A Secretaria das Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG) organiza este sábado 26 no Pazo de Mariñán (Bergondo) unha Xornada contra as violencias machistas”, co obxectivo de afondar en problemáticas coma a violencia que sofren os e as menores ou a imaxe das mulleres nos medios de comunicación. Apoiado pola Deputación da Coruña, este evento vai dirixido especialmente a labregas e contará coa participación de activistas de recoñecido prestixio como Estrela Gómez, da Asociación Galega contra o Maltrato de Menores (AGAMME), Alicia Ares Vilar ou Iria Vázquez Silva.
As xornadas dan continuidade a unha serie de obradoiros que o sindicato realizou con mulleres labregas en varias comarcas do país
Será a continuación dunha serie de obradoiros que nos últimos meses o sindicato realizou con mulleres rurais de varias comarcas do país, en Arzúa, Muxía, A Estrada, Friol, Póboa de San Xiao (Láncara), Teixeiro (Curtis), Lalín, Meira, Chantada ou Vilalba. O SLG participará, ademais, nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos este 25 de novembro, para denunciar "a inacción dos poderes públicos diante desta lacra, e esixir cuestións para nós básicas como que a loita contra o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado, ou que a prevención sexa unha política prioritaria para a que non se escatimen medios e financiamento". Falamos con María Ferreiro, responsable da Secretaría das Mulleres
Nos últimos meses organizastes unha serie de obradoiros con mulleres labregas. Como foi a experiencia?
A Secretaria das Mulleres tenta facer un traballo continuado ao longo do ano, máis aló das dúas grandes datas de reivindicación -8 de marzo e 25 de novembro- Nos últimos tres meses fixemos catro obradoiros con mulleres labregas en varias comarcas do país: 'Do global ao local: como están as mulleres', 'Para que falar de sexo e de xénero', 'Somos máis que corpo-máquina' e 'Porque as mulleres se rebelan?'. Foron encontros moi interactivos, a través de dinámicas, con moita participación. Ademais as propias mulleres da zona escolleron os temas centrais. Creo que foron moito máis positivos que unha charla ou unha mesa redonda máis tradicional,nas que a xente se implica menos. Foron ademais xuntanzas nas que nos divertimos, o que tamén é importante, porque hai que ter en conta que nalgúns casos hai mulleres que viven bastante illadas e case non teñen con quen falar habitualmente.
"Non detectamos que as mulleres do rural suframos máis violencia que as que viven nas cidades. Si que detectamos que ás veces de producen algúns fenómenos específicos, cunha maior vulnerabilidade para as mulleres"
As mulleres do rural sofren máis ou menos violencia machista que as que viven nas cidades? Teñen circunstancias diferentes?
Nós non detectamos que as mulleres do rural suframos máis violencia que as que viven nas cidades. Si que detectamos que ás veces no rural prodúcense algúns fenómenos específicos, que fan que os procesos sexan diferentes, cunha maior vulnerabilidade para as mulleres. Un é o illamento que sofren algunhas mulleres, sobre todo en zonas que se van despoboando moi rapidamente. Despois está o tema de que nas zonas rurais nos coñecemos todos e todas; ás veces resulta complexo achegarte á Garda Civil ou a un centro de información, porque son tamén os teus veciños ou familiares do propio agresor. Finalmente, está a cuestión dos recursos: se xa sempre foron limitados, agora nalgúns lugares vívese unha situación de desmantelamento importante; dáse o caso de mulleres que deciden dar o paso de pedir axuda, e atópanse que nos seus concellos non hai Centro de Información ás Mulleres ou que non contan con asesoramento ningún para axudala. Todo isto unido a que na zona rural hoxe se segue dando unha gran dependencia económica, e polo tanto unha gran violencia económica. Hai moitas mulleres que non son titulares das súas explotacións, e que polo tanto non teñen dereito ningún. Traballan en igualdade de condicións co seu home e non cotizan, o que provoca unha gran vulnerabilidade.
"Na zona rural hoxe séguese dando unha gran dependencia económica, e polo tanto unha gran violencia económica. Hai moitas mulleres que non son titulares das súas explotacións, e que polo tanto non teñen dereito ningún"
En que se vai centrar a xornada deste sábado?
O maltratos aos fillos e fillas é un tema que temos moi presente, por iso consideramos importante a presenza de AGAMME. Teremos tamén un obradoiro de traballo conxunto entre as mulleres que participen na xornada, para debater como as mulleres podemos unirnos e organizarnos para facer colectivo. O remate será un acto reivindicativo, no que todas as participantes tentaremos construír unha tea entre todas as nosas mans, para dicir que aquí estamos as mulleres labregas, dicindo que basta xa.
"No papel colle todo ou case todo, pero hai que poñer recursos e orzamentos enriba da mesa. Se non, non haberá forma"
Como se remata coa violencia machista? Os actos do 25N e as condenas institucionais cada vez que hai un asasinato corren o risco de ritualizarse se non hai unha decidida política de Estado neste asunto?
Os actos que se organicen ao redor deste 25N, así coma as condenas cada vez que hai un asasinato machista son importantes, todo suma. Pero hai que ir máis alá: isto é unha cuestión de Estado, cada ano son asasinadas máis mulleres polas súas parellas ou ex parellas das que mataba ETA. Ou se toman medidas decididas contra esta lacra e se destinan recursos suficientes, ou a situación non vai cambiar, seguirá habendo este terrorismo contra as mulleres. No papel colle todo ou case todo, pero hai que poñer recursos e orzamentos enriba da mesa. Se non, non haberá forma.