Agresións sexuais, a parte silenciosa da violencia machista

Fotograma do filme 'Irreversible' (2002), no que a protagonista sofre unha violación CC-BY-SA El Diario

A Sara violárona cando tiña 19 anos. Sucedeu nun parque, hai máis de dúas décadas. "Eran as dez da noite. Pilláronme dous tíos. Deilles o diñeiro, pero tiráronme ao chan e espíronme. Cortáronme cunhas navallas e, cando empecei a berrar e a golpealos, déronme cunha pedra. Danáronme as cordas vocais ao apertarme o pescozo para que non berrase e rompéronme o nariz. Estou viva de milagre", conta, coa respiración entrecortada.

Segundo o macroinforme realizado pola Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e presentado recentemente, o máis amplo e detallado que existe, polo menos un 6% das mulleres residentes en España de entre 18 e 74 anos viviu algún suceso de violencia sexual despois dos 15 anos, isto é, ao redor dun millón. Un 11% declara sufrila na infancia; e un 1% nos 12 meses anteriores á enquisa, preto de 170.000.

Os delitos sexuais máis habituais son a agresión, o abuso e o acoso. A primeira é o atentado "contra a liberdade sexual doutra persoa, utilizando violencia ou intimidación". O abuso dáse cando non existe violencia ou intimidación e non hai consentimento "ou este está viciado", resume a avogada María José Varela, membro da Asociación de Asistencia a Mulleres Agredidas Sexualmente. En ambos pode haber penetración ou non. A violación sería unha agresión sexual con penetración.

Por último, o acoso sexual defínese como a solicitude de "favores sexuais, para si ou para un terceiro, no ámbito dunha relación laboral, docente ou de prestación de servizos, continuada ou habitual", que lle provoca á vítima "unha situación obxectiva e gravemente intimidatoria, hostil ou humillante".

A culpabilización da vítima

Da enquisa da Axencia Europea despréndese que só unha media do 15% das mulleres comunican o incidente máis grave á policía. Coas cifras que dabamos ao comezo, habería unhas 25.500 denuncias ao ano. Un dato que coincide co que manexa Tina Alarcón, directora do Centro de Asistencia a Vítimas de Agresións Sexuais (CAVA).

As vítimas "dálles vergoña falar do tema e moitas veces séntense culpables, como se dalgún xeito o provocasen"

A experiencia de Alarcón permítelle afirmar que ás vítimas "dálles vergoña falar do tema e moitas veces se senten culpables, coma se dalgunha maneira o provocasen, por ir a tal sitio, non defenderse o suficiente... Incluso a contorna máis próxima axuda a esta culpabilización, dicíndoche aquilo de o estabas a buscar". Para ela, isto está na base de que moitos casos non se denuncien.

Marta é un bo exemplo. Aos 22 anos foi atacada mentres camiñaba por un parque ao mediodía, en 1996. "Un home lanzouse sobre min e tiroume ao chan. Deime cunha pedra e estiven un minuto semiinconsciente. Cando me recuperei, o tipo tiña as mans dentro das miñas bragas. Golpeeino co bolso como puiden. Agarrouno e saíu correndo. O terrible é que había un señor moi preto e non fixo nada; nin sequera me axudou a levantarme. Cheguei a cuestionarme, imbécil de min, se me agrediron por levar minisaia", recrimínase.

Acudiu a comisaría a denunciar o roubo do bolso. Foi o propio policía que a atendeu, cando a viu chorando e coas medias esnaquizadas, o que lle comunicou que fora vítima dunha agresión sexual. Marta non quixo contalo na casa "para que non sufrisen" e porque non levaba ben co seu pai.

"Até os consellos que che dan coas mellores intenciósn teñen que ver con esta vergoña: 'Non saias por aí', 'non poñas minisaia"

"Até os consellos que che dan, coas mellores intencións, teñen que ver con esta vergoña que sentimos ao falar diso: 'Non saias por aí', 'non vaias con descoñecidos', 'non bebas moito', 'non poñas minisaia", abunda Acracia Infante, de mehanviolado.com, unha web que recompila información sobre estas agresións. E conclúe: "Parece que somos nós as que temos que protexernos desa violencia, en lugar de que os homes aprendan a non violar".

