0 Gardados para despois

O 'Mapa do Medo' das agresións sexuais en Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A mediados de xaneiro a pontevedresa Jessyca Ocampo, estudante de fotografía en Compostela, puxo en marcha o Mapa do Medo. O seu obxectivo era recoller testemuños de mulleres galegas que sufriran agresións sexuais en espazos públicos e, ademais, xeolocalizar esas agresións, para alertar ao resto das mulleres dos perigos concretos que pode haber nunha zona determinada. A iniciativa inspírase noutra levada a cabo en Brasil -Chega de Fiu Fiu- creada pola organización feminista OLGA. Un mes despois, o Mapa do Medo conta xa con 150 relatos de situacións de acoso, intentos de violación, tocamentos e outras vexacións sufridas por galegas de todas as idades en distintos puntos do país. E o proxecto non deixa de medrar.

Ocampo buscaba "plasmar o que sucede cando unha muller vai soa pola rúa de noite. Tentar transmitir como se sente e que se vexan as distintas situacións polas que pode pasar. Ou como nós podemos actuar en caso de que nos vexamos nunha situación de perigo"

Co Mapa do Medo, Ocampo buscaba "plasmar o que sucede cando unha muller vai soa pola rúa de noite. Tentar transmitir como se sente e que se vexan as distintas situacións polas que pode pasar. Ou como nós podemos actuar en caso de que nos vexamos nunha situación de perigo". O proxecto comezou recollendo testemuños en Compostela (de feito, Santiago suma polo de agora o maior número de relatos), pero a iniciativa moi rapidamente estendeuse ao resto de cidades e vilas do país, cun gran número de historias en Pontevedra, Vigo, Lugo, A Coruña, Ferrol ou as Rías Baixas.

"Ninguén debería ter medo de camiñar polas rúas simplemente por ser muller. Infelizmente iso é algo que ocorre todos os días. Pouco se discute e case nada se sabe sobre o tamaño e a natureza do problema", destacábase igualmente na web brasileira. Unha lectura demorada polas ducias de historias publicadas ata agora, por desgraza moi frecuentes, permite tomar conciencia (sobre todo aos homes) dunha realidade que sofren ou poden sufrir todas as mulleres en calquera momento. Entre as 150 situacións denunciadas hai moitas que teñen lugar pola noite, pero tamén polo día. En rúas desertas, pero tamén rodeadas doutras persoas que en moitos casos preferiron ollar para outro lado (noutras ocasión, en cambio, a súa intervención foi determinante para afastar o agresor). En discotecas, en autobuses e nas paradas do autobús. En colexios e facultades universitarias, mesmo con agresións a cargo de mestres e profesores. Algunhas destas agresións foron denunciadas ante a Policía e moitas outras (a maioría) non o foron, destacando moitas das mulleres que decidiran non acudir ás autoridades por medo a non ser tidas en conta ou para non ter que atopar de novo os seus agresores.

Os mapas do medo crecen en paralelo con outras iniciativas, coma o #MeToo ou a campaña #PrimAcoso, que a finais de 2016 impulsou o Concello de Pontevedra. Hai uns meses Pilar Estévez (Plataforma Feminista Galega) destacaba en entrevista con Praza que "non pode haber é amparo social e banalización ante as agresións", subliñando María Montenegro (Marcha Mundial das Mulleres) "todos os días sufrimos micromachismos que nada teñen de micro e que levan a que o número de agresións sexa cada día máis grande". Cada ano medio cento de mulleres son violadas en Galicia, case unha por semana, unha estatística que agocha unha realidade máis ampla de agresións de todo tipo, de acoso e de medo.

"Hai moitas situacións e comportamentos que a sociedade ten normalizados, e que non deberían estalo"

O mapa ao comezo recollía testemuños só de Compostela, pero agora xa se ampliou a toda Galicia. Como nace a idea de levar a cabo este proxecto? 

O proxecto nace centrado en Compostela, porque parte dun traballo de clase, de reportaxe fotográfica. Eu quería facer visible nas miñas fotos a violencia machista nas rúas que sufrimos todos os días. Pero unha profesora viu o proxecto e animoume a buscar os 'mapas do medo' que se fixeran en Brasil. A través das redes sociais animei a que me enviasen denuncias e testemuños e comezaron a chegar ducias de historias, de toda Galicia, que fun recollendo nun mapa, para que todo o mundo poida ser consciente do que pasa nas nosas rúas.

Por que é importante que se visibilicen estas agresións?

