- Le aquí algunhas das historias de agresións e acoso recollidas no proxecto
- Seis mulleres pediron que o bus urbano de Vigo as deixase fóra dunha parada na primeira noite dese servizo contra o acoso
A mediados de xaneiro a pontevedresa Jessyca Ocampo, estudante de fotografía en Compostela, puxo en marcha o Mapa do Medo. O seu obxectivo era recoller testemuños de mulleres galegas que sufriran agresións sexuais en espazos públicos e, ademais, xeolocalizar esas agresións, para alertar ao resto das mulleres dos perigos concretos que pode haber nunha zona determinada. A iniciativa inspírase noutra levada a cabo en Brasil -Chega de Fiu Fiu- creada pola organización feminista OLGA. Un mes despois, o Mapa do Medo conta xa con 150 relatos de situacións de acoso, intentos de violación, tocamentos e outras vexacións sufridas por galegas de todas as idades en distintos puntos do país. E o proxecto non deixa de medrar.
Ocampo buscaba "plasmar o que sucede cando unha muller vai soa pola rúa de noite. Tentar transmitir como se sente e que se vexan as distintas situacións polas que pode pasar. Ou como nós podemos actuar en caso de que nos vexamos nunha situación de perigo"
Co Mapa do Medo, Ocampo buscaba "plasmar o que sucede cando unha muller vai soa pola rúa de noite. Tentar transmitir como se sente e que se vexan as distintas situacións polas que pode pasar. Ou como nós podemos actuar en caso de que nos vexamos nunha situación de perigo". O proxecto comezou recollendo testemuños en Compostela (de feito, Santiago suma polo de agora o maior número de relatos), pero a iniciativa moi rapidamente estendeuse ao resto de cidades e vilas do país, cun gran número de historias en Pontevedra, Vigo, Lugo, A Coruña, Ferrol ou as Rías Baixas.
"Ninguén debería ter medo de camiñar polas rúas simplemente por ser muller. Infelizmente iso é algo que ocorre todos os días. Pouco se discute e case nada se sabe sobre o tamaño e a natureza do problema", destacábase igualmente na web brasileira. Unha lectura demorada polas ducias de historias publicadas ata agora, por desgraza moi frecuentes, permite tomar conciencia (sobre todo aos homes) dunha realidade que sofren ou poden sufrir todas as mulleres en calquera momento. Entre as 150 situacións denunciadas hai moitas que teñen lugar pola noite, pero tamén polo día. En rúas desertas, pero tamén rodeadas doutras persoas que en moitos casos preferiron ollar para outro lado (noutras ocasión, en cambio, a súa intervención foi determinante para afastar o agresor). En discotecas, en autobuses e nas paradas do autobús. En colexios e facultades universitarias, mesmo con agresións a cargo de mestres e profesores. Algunhas destas agresións foron denunciadas ante a Policía e moitas outras (a maioría) non o foron, destacando moitas das mulleres que decidiran non acudir ás autoridades por medo a non ser tidas en conta ou para non ter que atopar de novo os seus agresores.
Os mapas do medo crecen en paralelo con outras iniciativas, coma o #MeToo ou a campaña #PrimAcoso, que a finais de 2016 impulsou o Concello de Pontevedra. Hai uns meses Pilar Estévez (Plataforma Feminista Galega) destacaba en entrevista con Praza que "non pode haber é amparo social e banalización ante as agresións", subliñando María Montenegro (Marcha Mundial das Mulleres) "todos os días sufrimos micromachismos que nada teñen de micro e que levan a que o número de agresións sexa cada día máis grande". Cada ano medio cento de mulleres son violadas en Galicia, case unha por semana, unha estatística que agocha unha realidade máis ampla de agresións de todo tipo, de acoso e de medo.
"Hai moitas situacións e comportamentos que a sociedade ten normalizados, e que non deberían estalo"
O mapa ao comezo recollía testemuños só de Compostela, pero agora xa se ampliou a toda Galicia. Como nace a idea de levar a cabo este proxecto?