Así o viviu Carmen. Cumpridos os 16, comezou a facerse pis na cama. Só entón a súa familia descubriu que un par de anos antes un mozo co que saía ocasionalmente a violara. "Os meus pais non me deixaban ir con el na moto, así que, cando o fixen e me forzou, non me atrevín a contarllo a ninguén", narra con tristura. Afortunadamente, houbo unha testemuña que fixo posible que o rapaz fose castigado.

A esta "cultura da violación", como a denomina Infante, "que responsabiliza ás sobreviventes destes sucesos", axudan algunhas resolucións xudiciais. Neste sentido, Varela cita unha sentenza que dicía que "a vítima coa súa actitude de facer autoestop na autoestrada ao tres da mañá propiciara ese desenlace".

Sara tivo que escoitar algo parecido: "Recordo que alguén da miña contorna, cando se decatou do que me ocorreu, díxome: 'Normal, sempre estás pola rúa, algunha vez tíñache que pasar'. Boteime a chorar".

Avances lexislativos en poucas décadas

Lola superou a vintena en 1978. Aquel ano agredírona nun corredor do metro: "Un tipo tiróuseme encima a tocarme os peitos. Resistinme e rachoume a blusa. Berrei. Non sei se se asustou ou que, pero marchou. Impresionoume moito que ao baixar á plataforma, chorando e coa roupa rota, ninguén dixo nin fixo nada, e iso que deberon de ouvilo todo. Miráronme coma se fose unha tola ou unha extraterrestre". Lola non denunciou o ocorrido. "Entón, o que non era violación non estaba considerado agresión sexual. Aínda hoxe moitas mulleres cren que isto é así", argumenta.

"O tipo penal que configuraba a acción punible no antigo Código Penal viraba ao redor da acción de 'xacer coa muller' con forza ou intimidación, cando estaba privada de razón ou sentido ou con menor de 12 anos", aclara Varela, que en 1987 conseguiu a primeira sentenza do Tribunal Supremo que recoñecía que esixir ás mulleres vítimas dunha agresión sexual a demostración de resistencia supuña unha discriminación por razón de sexo.

Sara teno claro: "Se me volvesen atacar, baixaría directamente as bragas para evitar as lesións". Ela si acudiu á policía e asistiu a varias roldas de recoñecemento, pero nunca deu con quen lle introduciron o pene na boca á forza. De facelo, polo menos nese momento poderían xulgalos por violación. Non sempre foi así.

"No momento no que decidimos que os xuízos de violación tiñan que ser a portas abertas e entrastes os xornalistas e explicastes o que pasaba, iso fomentou o debate. E iso levou ao cambio lexislativo e ao cambio de actitude dos xuíces"

Ese "xacer con muller", detalla Varela, interpretábase "exclusivamente como coito vaxinal. As penetracións bucais ou anais eran consideradas abusos deshonestos e tiñan unha pena moito menor". A lei cambiou moito. Primeiro equiparáronse as penetracións vaxinais, anais e bucais, en 1989. Seis anos despois, as realizadas cun obxecto "por algunha das dúas primeiras vías". E por fin, coa reforma de 2003, introduciuse a violación vaxinal ou anal con calquera "membro corporal", o que incluía os dedos, utilizados "sobre todo con nenas", continúa a avogada.

Ademais, no Código Penal de 1995, aínda vixente coas súas sucesivas reformas, foi no que se realizou "a reestruturación total dos delitos de violencia sexual, partindo de dous grandes grupos: as agresións e os abusos". Nos dous, "as penas son maiores se hai penetración", matiza esta experta, que obtivo a primeira sentenza en España que condenaba o acoso sexual como delito, en 1998.

Estes avances legais non se traduciron inmediatamente nun cambio "na percepción dos xuíces", que en opinión de Varela si se pode apreciar na actualidade: "Polo menos agora á muller créselle". Logro que esta avogada adxudica ao traballo de denuncia que se veu facendo desde os foros feministas e ao labor da prensa. "No momento no que decidimos que os xuízos de violación tiñan que ser a portas abertas e entrastes os xornalistas e explicastes o que pasaba, iso fomentou o debate. E iso levou ao cambio lexislativo e ao cambio de actitude dos xuíces", recalca.

Fotograma do filme 'Irreversible' (2002), no que a protagonista sofre unha violación CC-BY-SA El Diario

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.