Hai moitas situacións e comportamentos que a sociedade ten normalizados, e que non deberían estar normalizados. Non é normal que unha rapaza vaia pola rúa e que un home ou un grupo de homes lle berren ou lle digan calquera cousa. Con este tipo de iniciativas ponse de manifesto que a agresión ou a situación de acoso que sufriu unha muller non é un caso illado e, ademais, contalo publicamente sérvelle a esa muller para desafogar, porque moitas veces sucede que son cousas que non se contan. E, por outra parte, os homes cando len este tipo de testemuños, poden decatarse do que está a suceder, ou mesmo ser conscientes de que eles tamén levan a cabo eses comportamentos.

"No mapa hai algunha historia de agresións que tiveron lugar hai anos, e que elas mesmas recoñecen que poucas veces contaron. Hai ocasións en que a propia sociedade tamén xulga ás mulleres que foron agredidas. O mapa é tamén unha forma rachar con estes silencios"

Lendo os relatos, chama a atención nalgúns casos que hai mulleres que confesan que poucas veces contaran o que lles sucedera. Por que resulta tan difícil facer público isto?

Si, no mapa hai algunha historia de agresións que tiveron lugar hai anos, e que elas mesmas recoñecen que poucas veces contaron. Hai ocasións en que a propia sociedade tamén xulga ás mulleres que foron agredidas. 'Por que ías soa pola rúa?' é unha pregunta habitual. Pero por que non vou ir soa pola rúa? Eu non debería ter que andar con coidado camiñando polo meu barrio ou paseando o can pola noite. Hai moitos silencios sobre algúns destes temas. E o mapa é tamén unha forma rachar con estes silencios.

Nas historias tamén se atopan situacións que tiñan lugar con moita xente ao redor, e que o vía como algo normal ou miraba para outro lado. Temos que reflexionar como sociedade sobre isto? 

Si, creo que a sociedade en xeral está pouco involucrada con este tema. Temos que comezar a darnos conta de que estas situacións se poden cambiar, de que se lles pode botar unha man ás mulleres que vemos que están sufrindo estas agresións. Creo que lendo estas historias unha persoa pode reflexionar sobre o tema e a próxima vez que vexa algo así pola rúa, ser máis consciente do que está a pasar, para poder axudar.

"Lendo estas historias unha persoa pode reflexionar sobre o tema e a próxima vez que vexa algo así pola rúa, ser máis consciente do que está a pasar, para poder axudar"

Nos últimos tempos está habendo un movemento de visibilización e denuncia das agresións machistas: o #MeToo, o #PrimAcoso, os mapas do medo... E fronte a estas denuncias sempre xorden voces que poñen en dúbida os relatos de acoso, que cuestionan a súa importancia ou que critican que con isto se mata a sedución ou non sei que máis. A que se deben estas reaccións? 

Si, chámannos esaxeradas, din que isto non é para tanto, que por que non se pode piropear... O mesmo rapaz que un día me di algo pola rúa, ao día seguinte igual agarra polo brazo a outra rapaza, e ao outro día máis igual lle fai algo máis a outra. É que non tes por que molestarme pola rúa, é que eu non debería ter que preocuparme cando vou soa pola noite. O problema é que esas actuacións están normalizadas, o problema é que está todo moi arraigado. A cousa vén de vello e habería que cambialo todo, dende a base.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Algunhas das historias do 'Mapa do Medo'

Estes son apenas uns poucos exemplos das denuncias publicadas nas últimas semanas no Mapa do Medo. Nalgúns casos trátase simplemente de fragmentos das historias, das que se respectou a grafía e lingua orixinais. Os relatos completos pódense consultar no propio mapa.

“Tres tipos nunha furgoneta pararon nun semáforo mentres eu esperaba para cruzar. Comezaron a chamarme 'guapa', a asubiarme e a mirarme dunha forma moi desagradable. Foron os 10 minutos máis longos da miña vida. Dicíanse os uns ós outros 'está follable', 'métela en la furgoneta' e todo eran risas" (Santiago de Compostela)

"Había máis xente nos arredores, pero ninguén fixo nada. Eu berráballe que me deixara en paz, que non quería nada con el, pero a súa resposta foi que deixase de ser tan estreita. Tiven que darlle unha patada no xeonllo e correr"

"Sobre media noite voltaba para a casa cando un rapaz me pegou unha cachetada por detrás. Acto seguido agarroume da man e díxome que non me marchaba de alí sen darlle o meu número de teléfono. Había máis xente nos arredores, pero ninguén fixo nada. Eu berráballe que me deixara en paz, que non quería nada con el, pero a súa resposta foi que deixase de ser tan estreita. Tiven que darlle unha patada no xeonllo e correr" (Santiago de Compostela)

