta persoa que a tirara", indica o delegado, Javier Losada. O lugar son as augas do río Tambre ao seu paso por Ames.

A preguntas da prensa Losada ratifica que o asasino confeso "non tiña ningunha licenza" para poder manexar a arma coa que presuntamente cometeu o triplo asasinato. "É unha arma obtida fóra dos circuítos que existen", sinala en referencia á súa suposta procedencia irregular. Así e todo, advirte, a determinación precisa da orixe do revólver procuraras ea través das pescudas que o Instituto Armado aínda ten en marcha.

Minuto de silencio en repulsa polos crimes de Valga, este 17 de setembro na subdelegación do Goberno central en Pontevedra © Subdelegación Goberno en Pontevedra

"Agora empezan a dicir que se vía vir; eu animo a denunciar"

Na súa comparecencia ante a prensa, no marco das concentracións en repulsa polos asasinatos, Losada saíu tamén ao paso das preguntas a respecto da posibilidade de que o asasino confeso tivese antecedentes penais por outras causas alleas á violencia de xénero. "Non hai ningunha cuestión que estableza que houbese unha causa-efecto" e isto "é moi importante", advertiu. 

"Agora empezan a dicir veciños que isto se vía vir", constata en referencia a declaracións recollidas nalgúns medios. "Aos veciños e as veciñas que poidan ver que existe algunha posibilidade de que poida producirse violencia de xénero eu anímoos a denunciar", conclúe Losada, porque "esa é a forma de poder combatela e previla".

Advertencias dos colexios de Xornalistas e Psicoloxía

Ao fío da recolleita de declaracións e outras prácticas vinculadas coas novas sobre o triplo asasinato machista de Valga interviñeron tamén publicamente os colexios profesionais de Xornalistas e mais de Psicoloxía. Como ante anteriores casos, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia di "verse obrigado a lembrar, unha vez máis", a "necesidade" de poñer en prácticas guías de boas prácticas como o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego, "así como a Declaración de Compostela e o resto de recomendacións específicas para o tratamento das informacións sobre violencia de xénero".

Múltiples concellos acolleron concentracións en repulsa polos crimes machistas de Valga. Na imaxe, a de Santiago © Concello de Santiago

"O morbo dalgunhas crónicas non só non é aceptable nun xornalismo responsable e profesional, senón que descontextualiza estes asasinatos e dificultan a compresión da violencia de xénero como o que é"

A violencia machista -subliña a entidade profesional- é un problema social que ten que ser tratado coa suficiente rigorosidade e profundidade". Deste xeito, advirte, "o morbo dalgunhas crónicas de sucesos non só non é aceptable nun xornalismo responsable e profesional", senón que ademais "descontextualiza estes asasinatos" e "dificulta a comprensión da violencia de xénero como o que realmente é: unha violación dos dereitos humanos provocada no marco da ideoloxía patriarcal e presente en moitos máis aspectos da nosa sociedade".

Nun sentido semellante advirte o Colexio Oficial de Psicoloxía, que nun comunicado chama á "responsabilidade ás boas prácticas" na cobertura deste e outros crimes machistas. "É comprensible o interese informativo", mais "non deben superarse os principios da deontoloxía profesional". O Colexio, subliñan, está a intervir coas persoas atinxidas polo asasinato a través do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias e do Programa de Atención Psicolóxica a Vítimas de Violencia de Xénero en colaboración coa Xunta. Dende esa posición, advirten, lembran que é "imprescindible o respecto ás indicacións proporcionadas polos servizos de emerxencias" e non "recoller imaxes nin declaracións que atenten contra a intimidade ou a dignidade das vítimas nin das persoas afectadas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.