Luz verde ambiental da Xunta a Altri

Fragmento da declaración de impacto ambiental ditada pola Xunta para Altri, sobre unha recreación da factoría divulgada pola empresa CC-BY-NC-SA Praza.gal

A Consellería de Medio Ambiente aproba a declaración ambiental do proxecto da factoría en Palas de Rei ao vela "ambientalmente viable" e lígaa ao cumprimento de varios requisitos. Ocupará 112 hectáreas, chegará aos 75 metros de altura e producirá ata 400.000 toneladas de celulosa ao ano

Altri si. A Consellería de Medio Ambiente vén de dar luz verde á declaración de impacto ambiental formulada por Greenfiber, a sociedade composta pola empresa portuguesa e a galega Greenalia, para instalar a súa fábrica en Palas de Rei. Faino na modalidade condicionada, isto é, considerándoo "ambientalmente viable", agregando unha serie de requisitos adicionais aos do proxecto formulado pola compañía e ligándoo ao cumprimento dun "programa de vixilancia ambiental".

O Diario Oficial de Galicia deste 14 de marzo fai oficial un visto e prace ditado o pasado día 5 pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta, María José Echevarría, e o subdirector xeral de Avaliación Ambiental, Alejandro Carrera. Faino aprobando o proxecto e agregando unha serie de "condicións xerais" e outras específicas indicadas polos departamentos de Emerxencias, Turismo, Cambio Climático, Saúde Pública, Territorio, Patrimonio Cultural, Augas e Patrimonio Natural.

Plano da factoría de Altri e a súa contorna, incluído na declaración de impacto ambiental aprobada pola Xunta CC-BY-NC-SA Xunta

O documento resume as características básicas da factoría proxectada por Altri e Greenalia tras ser seleccionadas por Impulsa Galicia, a sociedade público-privada impulsada pola Xunta e Abanca. Trátase dunha planta industrial que ocupará unhas 112 hectáreas en Palas e na que destacará unha cheminea de 75 metros de altura. A "infraestruturas auxiliares" de captación e vertedura de augas, liñas eléctricas e accesos atinxen tamén aos concellos lindeiros de Santiso, Melide e Agolada. A súa capacidade de produción anual está estimada en 400.000 toneladas de celulosa a partir de madeira de eucalipto e 200.000 de fibra téxtil lyocell derivada dese produto.

Na comparecencia das conselleiras de Medio Ambiente e Economía, Ángeles Vázquez e María José Lorenzana, respectivamente, aclarouse que a declaración ambiental ten seis anos de vixencia antes de que caduque e que, en caso de que se xudicialice, ese prazo paralizaríase. 

As condicións

O documento evidencia a proximidade da fábrica a áreas protexidas e o seu impacto en especies catalogadas e no Camiño de Santiago

No referido ás "condicións xerais", o departamento que dirixe Ángeles Vázquez estipula aspectos como "cumprir coa normativa vixente" en materia de ruídos ou "reducir as emisións de po" durante as obras da fábrica que, evidencia, tamén deberán axustarse á normativa en materia de protección de augas e leitos fluviais. A empresa, sinala, "non poderá ocupar terreos fóra dos previstos" para os traballos e "con carácter xeral, no desenvolvemento do proxecto" terá que "garantir" que "non se vexan afectados compoñentes do medio natural que gocen dun especial réxime de protección".

Nas "condicións específicas" o Goberno galego indica as "medidas adicionais" que os diferentes órganos que tiveron que emitir informes sobre o proxecto "consideran necesarias para garantir a protección do medio ambiente". Por exemplo, as ditadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, segundo as cales "todas as instalacións da fábrica" agás as tubaxes de captación e vertedura de augas e a súa liña eléctrica "deben situarse a máis de 50 metros" do límite da Zona de Especial Conservación (ZEC) da Serra do Careón.

Fragmento da declaración de impacto ambiental da Xunta para a fábrica de Altri CC-BY-NC-SA Praza.gal

Este departamento evidencia ademais que a fábrica está proxectada nunha contorna con "tres especies de flora catalogada" (Armeria merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Santolina melidensi). Por iso sinala a súa conservación como "prioridade", fixando unhas densidades mínimas de cada planta. 