"Eran ó redor das 12 da noite. Ó pouco empecei a escoitar unhas voces detras de min, dicíanme cousas... dinme a volta e vinos, era un grupo como de 4 ou 5 tíos. Empecei a camiñar máis rápido e eles tamén, seguian dicíndome cousas. Non había ninguén en toda a rúa e empezóuseme a acelerar o corazón (...). Ese día chorei como unha nena, nunca tanto medo pasara como aquela noite" (Santiago de Compostela)

"Empecei a camiñar máis rápido e eles tamén, seguian dicíndome cousas. Non había ninguén en toda a rúa e empezóuseme a acelerar o corazón. Ese día chorei como unha nena, nunca tanto medo pasara como aquela noite"

"Empecei a subir por Gran Vía e enfronte ó Corte Inglés había un home duns 40 anos mirando os escaparates. Non sei por que pero nun momento, cando xa estaba o home detrás miña decidín xirarme e vexo que saca unha navalla da súa chaqueta. Eu media escandalizada por ver que o home sacou unha navalla da chaqueta empecei a andar máis rápido, a cruzar todas as calles posibles, xirarme en todo rato se o home estaba detrás miña; e efectivamente, o estaba. Sempre que me xiraba o home seguía indo polas mesmas rúas polas que eu iba" (Vigo)

"Cruceime cunha camioneta branca cos cristais tapados con periódicos e o señor estábase masturbando dentro. Un pouco máis adiante a furgoneta que vira foi aparcar, e dela baixou o home. De supero o home volveuse e comezou a camiñar cara min. El comezou a sorrir, pero con sorriso malévolo, desos que che meten o medo no corpo. Eu empecei a decir 'non', era o único que me saía. El contestaba con 'si'. Boutouse a correr cara min e eu corrín ata que puiden cruzar a calle. A día de hoxe sigo sin sair da casa sola a calquera hora do día. Nin á panadería do lado" (Ribeira)

"Eu empecei a decir 'non', era o único que me saía. El contestaba con 'si'. Boutouse a correr cara min e eu corrín ata que puiden cruzar a calle. A día de hoxe sigo sin sair da casa sola a calquera hora do día. Nin á panadería do lado"

"Volvía no bus de Pontevedra para Marín. Fixeime en que detrás miña ían tres chavales que se quedaron mirando pra min. Cando arrancou o bus, un deles veu e sentouse o meu lado. Non facía máis que mirarme e mirar as miñas pernas (ía cun vestido corto). Pasaron os 15 minutos de traxecto dicindo cousas obscenas entre eles, e cando toquei o timbre para anunciar a miña parada, decidiron baixar canda eu e seguíronme ata o meu portal, asubíandome e dicindo cousas noxentas. Eu quedei totalmente bloqueada e cheguei a casa temblando. Eran sobre as catro da tarde e o bus e as rúas estaban cheas" (Marín)

"Cando toquei o timbre para anunciar a miña parada, decidiron baixar canda eu e seguíronme ata o meu portal, asubíandome e dicindo cousas noxentas. Eu quedei totalmente bloqueada e cheguei a casa temblando"

"Tres deles comezaron a falar coas miñas amigas e a distraelas, e, mentres tanto, un deles agarroume por atrás e tapoume a boca, mentras outro dos seus compañeiros empezou a tocarme os peitos e a intentar levantarme a blusa que levaba. Unha das miñas amigas, por sorte, deuse conta, e empezou a gritarlles e a golpealos, o que fixo que as outras reaccionasen e que me soltasen, polo que puiden empezar a defenderme e eles marcharon pitando. Eu era unha nena coma quen di, tiña 17 anos e aínda hoxe veñenme as imaxes a cabeza. O meu peor erro foi non denunciar os feitos na policía, pero tiña moito medo, non quería volver a verlles a cara e non quería que se puxese en duda nada do que eu contaba nin, moito menos, ter que responder a preguntas sobre o que vivín. Hoxe arrepíntome diso e oxalá todas as rapazas que pasen por isto se atrevan a denuncialo" (Pontevedra)

"O meu peor erro foi non denunciar os feitos na policía, pero tiña moito medo, non quería volver a verlles a cara e non quería que se puxese en duda nada do que eu contaba"

"De repente, un señor duns corenta anos interpúxose no meu camiño. Mirou pra min e díxome 'A donde vas guapa, que voy contigo'. Díxenlle que quen se cría, que non me coñecía de nada. E dime 'Sólo era un piropo eh'. Contesteille que a min non me tiña que chamar nada que non me coñecía. E entón díxome 'puta feminazi'" (Pontevedra)

