Un veciño da localidade de Vilalba matou presuntamente este domingo a súa ex-muller, de 48 anos, no barrio da Guadalupe e logo suicidiouse no que todo parece indicar ser un novo caso de violencia machista.
Segundo os primeiras informacións, o home, de 50 anos, tiña unha denuncia previa por malos tratos e estaba desaparecido desde o sábado á mañá. Ata a vivenda da muller onde se produciu o crime, desprazouse a comitiva xudicial e a xuíza de Vilalba para investigar o sucedido nun caso sobre o que se decretou segredo.
Os corpos foron atopados nesta mañá por parte dos axentes, que buscaban o home tras ser denunciada a súa desaparición por parte dun familiar. A muller tiña feridas de arma branca, mentres que o corpo del apareceu colgado. A parella estaba en trámites de separación e xa non residían xuntos.
En Vilalba desenvolveuse xa un minuto de silencio en repulsa polo asasinato e o Concello declarou tres días de loito oficial. Tamén a Xunta e outras institucións manifestaron as súas condolencias e o movemento feminista ultima mobilizacións para este martes.
No que vai de ano, máis de trinta mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas no Estado. Coa deste domingo, son dúas as falecidas por agresións machistas en Galicia. No outro caso, acontecido en Valga, o asasino tamén se suicidou despois de matala.
Ademais, os xulgados galegos rexistraron no comezo deste ano 2019 o maior número de denuncias por violencia de xénero presentadas no primeiro trimestre dende que hai datos. Foron 1.736, un número semellante ás dos tres últimos trimestes de 2018, pero moi por riba das cifras do primeiro trimestre do pasado ano (cun dato especialmente baixo por mor da folga no sector da Xustiza), e superiores igualmente aos rexistros do mesmo período en anos anteriores.