Triplo asasinato machista en Valga. Un home asasinou cunha arma de fogo a súa ex-muller, Sandra, de 39 anos, e máis á súa nai, María Elena e á irmá, Alba, de 58 e 27 anos, respectivamente. O asasinato produciuse no lugar de Carracido, na parroquia de Cordeiro.
Segundo confirma a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, o presunto asasino é José Luis Abet, de 45 anos, quen fuxiu do lugar dos feitos a primeiras horas da mañá deste luns e acabou sendo detido pola Garda Civil no Milladoiro, no Concello de Ames. Sucedeu tras unha chamada para "entregarse" ao Instituto Armado dende a vivenda da súa nai, que reside na zona, segundo especificou delegado gobernamental en Galicia, Javier Losada.
Sandra foi asasinada polo ex-marido cando ía levar ao colexio aos fillos menores de ambos, de 4 e 7 anos, que se atopaban no vehículo da nai no momento dos feitos. O asasino disparou inmediatamente despois contra a nai e a irmá da ex-parella, que acudiran á vivenda
O asasino confeso tiña dous fillos coa ex-esposa de 4 e 7 anos, confirma o Concello de Valga, que prevé declarar loito oficial este mesmo luns. No momento do asasinato ambos nenos atopábanse no interior do vehículo da nai, que se dispuña a levalos ao colexio, confirma a subdelegada gobernamental en Pontevedra, Maica Larriba. Abet "disparou primeiro contra a súa ex-parella" e "despois contra a súa ex-cuñada e a súa ex-sogra", que acudiran previamente á casa e ás que Sandra avisou ao ver aparecer o ex-marido na vivenda.
A Garda Civil recolleu probas na vivenda da muller e a zona permanece acordoada durante toda a mañá, segundo fontes presenciais. En declaracións aos medios o alcalde da vila, José María Bello Maneiro, espeficiou que a familia non fora atendida previamente no Centro de Información á Muller nin nos servizos sociais do Concello ao non contar "ningunha queixa" por agresións previas. No mesmo sentido, a subdelegada ratifica que non constaban datos ningúns ao respecto no sistema Viogen, que monitoriza as denuncias por violencia de xénero. A parella estaba divorciada dende comezos de 2018, confirman fontes do Tribunal Superior de Xustiza
Os datos divulgados pola Subdelegación do Goberno proceden das primeiras pescudas da Garda Civil no lugar dos feitos. Tamén se desprazou ao lugar o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en cuxo departamento se encadra a Secretaría Xeral da Igualdade do Goberno galego.
Asistencia psicolóxica e coidado dos menores
O xulgado de instrución número 2 de Caldas, en funcións de garda, fíxose cargo do caso, segundo confirman fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ao cadrar que este é o xulgado encargado dos casos de violencia de xénero, o caso ficará nel. O asasino confeso pasará á disposición xudicial este martes ás 10 da mañá.
Ás decisións deste xulgado remítese Rueda para a intervención dos equipos de asistencia psicolóxica tanto para os menores como para o resto da familia. Inicialmente, os fillos de Sandra quedaron ao cargo dun veciño da zona e tanto a Xunta como o Goberno central activaron xa os dispositivos para o seu coidado á espera do que determine o xulgado. Finalmente, segundo confirmou o Concello, todas as partes concordaron en deixalos ao cargo dun familiar directo polo momento.
Atendendo á normativa vixente, nin a nai nin a irmá da ex-muller do asasino confeso constarán oficialmente como vítimas mortais da violencia machista. O 016 é o teléfono para denunciar casos de violencia machista e obter axuda; non deixa rastro na factura telefónica, pero si é preciso borralo manualmente da lista de chamadas do teléfono.