0 Gardados para despois

O PP négase a incluír o feminicidio nas leis galegas: "Que máis dá como lle chamemos?"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O debate formulado este mércores no Parlamento era dos pouco habituais. Non procuraba unha crítica frontal contra o Goberno nin tampouco esixía resultados tanxibles de xeito inmediato. Foi formulada pola voceira do BNG en materia de igualdade, Carme Adán, coa intención de que "nos deteñamos un momento, pensemos e valoremos se debemos ampliar a lexislación" en materia de loita contra a violencia machista. Facíao cunha proposta "controvertida, non o vou negar", como é a inclusión do termo "feminicidio" nas leis xa vixentes na materia, unha proposta que non terá percorrido, toda vez que o grupo que sustenta o Goberno, o PP, anunciou o seu voto negativo por considerar irrelevante a inclusión ou non do termo.

"Ante a gravidade e magnitude do problema -sinalaba a exposición de motivos da iniciativa a debate- consideramos necesaria a inclusión do termo feminicidio como forma de terror propia que sofren as mulleres só por cuestión de xénero". "O que non se nomea non existe", evidenciou Adán dende a tribuna, e igual que "a violencia contra as mulleres foi silenciada" mentres "non existiron categorías nin termos para describila", este avance podería axudar a evidenciar que este tipo de agresións non son "un problema biolóxico", senón froito dunha "construción social á que chegamos despois dun longo proceso de aprendizaxe".

Achegar ás leis esta "nova categoría lingüística e xurídica", argumenta a parlamentaria do Bloque, debera ser a base para que, tanto en Galicia como no Estado, se puidese elaborar un "estatuto das vítimas fo feminicidio" que corrixise as eivas do estatuto das vítimas incorporado recentemente á lexislación estatal, o cal "desenvolve un ámbito subxectivo para o concepto xeral de vítima que deixa fóra as vítimas da violencia de xénero". Elas, resalta, son "as únicas que se avergoñan de seren vítimas, que non queren dicilo porque é recoñecer un fracaso vital" e as leis deben abeiralas dun xeito específico.

Carme Adán (BNG) defende incluír o termo feminicidio como "nova categoría lingüística e xurídica": "O que non se nomea, non existe"

Aínda que con diversos matices -o PSdeG, por exemplo, reclamaba inserir na iniciativa referencia ao cumprimento e dotación orzamentaria das leis vixentes-, o resto da oposición apoiou a iniciativa do BNG. "Non lles temos medo ás palabras nin aos debates", sinalou a socialista Carmen Gallego, nun contexto no que para a voceira de AGE, Eva Solla, esta proposición podería servir para protexer tamén "os nenos e nenas e outras persoas" da contorna das mulleres "asasinadas polos machistas". "Non só cómpren lamentos e lazos morados e negros, querémonos vivas!", sinalou cara ás bancadas do PP, das que acto seguido chegou a negativa.

"O PP sempre estivo ao lado das vítimas de violencia de xénero, iso é o que ten que quedar claro", comezou a deputada popular Marisol Díaz. A xuízo da conservadora "non debemos perder o tempo en termos nin conceptos que nada vaian engadir á protección" das vítimas. "Deixemos o concepto para o traballo en comisión", di, en referencia á comisión de estudo en materia de igualdade que funciona na Cámara. 

Marisol Díaz (PP): "Na rúa á vítima de violencia de xénero non lle importa moito como lle chamemos a este problema que están padecendo"

Dende o punto de vista dos populares, alén do "xuridicamente controvertido" que resulta o termo feminicidio, "na rúa á vítima de violencia de xénero non lle importa moito como lle chamemos a este problema que están padecendo". "Estamos falando de conceptos como feminicidio, violencia de xénero, violencia machista... Que máis dá?", pregúntase Díaz, para quen "o que hai é que solucionar o problema, que non haxa ningunha morte máis", isto é, "avanzar, non pararnos en conceptos" que "non achegan nada diferente".

"Non dá igual", repuxo Carme Adán. "As palabras teñen significado, e os límites do noso mundo son os límites da nosa linguaxe". O mesmo que "cando a violencia era doméstica non existía capacidade xurídica para intervir" nas agresións machistas, "non é o mesmo" que se poida chegar a asociar a violencia de xénero "aos ciumes" dunha parella, por exempo, que se a lei a considera como "parte da submisión" das mulleres. A proposta, ao cabo, non foi aprobada.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.