"Fracasaron todas as ferramentas para evitar as últimas consecuencias da violencia machista". A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, expresaba deste xeito este luns o sentimento que impregna a capital da Terra Chá dende que o pasado domingo transcendeu que unha veciña da vila, María del Carmen Vázquez, fora asasinada polo seu ex-marido.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmaron o propio domingo que o presunto asasino tiña prohibido achegarse a menos de 300 metros e mais de comunicarse coa súa ex-parella. Esas medidas foran decretadas tras a interposición dunha denuncia por violencia machista.
"Fracasaron todas as ferramentas para evitar as últimas consecuencias da violencia machista"
A Delegación do Goberno central para a Violencia de Xénero ratificaba este luns que o asasinato de Mari Carmen foi un caso de violencia machista. "Lamentablemente, chegou o día no que poñemos cara a un deses fríos números, xa que unha desas mulleres é a nosa veciña, a nosa compañeira, a nosa amiga", evidenciou o manifesto lido a mediodía en Vilalba pola concelleira de Igualdade do municipio, Vanesa Siso. A "frialdade dos números", acrecentou, non reflicte a verdadeira dimensión "dun dos problemas estruturais máis graves da nosa sociedade, a violencia machista".
A mobilización contra a violencia machista deste luns en Vilalba, secundada por decenas de persoas, repetiuse en múltiples puntos de Galicia. As concentracións institucionais en repulsa polo asasinato desenvolvéronse ante as casas consistoriais dos principais concellos, sedes da Xunta e no Parlamento, entre outras institucións.
Este luns comezan tamén a desenvolverse as manifestacións de repulsa convocadas dende os movementos feministas, que concentran a maior parte das súas mobilizacións na xornada do martes. Xa foron convocadas case unha trintena de manifestacións e concentracións -nesta ligazón, a listaxe en actualización-.
"Constatamos numerosos quebrantamentos das ordes de afastamento, o cal expón as vítimas a un perigo aínda maior" tras a denuncia
Dende estes colectivos, como dende o Concello vilalbés, ponse tamén o foco nas eivas da protección a vítimas da violencia machista mesmo tras seren decretadas medidas como a orde de afastamento que pesaba sobre o presunto asasino de María del Carmen Vázquez. Neste sentido, a asociación lucense Si, hai saída "alerta" sobre "a máis que alarmante evidencia de que algo non está a funcionar de xeito correcto" no funcionamento deste tipo de medidas.
"Se algo constatamos de primeira man na nosa asociación son os numerosos quebrantamentos das ordes de afastamento", o cal "expón ás vítimas da violencia de xénero" a "un perigo aínda maior" tras o "enorme esforzo" de optaren pola denuncia. "Un só minuto que se baixe a garda abonda para que sexa cometido un asasinato machista", advirten.