A falta de xulgados exclusivos para a violencia machista en Galicia engade obstáculos no proceso de denuncia

Edificio dos xulgados en Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

Os partidos xudiciais de Vigo e A Coruña suman o 26,5% da poboación de Galicia, pero máis do 37% das denuncias por violencia de xénero. As dúas urbes contan dende o ano 2007 cos únicos xulgados específicos de violencia contra a muller, dos que carece o resto do país. 

"O acceso aos recursos unha vez que se denuncia é moi diferente: cómpre rematar con esta diferenza, é necesario dotar o resto de Galicia dos avogados, xuíces e axentes de policía suficientes"

Hai uns meses, coincidindo co Día Internacional contra a Violencia Machista, a xuíza Paz Filgueira destacaba nesta entrevista que "o resto dos partidos xudiciais teñen un xulgado que cumpre esas funcións, pero son funcións compartidas e o ideal sería que tamén fosen incorporando os seus xulgados especializados. E algúns dos xulgados que si existen presentan eivas". E alertaba de que "se hai carencias nas grandes cidades, onde máis ou menos se cumpren uns mínimos, podemos imaxinar o que pasa no resto de Galicia, onde o trato ás vítimas é moito peor". 

Filgueira, durante anos a titular do Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo, subliñaba que "o acceso aos recursos unha vez que se denuncia é moi diferente: cómpre rematar con esta diferenza, é necesario dotar o resto de Galicia dos avogados, xuíces e axentes de policía suficientes".

Galicia é a segunda comunidade autónoma con menos xulgados especializados

Galicia é a segunda comunidade autónoma con menos xulgados especializados neste campo. Tan só Castela-A Mancha, cun só xulgado de Violencia para a Muller para os seus dous millóns de habitantes, conta cun ratio máis negativo. O noso país, con máis poboación que Canarias, País Vasco, Baleares e Murcia, dispón de menos xulgados específicos. E as diferenzas con territorios como a Comunidade Valenciana (16 xulgados especializados), Andalucía (18), Cataluña (19) ou Madrid (23) é abismal.

As críticas pola falta de recursos xudiciais para dar resposta ás denuncias por violencia machista son habituais. O pasado ano o sindicato Alternativas na Xustiza denunciaba a situación de "caos" que se estaba a dar pola falta dos medios necesarios para atender de forma axeitada a estes casos. Outra das críticas que se veñen repetindo refírense ás propias instalacións, que en moitos casos non son as axeitadas para, por exemplo, evitar que agresor e vítima teñan que coincidir no mesmo espazo.

O propio Goberno galego comprometeuse hai uns meses a reclamar do Goberno central a posta en marcha de máis xulgados exclusivos en Galicia. Outra posibilidade sería a de comarcalizar os xulgados para poder ofrecer unha atención máis especializada.

As estatísticas amosan grandes diferenzas entre o número de denuncias por violencia de xénero que chegan aos xulgados das cidades e os que se presentan nas vilas pequenas e zonas rurais

As estatísticas amosan grandes diferenzas entre o número de denuncias por violencia de xénero que chegan aos xulgados das cidades e os que se presentan nas vilas pequenas e zonas rurais. En Vigo e Ourense o pasado ano houbo máis de 3,5 denuncias por cada mil habitantes e na Coruña e Lugo a cifra roldou as 3 denuncias. Ribeira, Cambados, Monforte e Redondela superaron as 2,5 denuncias por cada mil habitantes e Pontevedra achegouse a esa cifra.

Pola contra, en dez partidos xudiciais (A Estrada, Tui, Mondoñedo, Padrón, Ordes, Corcubión, Arzúa, A Fonsagrada, Celanova e Bande) o número de denuncias non chegou a 1 por cada mil persoas. E Sarria, Ortigueira, Negreira, Chantada e Xinzo de Limia superaron por pouco esa cifra.

En xeral, en toda Galicia vén producíndose dende o ano 2012 un forte incremento das denuncias. Das 4.788 que se rexistraron aquel ano, a cifra aumentou ata as 6.537 do pasado ano, un crecemento do 36,5% en seis anos. Observando as estatísticas de cada partido xudicial, vemos grandes diferenzas entre unhas zonas e outras. 

En 11 partidos xudiciais o número de denuncias por violencia de xénero mesmo descendeu dende o 2012

A maior parte das cidades medra por riba da media: Ourense (+117%), Pontevedra (77%), Compostela (+56%), A Coruña (+55%) e Lugo (+41%). As excepcións son Vigo, que só crece un 3%, pero que segue a ser o partido xudicial con máis denuncias; e Ferrol, que aumenta un 5%. Vilalba, Muros, Chantada, Tui, Monforte, Noia, Redondela e O Carballiño tamén rexistran incrementos moi importantes, superiores ao 50%. 

Porén, en 11 partidos xudiciais o número de denuncias por violencia de xénero mesmo descendeu dende o 2012: Cangas, Ribeira, Cambados, Ordes, Mondoñedo, Xinzo de Limia, Vilagarcía, A Estrada, Celanova, Bande e Padrón. E en Arzúa, Corcubión e Ribadavia a cifra é a mesma que hai seis anos, o que podería revelar a existencia de dificultades neses lugar á hora de presentar denuncias, renunciando as vítimas a facelo ou optando no mellor dos casos por acudir aos xulgados dalgunha cidade próxima. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.