O visto e prace ambiental da Xunta ao proxecto de Altri en Palas de Rei ergueu ao momento as reaccións da clase política e mais do movemento cidadá que leva meses mobilizándose contra a planta. Mentres o Goberno galego centrábase no aval dos técnicos e en lanzar a pelota ao tellado do Executivo central, o BNG chamaba á mobilización contra o que considera unha "decisión política" e o PSdeG volvía mostrar as súas "dúbidas" ante a "opacidade" e a "tramitación exprés" por parte Administración autonómica.
A Xunta cre que o aval ambiental deixa agora a pelota no tellado do Goberno central para "o financiamento e a conexión eléctrica necesaria"
Así, ao pouco de se coñecer a Declaración de Impacto Ambiental (DIA), o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu "respecto aos técnicos" que emitiron os informes e virou a ollada ao Estado. "Tócalle agora ao Goberno central mover ficha. Dicía que en función de se os informes eran favorables ou non actuarían en consecuencia con respecto ao financiamento e á conexión eléctrica necesaria", tras lembrar que a "folla de ruta" do seu executivo neste proxecto "era clara".
Ademais, e ao ser preguntado pola forte contestación social ao proxecto, Rueda insistiu en pedir "respecto" para os "34 técnicos diferentes que emiten máis de 40 informes", aínda que advertiu que a DIA "non é, nin moito menos, unha folla en branco", senón que "establece unha serie de condicionantes" ante os que a Xunta, dixo, estará "vixiante". A seguir, indicou que todo o dito "vale para esta industria e para calquera".

Antes, na presentación do informe favorable, as conselleiras de Medio Ambiente e Economía, Ángeles Vázquez e María Jesús Lorenzana, respectivamente, defendían a "transparencia" dunha DIA "totalmente rigorosa" e advertían que "non hai nada que poña en dúbida" a autorización. "Agora está en mans do Goberno central" a viabilidade, avisaron tamén ambas, tras lembrar que máis aló do financiamento, no Estado recae tamén a decisión de outorgar conexión eléctrica á futura fábrica.
Lorenzana advirte ao Goberno central sobre a falta de interconexión eléctrica para Altri: "Unha fábrica que non se pode enchufar non pode funcionar"
Lorenzana explicou que a súa comparecencia quería dar tamén "tranquilidade" ante un proxecto que recoñece que xerou "controversia" e "preocupación social", aínda que cre que "moitas veces veu motivada por intereses partidistas". Ademais, insistiu en que a planta "non ten garantida a infraestrutura de interconexión eléctrica necesaria" porque "polo momento non foi incluída polo Goberno central na planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica", unha cuestión que, de seguir igual, faría "non viable" a infraestrutura.
"Unha fábrica que non se pode enchufar, non pode funcionar", avisou Lorenzana, que pon a pelota no tellado do Ministerio para a Transición Ecolóxica. "Se a vixencia de seis anos da DIA caduca, será por inacción do Goberno central", dixo tamén.
Poucas horas despois, desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, manifestou que coa DIA "consúmase a traizón de Rueda a Galiza" e chamou á mobilización social para "gañarlle a batalla ao Executivo do PP e parar a bomba ambiental coa forza da xente".
Pontón pide a mobilización social e anuncia "batalla política, democrática e, se fai falta, legal"
Ademais, Pontón pediu ao Goberno do Estado que "dunha vez deixe claro que non dará nin un só euro á macrocelulosa que ameaza o modo de vida de miles de persoas". “Imos dar a batalla política, democrática e, se fai falta, legal contra o proxecto”, advertiu sobre unha “decisión política que se viste de carácter técnico”.
En declaracións aos medios tras unha visita á Universidade de Vigo, Pontón chamou á mobilización porque, segundo cre, "este é o momento da cidadanía para dicir alto e claro que en Galiza queremos industrias sostibles e que, polo tanto, non podemos avalar que se nos impoña unha macrocelulosa contaminante no corazón do noso medio rural, que non queremos deixar hipotecas aos nosos fillos e as nosas fillas".
Pontón tamén reclamou a Rueda que rectifique e que "poña os intereses de Galiza por riba dos intereses das empresas amigas do Goberno do PP", ao que reprochou o seu papel como comercial de Altri para instalar en Galicia unha celulosa que non queren en Portugal, “como se os galegos e as galegas tivésemos que soportar as industrias contaminantes que os demais non queren”, subliñou.
Pola súa banda, desde o PSdeG, o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, alertou da "tramitación exprés" de Altri e acusou a Rueda de agochar a verdade sobre a viabilidade do proxecto.
"Desde o inicio, dende o PSdeG deixamos claro que esta iniciativa presentaba graves interrogantes na súa sostibilidade, non só no seu aspecto medioambiental, senón tamén no social e económico", sinalou Gómez Besteiro, que criticou que a resolución feita pública este venres non despexe dúbidas fundamentais sobre este proxecto.
Besteiro mantén as críticas á "opacidade e falta de explicacións" da Xunta sobre o proxecto de Altri e Sumar pide un referendo nos concellos afectados
Ademais, insistiu en que a Xunta segue sen ofrecer respostas claras sobre o impacto real da iniciativa: "A opacidade e a falta de explicacións son xa a marca da casa do Goberno de Rueda, e Altri é un exemplo máis desta forma de actuar", criticou o líder socialista.
Ademais, Sumar criticou unha DIA "totalmente a medida" e anunciou varias vías posibles para paralizar o proxecto: "pola vía administrativa con alegacións, pola política con todo o peso do grupo Sumar no Congreso, e pola vía popular, queremos a celebración dun referendo nas localidades afectadas".
En canto á Deputación de Lugo, o seu presidente, José Tomé, amosou o eu "respecto polos informes técnicos" da DIA pero cre "conveniente despexar as dúbidas razoables que aínda existen" sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei.
Así, o máximo dirixente provincial advertiu de que "o nivel de emprego e os beneficios sociais van ser moito menores" dos anunciados, e lembrou que a iniciativa "depende en boa medida dunha cantidade certamente alta de fondos europeos, 250 millóns". "Que vai ser do proxecto se non se consegue ese financiamento europeo", preguntouse, tras pedir tamén resposta á Xunta sobre o seu "compromiso e esforzo económico".

Ulloa Viva cre que o aval ambiental "confirma o axuste ou reaxuste de informes sectoriais á decisión política previa de autorizar a macrocelulosa"
En canto ao movemento social e cidadá, a plataforma Ulloa Viva cre que a DIA "confirma o axuste ou reaxuste de informes sectoriais á decisión política previa de autorizar a macrocelulosa". Para o colectivo, o ditame só "anticipa" futuras resolucións favorables para "amparar a execución dunha industria contaminante no ambiental e de forte impacto negativo a nivel territorial, socioeconómico e para a saúde das persoas".
A plataforma sinala que "informes sectoriais inicialmente críticos ou discrepantes tornáronse en favorables sen que a promotora escoitase" as súas demandas e acusa a Xunta de non ser "garante de imparcialidade" "As normas foron axeitándose ao proxecto garantindo que saíse adiante a toda costa", insiste Ulloa Viva, que anuncia que seguirá "loitando contra Altri polos medios que faga falta".