Un asasinato machista conmociona Valga

Mensaxes contra a violencia machista en Santiago durante unha das manifestacións do 8M CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Un home de 46 anos asasinou a súa muller este domingo a súa esposa no lugar de Bronllo da parroquia de Setecoros, en Valga, e despois suicidouse. Cando aínda ecoaban as enormes manifestacións feministas do pasado 8 de marzo María Jesús era asasinada cun disparo de escopeta. O presunto autor do crime mortal disparouse a si mesmo pouco despois, segundo fontes da Garda Civil citadas pola Radio Galega.

As mesmas fontes sinalan que a arma do crime era a empregada polo asasino de xeito regulamentario para cazar. María Jesús, de 43 anos, tiña dous fillos. Segundo indicou o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, non constaban antecedentes de denuncias por violencia machista no seo desta familia, que dende a tarde do domingo foi asistida por un equipo de psicoloxía coordinado pola Secretaría Xeral da Igualdade.

O Colectivo Feminista de Valga chama a "unha resposta social rotunda" e convoca unha concentración de repulsa do crime para este luns na vila

O Concello valgués decreta este luns loito oficial no municipio por un asasinato machista que foi obxecto de condena xeneralizada por diferentes organizacións políticas e sociais, así como polos principais gobernos. O Colectivo Feminista de Valga chama a "unha resposta social rotunda" fronte a este crime e, tras trasladar "o pesar, apoio e solidariedade á familia e amizades" chama a unha concentración de repulsa ás oito do serán deste luns, na Plazuela da localidade. 

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, transmitiron as súas condolencias e rexeitamento ao acontecido. Diversas institucións públicas acollen tamén este luns concentracións e declaracións contra a violencia de xénero.

A Casa do Concello de Valga acolle este luns un pleno para declarar loito oficial polo asasinato machista Dominio Público Lameiro

Funeral doutra vítima galega en Sober

O asasinato machista de María Jesús en Valga coñecíase case ao mesmo tempo que na igrexa parroquial de Rosende, en Sober, se desenvolvía o funeral da muller orixinaria da localidade que o pasado venres, 8 de marzo, era asasinada en Madrid presuntamente tamén pola súa parella. O considerado autor dos asasinato, de 80 anos, tamén utilizou unha escopeta de caza para matar á muller de orixe lucense e despois tamén se suicidou.

O asasinato de María Jesús en Valga producíase case ao mesmo tempo que en Sober se desenvolvía o funeral da muller orixinaria da vila asasinada pola súa parella o pasado 8 de marzo en Madrid

Diante de ambos crimes a Secretaría Xeral da Igualdade, no nome do conxunto do Goberno galego, manifestou "a súa consternación" e chamou "a toda a sociedade a que se rebele" contra a violencia de xénero. Nun comunicado Igualdade subliña a importancia de denunciar os casos de violencia machista e as canles de comunicación para formulalas, entre elas o teléfono 016 de atención ás vítimas, que non deixa rastro na factura telefónica pero que cómpre borrar manualmente da listaxe de chamadas do teléfono móbil.

O crime machista de Valga producíase apenas vinte e catro horas despois doutro caso mortal de violencia de xénero na localidade andaluza de Estepona. Alí un home de 55 anos apuñalou a súa muller, de 58 anos, na presenza do fillo de ambos, de 15. O presunto asasino, que tentou autolesionarse, foi detido e segue á disposición das autoridades.

A Delegación do Goberno central para a Violencia de Xénero ten en marcha o proceso de recabar datos destes tres casos e, segundo confirmaba no serán deste domingo, de "confirmárense" serían xa 987 as mulleres asasinadas pola violencia de xénero dende 2003 en todo o Estado, cando comezou este rexistro oficial.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.