Respecto aos vertidos, a conselleira Vázquez destacou que se produciu unha redución dos valores límites de emisión respecto o contemplado inicialmente, rebaixando en un 73% o fósforo e nun 43% o nitróxeno, ademais de descartar afeccións "significativas" superior ao límite do 5% no encoro de Portodemouros. 

Entre as condicións adicionais figura evitar durante as obras o paso de "vehículos e maquinaria nas proximidades dos puntos de interese turístico identificados"

Lembranzas xerais de cumprimento da normativa vixente en materias como a saúde pública conviven nesta declaración de impacto ambiental con outras relativas a algunhas das implicacións máis controvertidas do proxecto alén da súa estrita afección á natureza, tales como as culturais e turísticas. Neste ámbito, o Goberno galego indica que cómpre "minimizar o impacto do proxecto sobre os valores turísticos da zona" con accións como "evitar a coincidencia con festas e actividades socioculturais de importancia" das "obras de instalación" ou evitar que durante os traballos pasen "vehículos e maquinaria nas proximidades dos puntos de interese turístico identificados".

No referido ao patrimonio cultural, a Xunta admite que os accesos á planta "afectan á área de amortecemento do Camiño de Santiago" e por iso debe recibir no seu momento visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Alén disto, pide que Altri propoña a maneira de conservar un petróglifo da zona, sitúe as conducións de auga "preferiblemente" afastadas dunha mámoa ou que a planta reciba un "tratamento de cores, texturas e acabados que minimicen a percepción na distancia dos elementos instalados e construídos".

Declaración de impacto ambiental ditada pola Xunta para Altri

Canda estas recomendacións, a Consellería estipula un "programa de vixilancia e seguimento" que consiste no xa proposto pola empresa, pero incorporando "controis e estudos" sobre as variables agora ditadas. Restarían, asemade, controis sobre "emisións á atmosfera, calidade do aire, olores, ruído, produción de residuos, verteduras, calidade do medio receptor, solos e augas subterráneas", que "serán establecidos" cando a fábrica reciba a autorización ambiental integrada, un documento distinto á declaración que agora recibe.

Esta declaración de impacto ambiental ten unha validez de seis anos, tras os cales caducaría se a empresa non puxese en marcha o seu proxecto. Alén de obter todos os permisos, a compañía vén condicionando a construción e apertura da fábrica á obtención de axudas públicas por importe duns 250 millóns de euros.

Un proxecto controvertido

Esta primeira luz verde ambiental da Xunta chega despois de meses de intensas e multitudinarias protestas contra Altri por parte do movemento concentrado en torno á plataforma Ulloa Viva. Este colectivo, que aglutina dende organizacións ecoloxistas e veciñais ata empresas, partidos políticos e veciñanza a título individual, vén alertando de prexuízos sociais e económicos de Altri non só en Palas e a súa contorna, senón tamén na ría de Arousa polo impacto da fábrica no río Ulla. 

Manifestación contra Altri ante a sede central da Xunta en xuño de 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Neste último sentido, a declaración de impacto ambiental indica que a Dirección Xeral de Pesca do propio Goberno galego concluíu que "non parecen previsibles impactos no sector" pesqueiro e marisqueiro. Afírmao porque "as instalacións e os establecementos de produción acuícola están situados a máis de 70 quilómetros en liña recta" da celulosa. Así, limítase a indicar que "se deben avaliar os posibles riscos no caso de incidentes" e informou favorablemente, alén de evidenciar que Greenfiber debe "cumprir a normativa sectorial que resulte aplicable en cada momento".

Concentracións o domingo contra a DIA favorable

Por outra banda, Ulloa Viva, plataforma que xunta e lidera a oposición á planta, anunciou a convocatoria de concentracións nas prazas dos pobos da bacía da Ulloa para este domingo ás 12 do mediodía. "Para berrar alto e claro Altri non!", di o colectivo, que advirte que "exercerá todas as medidas administrativas e xudiciais en contra das resolucións que autoricen o proxecto Altri". 

Ademais, o colectivo A Ulla Viva —que reúne a veciñanza mobilizada dos concellos de Vedra, Boqueixón, A Estrada e Teo, polos que transcorre o Ulla— fan un chamamento a toda a poboación destes municipios para acudir a unha concentración, tamén o domingo ás 12 horas, na ponte de Pontevea. "Non imos tolarear que o goberno do PP da Xunta nos siga a asoballar co seu abuso de poder e hipocrisía", din. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.