Galicia rexistrou 363 casos de agresión, abuso e acoso sexual o pasado ano

Manifestación na Coruña en resposta á sentenza de 'La Manada' CC-BY-SA Praza Pública

En Galicia denúnciase un caso de agresión, abuso ou acoso sexual por día. O Ministerio do Interior vén de publicar un informe que recolle os delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual cometidos no Estado Español ao longo do ano 2017 e que analiza as súas características por territorios, idade ou xénero, deixando unha cifra total de 459 delitos denunciados en Galicia, dos que a maioría (363) son situacións de agresión, abuso ou acoso sexual, aos que se engaden outros de corrupción de menores, exhibicionismo, prostitución de menores de 16 anos ou produción e consumo de pornografía de menores de idade.

Nos últimos meses intensificouse o debate sobre a caracterización legal que teñen as violacións, con moi distinto castigo se se tratan de abuso ou de agresión

Nos últimos meses intensificouse o debate sobre a caracterización legal que teñen as violacións, con moi distinto castigo se se tratan de abuso (en principio, unha violación sen o uso de violencia explícita ou armas) ou de agresión (aqueles casos nas que á violencia implícita a todos estes ataques se une o exercicio explícito da violencia física). O proceso xudicial aos integrantes de La Manada -finalmente condenamos por abuso sexual e non por agresión- provocou as protestas do movemento feminista. Ao tempo, 2017 foi o ano do #metoo, o movemento internacional de visibilización destas violencia sexual exercida polos homes contra mulleres, e que en Galicia deu lugar a iniciativas como o Mapa do Medo (que recolleu centos de casos de agresións sexuais en espazos públicos) ou o #PrimAcoso (con testemuños de abusos na mocidade).

O informe de Interior diferencia todas estas figuras legais nas súas estatísticas: 199 abusos sexuais, 16 abusos sexuais con penetración, 82 agresións sexuais, 44 agresións sexuais con penetración, 22 casos de acoso sexual e 24 casos de exhibicionismo. Ademais, inclúe un total de 61 delitos relacionados con menores de idade (30 casos de pornografía, 16 de corrupción de menores e 15 de prostitución con menores de idade). Pontevedra é o territorio con máis delitos (204), por diante da Coruña (184) e a moita distancia de Lugo (48) e Ourense (44). Con todo, A Coruña é a provincia na que se produciron máis agresións sexuais e tamén máis casos de acoso.

Cómpre salientar que nos últimos anos a cifra de agresións sexuais se mantiveron estables ou mesmo descenderon, acadando un máximo no 2010 e 2011, reducíndose nos peores anos da crise económica (entre o 2012 e o 2014) e volvendo a crecer dende entón. Porén, dende o 2013 disparáronse o resto de delitos (que inclúen os abusos e o acoso), pasando dos 175 dese ano aos 333 de 2017, practicamente o dobre.

Dende o ano 2013 o número total de delitos sexuais creceu un 60%, pasando de 285 a 459

Para o conxunto do Estado, a estatística confirma a tendencia que tamén se rexistra en Galicia, dun estancamento dos feitos cualificados xudicialmente como agresión sexual (en España pasaron de 3.294 en 2012 a 3.193 en 2017) e dun incremento moi importante dos feitos caracterizados como abusos sexuais (pasaron de 3.437 en 2012 a 5.523 en 2017).

Os datos de 2018 apuntan a que este ascenso continuará tamén este ano. De xaneiro a setembro, o número total de agresións sexuais con penetración foi de 44, fronte ás 36 do mesmo período de 2017 e ás 26 dos nove primeiros meses de 2016. O número total de delitos contra a liberdade sexual nos tres primeiros trimestres chega xa aos 396 este ano, fronte aos 327 e 363 dos dous últimos exercicios.

O pasado ano entrevistamos a María Montenegro (Marcha Mundial das Mulleres) e a Pilar Estévez (Plataforma Feminista Galega) sobre o incremento das violacións, destacando que "unha muller que denuncia debe sentirse cómoda, debe haber medios para investigar esa denuncia e, finalmente, o que non pode haber é amparo social e banalización ante as agresións".

O perfil de agresores e vítimas

O 84% das vítimas son mulleres, fronte a un 16% de varóns. O 70% das vítimas masculinas eran menores de idade, mentres que nas vítimas de sexo feminino a idade máis habitual sitúase entre os 18 e os 30 anos

O informe do Ministerio do Interior debulla varias características de agresores e vítimas: nacionalidade, idade, xénero..., o que permite establecer un perfil das persoas que cometen este tipo de delitos e das persoas que os sofren. Ademais, chama a atención unha certa estacionalidade destes delitos, que se producen en maior medida nos meses do verán (entre maio e setembro).

O 84% das vítimas son mulleres, fronte a un 16% de varóns, aínda que con diferenzas entre uns e outros delitos: no de pornografía de menores as proporcións están igualadas (49% nenos, 47% nenas), mentres que nos casos de agresión o 92% das vítimas son mulleres. O 70% das vítimas masculinas eran menores de idade, mentres que nas vítimas de sexo feminino a idade máis habitual é o treito comprendido entre os 18 e os 30 anos.

O 96% dos agresores foron homes, fronte a un 4% de mulleres

En cambio, o 96% dos agresores foron homes, fronte a un 4% de mulleres. As mulleres só acadan unha porcentaxe significa nos delitos relacionados coa prostitución, nos que o 35% das acusadas foron se xénero feminino. Nos casos de agresión, abuso ou acoso, a proporción de homes responsables dos feitos vai do 97% ao 100%.

O 70% dos detidos foron de nacionalidade española e o 30% foron estranxeiros. Tamén a maioría das vítimas tiña nacionalidade española (78%) e o 22% eran estranxeiras.

O 34% dos detidos e investigados tiña entre 41 e 64 anos, cun 29% entre 18 e 30 anos e un 23% entre 31 e 40 anos

O 34% dos detidos e investigados tiña entre 41 e 64 anos, cun 29% entre 18 e 30 anos e un 23% entre 31 e 40 anos. Nos delitos de agresión sexual e de abuso sexual con penetración o grupo de idade entre 18 e 30 anos é maioritario entre os agresores. Mentres, nos de acoso sexual e nos de abuso sen penetración domina o treito entre 41 e 64 anos.

Concentración contra a violencia machista CC-BY-NC-SA GZ Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.