O proxecto nace centrado en Compostela, porque parte dun traballo de clase, de reportaxe fotográfica. Eu quería facer visible nas miñas fotos a violencia machista nas rúas que sufrimos todos os días. Pero unha profesora viu o proxecto e animoume a buscar os 'mapas do medo' que se fixeran en Brasil. A través das redes sociais animei a que me enviasen denuncias e testemuños e comezaron a chegar ducias de historias, de toda Galicia, que fun recollendo nun mapa, para que todo o mundo poida ser consciente do que pasa nas nosas rúas.
Por que é importante que se visibilicen estas agresións?
Hai moitas situacións e comportamentos que a sociedade ten normalizados, e que non deberían estar normalizados. Non é normal que unha rapaza vaia pola rúa e que un home ou un grupo de homes lle berren ou lle digan calquera cousa. Con este tipo de iniciativas ponse de manifesto que a agresión ou a situación de acoso que sufriu unha muller non é un caso illado e, ademais, contalo publicamente sérvelle a esa muller para desafogar, porque moitas veces sucede que son cousas que non se contan. E, por outra parte, os homes cando len este tipo de testemuños, poden decatarse do que está a suceder, ou mesmo ser conscientes de que eles tamén levan a cabo eses comportamentos.
"No mapa hai algunha historia de agresións que tiveron lugar hai anos, e que elas mesmas recoñecen que poucas veces contaron. Hai ocasións en que a propia sociedade tamén xulga ás mulleres que foron agredidas. O mapa é tamén unha forma rachar con estes silencios"
Lendo os relatos, chama a atención nalgúns casos que hai mulleres que confesan que poucas veces contaran o que lles sucedera. Por que resulta tan difícil facer público isto?
Si, no mapa hai algunha historia de agresións que tiveron lugar hai anos, e que elas mesmas recoñecen que poucas veces contaron. Hai ocasións en que a propia sociedade tamén xulga ás mulleres que foron agredidas. 'Por que ías soa pola rúa?' é unha pregunta habitual. Pero por que non vou ir soa pola rúa? Eu non debería ter que andar con coidado camiñando polo meu barrio ou paseando o can pola noite. Hai moitos silencios sobre algúns destes temas. E o mapa é tamén unha forma rachar con estes silencios.
Nas historias tamén se atopan situacións que tiñan lugar con moita xente ao redor, e que o vía como algo normal ou miraba para outro lado. Temos que reflexionar como sociedade sobre isto?
Si, creo que a sociedade en xeral está pouco involucrada con este tema. Temos que comezar a darnos conta de que estas situacións se poden cambiar, de que se lles pode botar unha man ás mulleres que vemos que están sufrindo estas agresións. Creo que lendo estas historias unha persoa pode reflexionar sobre o tema e a próxima vez que vexa algo así pola rúa, ser máis consciente do que está a pasar, para poder axudar.
"Lendo estas historias unha persoa pode reflexionar sobre o tema e a próxima vez que vexa algo así pola rúa, ser máis consciente do que está a pasar, para poder axudar"
Nos últimos tempos está habendo un movemento de visibilización e denuncia das agresións machistas: o #MeToo, o #PrimAcoso, os mapas do medo... E fronte a estas denuncias sempre xorden voces que poñen en dúbida os relatos de acoso, que cuestionan a súa importancia ou que critican que con isto se mata a sedución ou non sei que máis. A que se deben estas reaccións?
Si, chámannos esaxeradas, din que isto non é para tanto, que por que non se pode piropear... O mesmo rapaz que un día me di algo pola rúa, ao día seguinte igual agarra polo brazo a outra rapaza, e ao outro día máis igual lle fai algo máis a outra. É que non tes por que molestarme pola rúa, é que eu non debería ter que preocuparme cando vou soa pola noite. O problema é que esas actuacións están normalizadas, o problema é que está todo moi arraigado. A cousa vén de vello e habería que cambialo todo, dende a base.