Uns peregrinos preguntaronme o camiño hacia Reboreda (unha parroquia cercana). Eu axundeilles pero dicían que non me entendían. Como non sabían por onde ir decidín acompañalos. Eu que sabía o que me ía ocorrer. Polo camiño, colléronme entre os dous e leváronme a un camiño escondido e moi pouco transitado, alí intentaronme forzar pero eu non me paraba quieta porque sabía o que ía a ocorrer. Un deles dicíame que se non paraba quieta se ían a matar e, mentres, facíame feridas por todo o corpo cun obxeto punzante. Eu vía negro, nese momento só quería morrer. Por sorte, antes de forzarme, apareceu un coche. Eles, ao ver o coche saíron correndo e escaparon polo camiño. Aínda hoxe seguen sen descubrir quen foron" (Redondela)

"Un deles dicíame que se non paraba quieta se ían a matar e, mentres, facíame feridas por todo o corpo cun obxeto punzante. Eu vía negro, nese momento só quería morrer. Por sorte, antes de forzarme, apareceu un coche"

"Era o día da festa, e decidín marchar cun rapaz, porque me gustaba e porque sí, tampouco penso que haxa que dar moita explicación sobre isto. Apartámonos un pouco da zona máis transitada. Eu tiña 17 anos. El, penso que dous máis. Xa nos coñeciamos por amigos comúns. Aos 5 minutos de estar alí con el, noto coma alguén máis está detrás miña. O primeiro que recordo é unha man agarrándome e intentando desabrocharme o pantalón. Eran os seus tres amigos, que decidiron oportuno "unirse". Recordo botarme para atrás totalmente desorientada, non comprendía nada. Só repetían que non fose mala, que me ía gustar. Insistín en que me deixaran, que me quería ir de alí, poñendo o ton de voz máis firme que puiden. Cheguei a estar contra o muro, con tres tipos acorralándome. Tamén recordo o flash: o outro estaba gravando. Isto aínda foi na época dos móbiles con tapa e que para pasar vídeos e fotos precisaban de infravermellos, cada vez que penso que podería pasar hoxe en día co Whatsapp dame un arrepío por todo o corpo. Finalmente viron que non había nada que facer e deixáronme ir. Tamén recordo as risas mentras baixaba pola costa. Non dixen absolutamente nada, porque durante moitos anos dábame auténtico pánico que alguén se enterase disto, e tamén repetíame que, claro, que non me fixeron nada ao final. Nada? Foron os 5 minutos máis longos da miña vida. Cando cheguei a xunto das miñas amigas non podía parar de chorar, sen pronunciar palabra. A explicación que lles din foi que o rapaz decidira que ao final non quería liarse comigo. Agora con perspectiva, vexo que debín denunciar. Porque despois esta xente segue facendo isto, e pensan que non fan nada malo, que están só levando a unha tipa o límite, porque ás veces, funciona. Pero que denuncias? Que apareceron nun camiño? Que te tocaron un pouco? Ao final non pasou nada, non? Eu por sorte, mantivenme firme, pero de seguro que hai outras que non, e ceden. Cedes porque te bloqueas. E calan, coma calei eu, coma calamos todas.Isto foi o 25 de agosto de 2007, acordareime toda a vida" (Vigo)

"É noxento ver como esta situación estaba normalizada e durou anos e anos, sen que ningún adulto se atrevera a dar a cara e sabendo que o mestre en cuestión segue sendo admirado por moitos pais e persoas relacionadas co colexio"

"Estudei primaria no CEIP de Pumar Urdilde (Rois). Dende 3º ata 6º tiñamos un mestre de Matemáticas que pedía ir ensinarlle os exercicios xunto á mesa unha vez rematados ou se tiñamos dúbidas. Ás rapazas sempre nos collía polo ombro e nos arrimaba cara el: era incómodo, pero aguantable (para min daquela o que nos facía non era máis extraño que ter que dárlle dous bicos sempre a todos os adultos descoñecidos que me presentaban). O peor era se tiñamos algo mal: metíanos a man por dentro da camiseta e pellizcábanos a barriga. Outra opción é que nos puxera a man no cu e nos pellizcara tamén. Recordo que o falabamos entre nós e coas rapazas maiores doutros cursos, que nos contaban técnicas como dárlle a libreta dende en fronte da mesa para evitar que nos agarrara (aínda que sempre nos acababa mandando ir onda el). O profesor impartiu clase a varias xeracións do concello de Rois e pasou a súa vida alí, sen ningún problema e xubilándose hai uns anos. Agora que medrei paréceme imposible que ningunha rapaza o tivera comentado na casa ou que ningún outro mestre se decatara destes comportamentos machistas denunciables. É noxento ver como esta situación estaba normalizada e durou anos e anos, sen que ningún adulto se atrevera a dar a cara e sabendo que o mestre en cuestión segue sendo admirado por moitos pais e persoas relacionadas co colexio" (Rois)