Dúas das tres mulleres asasinadas en Valga non serán oficialmente vítimas da violencia machista

Manifestación contra un asasinato machista, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Gz Contrainfo

Un triplo asasinato machista acabou este luns coa vida de tres mulleres en Valga. Eran Sandra, de 39 anos; María Elena, de 58; e Alba, de 27. O home do que Sandra levaba máis dun ano divorciada acudiu á vivenda que noutrora compartiran para asasinar á que fora a súa parella; ao velo chegar, a nai e mais a irmá da muller saíron da casa e José Luis Abet, asasino confeso, disparou mortalmente tamén contra elas. No entanto, nin Elena nin Alba constarán nas estatísticas oficiais das vítimas mortais da violencia de xénero.

A demora na translación ás leis do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero provoca que, polo momento, as vítimas que non fosen parellas ou ex-parellas dos agresores non reflectidas como tales nas estatísticas oficiais

A razón de que dúas das tres vítimas deste asasinato machista non vaian figurar nestas estatísticas oficiais, que ata este 16 de setembro recollían 1.016 asasinatos dende o ano 2003, é que estas seguen a incluír unicamente casos nos que a vítima é parella ou ex-parella do agresor. Ese é o ámbito ao que circunscribe estas agresións a lei integral contra a violencia de xénero do ano 2004, que "ten por obxecto actual contra a violencia" exercida contra as mulleres por parte dos seus "cónxuxes" actuais ou pasados ou de quen "estivesen ligados a elas por relacións similares de afectividade, mesmo sen convivencia". 

Esta definición atinxe a un ámbito máis reducido que, por exemplo, a fixada na lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, aprobada tres anos máis tarde. O texto galego si se refire a "calquera acto violento ou agresión baseados nunha situación de desigualdade" de xénero "tanto se ocorren no ámbito público como na vida familiar ou privada".

A lei galega contra a violencia de xénero do ano 2007 si amplía o seu obxecto alén da "vida familiar ou privada"

O obxecto da lei galega é, daquela máis amplo. E tamén máis aproximado ao Convenio de Istambul sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica. Ese é o trata do internacional que,  no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do 2017, as forzas políticas e os diferentes gobernos se comprometeron a aplicar para eliminar diversas disfuncións na loita contra as agresións machistas. Entre elas, a estatística.

Mensaxes contra a violencia machista nunha manifestación do 8M CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Tal e como figura no texto do Pacto, dacordo co devandito convenio, cómpre "establecer a obriga legal de obter e prestar datos estatísticos detallados e secuenciados" sobre "todas as formas de violencia contra as mulleres", con independencia de que o agresor fose parella da vítima no momento da agresión ou no pasado. O Pacto compromete tamén ter en conta nestes estudos "variables como a idade, a discapacidade ou a incidencia no mundo rural", entre outras.

O Pacto de Estado establece que, na liña do Convenio de Istambul, cómpre que as estatísticas reflictan "todas as formas de violencia contra as mulleres", na liña do que xa están a facer análises como as do Observatorio Contra a Violencia de Xénero

Pero o compromiso político polo momento non pasou do Pacto á lei. Isto é, o acordo de aplicar o Convenio de Istambul neste ámbito aínda non se traduciu nunha reforma da lei contra a violencia de xénero, medida que ten que pasar necesariamente polo Congreso dos Deputados, Cámara marcada na actualidade polo bloqueo político. Ata que esa medida lexislativa non sexa adoptada non figurarán nas estatísticas das vítimas mortais da violencia machista casos como dúas das tres mulleres asasinadas este luns en Valga. Sucede, deste xeito, o mesmo que aconteceu no pasado con outros asasinatos como o de Diana Quer, a moza secuestrada na Pobra do Caramiñal.

Mentres xuristas, movementos feministas e forzas políticas continúan a reclamar esta mudanza, os casos de violencia machista acontecidos fóra da parella si son reflectidos nas análises do Observatorio Contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. Así o confirmaba o pasado xuño a súa presidenta, Ángeles Carmona, nunha entrevista con eldiario.es. "Estamos facendo os estudos de sentenzas de asasinatos fóra da parella dende 2016 e cando se diten sentenzas de casos tan terribles como o de Diana Quer ou Laura Luelmo serán contabilizadas como vítimas da violencia de xénero", avanzaba.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.