Un reivindicativo descenso polo Ulla volve clamar contra Altri e a mina de Touro

Descenso de ráfting polo Ulla contra Altri e a mina de Touro CC-BY-SA Greenpeace

Decenas de embarcacións de ráfting, caiacs e piraguas realizaron este domingo un descenso reivindicativo en contra do proxecto de Altri. Foi polo último tramo do río Ulla, desde a Ponte de Sinde até o Campo dá Insua, en Padrón, xa moi preto da súa milledesembocadura na ría de Arousa. 

Ao final do percorrido, centos de persoas agardaron polas embarcacións e leron un manifesto esixindo que se "descarte definitivamente o proxecto de macrocelulosa" da empresa portuguesa na Ulloa, así como a reactivación da mina de Touro. 

Descenso de ráfting polo Ulla contra Altri e a mina de Touro CC-BY-SA Ulloa Viva

"Os dous proxectos industriais desenvolveríanse, moi preto o un do outro, na conca do río Ulla, afectando aos ecosistemas e a calidade das augas e poñendo en perigo a ría de Arousa", reivindicaron nunha mobilización convocada pola Plataforma Ulloa Viva, a da Defensa da Ría da Arousa, a de Mina Touro-O Pino Non, ademais doutros colectivos e entidades ecoloxistas como Greenpeace ou Adega. 

A acción pide que se "descarten definitivamente" os proxectos pola súa afectación aos ecosistemas e as augas

O descenso reivindicativo discorreu na súa totalidade polo sistema fluvial Ulla-Deza, unha Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 cuxos valores naturais "perigan polos dous proxectos industriais que a Xunta de Galicia declarou de interese estratéxico, diante dunha oposición social histórica". 

O espazo natural, lembran os convocantes, de máis de 1.600 hectáreas, inclúe unha valiosa rede hidrográfica que serve de fronteira entre as provincias da Coruña e Pontevedra, acubillando decenas de hábitats de interese comunitario, algúns deles prioritarios, e numerosas especies protexidas, como a lamprea, o salmón atlántico, a toupa de ría, a londra ou a endémica saramaganta.

 "Calcúlase que máis de 200.000 habitantes de numerosos concellos dependen da calidade hídrica do río Ulla para a subministración das redes municipais de auga", explican.  

Momento previo ao descenso de ráfting polo Ulla contra Altri e a mina de Touro CC-BY-SA Ulloa Viva

A instalación da fábrica de celulosa que Altri pretende emprender na comarca da Ulloa atravesa actualmente "uns dos seus momentos críticos, á espera dunha posíbel Autorización Ambiental Integrada (AAI) por parte da Xunta de Galicia, diante da cal moitas organizacións a anunciaron recursos xudiciais". 

Ademais, as organizacións convocantes desta protesta animan a cidadanía galega a "participar masivamente", o vindeiro 1 de xuño ás 12 do mediodía, na xa tradicional marcha contra as celulosas en Pontevedra, que discorrerá baixo o lema “Nin Ence na ría, nin Altri na Ulloa”.

Entre os asistentes, o concelleiro de Medioambiente de Santiago, Xesus Domínguez, que denunciou que "con mentiras e ocultando información, pretenden levar adiante esta macrocelulosa que vai contaminar un espazo natural e dunha gran riqueza, como é o río Ulla e que vai chegar tamén á ría de Arousa, contaminando o modo de vida de milleiros de persoas". 

En concreto, a actividade deste domingo en Padrón estivo organizada pola Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), a Plataforma Mina Touro-O Pino Non, Adega, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Sociedade Galega de Historia Natural, Baixo Ulla Vivo e Caiac Extremo Galiza, coa colaboración dos concellos de Padrón e Pontecesures.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.