O pasado 5 de marzo a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta, María José Echevarría, e o subdirector xeral de Avaliación Ambiental, Alejandro Carrera, daban a primeira luz verde ambiental do Goberno galego a Greenfiber. A fábrica de celulosa soluble e fibras téxtiles lyocell a partir deste produto promovida por Altri e Greenalia en Palas de Rei tras seren seleccionadas para facelo por Impulsa Galicia -sociedade fundada pola Xunta e Abanca- recibía unha declaración de impacto ambiental favorable á que a Administración agregaba certas condicións ambientais e tamén doutros eidos.
O informe no que Patrimonio Cultural da Xunta dá o visto e prace á instalación da factoría en Palas adopta as recomendacións propostas por un consultor contratado pola compañía para avaliar o impacto do seu proxecto no Camiño de Santiago
Algunhas desas condicións viñan derivadas de informes doutros departamentos do Goberno galego. Entre eles, o asinado un mes antes, o 4 de febreiro, pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Carmen Martínez Ínsua, centrado na "salvagarda dos aspectos ambientais relacionados co patrimonio cultural e de forma singular co Camiño Francés a Santiago" e que resultou "favorable" á instalación da fábrica. Nese documento a Xunta asumiu o plan de Altri para virar en "icona" a cheminea de 75 metros de altura que terá a súa fábrica se chega a construírse. Así, defende, minguaría o seu impacto visual.

Indica Patrimonio que, na "documentación inicial" presentada por Altri, a propia promotora admite que "nun percorrido duns 15 quilómetros" a planta sería "visible", "maiormente a cheminea", sen "achegar medidas concretas". Non obstante, agrega a Dirección Xeral, posteriormente a compañía presentou "documentación complementaria" en varias ocasións. Unha delas, o 24 de xaneiro. Entre os novos documentos estaba unha "Avaliación do Impacto Patrimonial" da fábrica "na zona de amortecemento do Camiño de Santiago" encomendada por Greenfiber a Jordi Tresserras Juan, "consultor internacional en Patrimonio Cultural e Desenvolvemento Sostible".
Dado que "o principal impacto visual é o da cheminea" de 75 metros, o documento asumido pola Xunta propón que "se converta nunha icona" con accións como pintala "con tons que se mimeticen coa contorna" e "converter o complexo industrial nun elemento arquitectónico atractivo"
Nesa avaliación encargada pola empresa, indica o informe de Patrimonio da Xunta, si se recollen "unha serie de propostas para minimizar os impactos visuais que deberán ser tidas en conta e aplicalas na súa integridade". Desta maneira, o Goberno galego asume as medidas formuladas polo consultor, entre elas, o plan para converter a cheminea nunha "icona".
Concretamente, a avaliación de Tresserras fai unha "proposta de medidas de integración paisaxística", que Patrimonio transcribe no seu propio informe oficial antes de asumilas. Dado que "o principal impacto visual é o da cheminea", o plan é "que a cheminea se converta nunha icona". "Suxírese -agrega- integrar a cheminea nun deseño arquitectónico maior que converta o complexo industrial nun elemento arquitectónico atractivo".

O propio documento admite que "a altura e o grosor" da cheminea "non poden modificarse", xa que "son as condicións de deseño que garanten a adecuada dispersión dos gases". Por iso aposta por "incorporar elementos decorativos ou artísticos que a convertan nun elemento icónico en lugar dunha intrusión visual", pintala "con tons que se mimeticen coa contorna" como "verdes, marróns ou grises en paisaxe naturais". A avaliación encargada por Altri tamén propón "traballar con escola de belas artes e arquitectura do territorio" as posibles "formas de expresión e conceptuais".
Divulgado por Ulloa Viva
A plataforma contraria á instalación e Altri lamenta que Patrimonio se "fundamentase en dous informes externos contratados e pagados por Altri" e ve as súas conclusións un "desatino" a respecto do impacto da fábrica no Camiño de Santiago
O informe de Patrimonio favorable ao proxecto de Altri e o propio documento de Tresserras transcende agora porque decidiu divulgalo a Plataforma Ulloa Viva. O colectivo, contrario á instalación da factoría en Palas, tivo acceso ao expediente administrativo íntegro da Declaración de Impacto Ambiental, no que se atopan estes documentos, pola súa condición de parte interesada no proxecto.
Ulloa Viva conclúe que o informe de Patrimonio favorable á instalación de Altri se "fundamenta, substancialmente, en dous informes externos contratados e pagados por Altri". Un deles, a devandita avaliación de Jordi Tresserras, de quen destacan que foi presidente do Icomos, o órgano asesor da Unesco que se dirixiu á Xunta para recomendar facer unha "avaliación de impacto patrimonial independente na que se analice o impacto do proxecto sobre o Camiño Francés"
Patrimonio da Xunta, sinalan, "dá por bos" estes informes "sen que figure no expediente nin conste a emisión" de "documentos e análise e valoración" ao respecto "por parte do persoal dos servizos técnicos da Consellería". A plataforma ve ademais "sorprendente" que Cultura certifique o seu ditame favorable á fábrica de Altri "só sete días hábiles despois de que Altri presentase por rexistro os últimos informes.
Neste contexto, Ulloa Viva ve "inaudito" e "un desatino argumental" sinalar o obxectivo de virar a cheminea en icona, una proposta "desatinada" e "incoherente" coa "realidade dun proxecto que supón un atentado visual na paisaxe e no campo visual do Camiño de Santiago". "Nin as medidas propostas de apantallamento arbóreo nin outras de integración paisaxística poden paliar o que é un impacto negativo grave e irreversible sobre a integridade e valores do Camiño de Santiago e súa paisaxe e campo visual", consideran.