Altri triplicou a produción prevista na súa fábrica galega dende que pactou coa empresa da Xunta

Estimacións da produción de Altri na factoría que proxecta en Galicia, sobre unha imaxe de arquivo dunha plantación de eucaliptos en Palas de Rei CC-BY-SA Foto: Simon Burchell | Montaxe: Praza.gal

O 1 outubro de 2021 a papeleira Altri anunciou oficialmente aos seus investidores e aos mercados de valores de Portugal que viña de asinar un pacto con Impulsa Galicia, a empresa creada pola Xunta da man de Abanca e outros socios para captar fondos europeos de recuperación e destinalos a diversos proxectos. Aquel "memorando de entendimento", aseguraba, implicaba "estudar, em exclusivo e no contexto de uma parceria, a construção de uma unidade industrial de raiz" con  "capacidade para produzir anualmente cerca de 200.000 toneladas de pasta solúvel e fibras sustentáveis, tendo em vista, principalmente, o fornecimento do sector têxtil".

Inicialmente, a empresa indicou que prevía producir "cerca de 200.000 toneladas de pasta solúvel e fibras sustentáveis"

Dous anos despois, en outubro do pasado 2023, Altri formalizou a documentación que actualmente a Xunta ten a exposición pública como parte da avaliación ambiental do seu proxecto. E, entre outros moitos aspectos, a compañía indica que a fábrica de Greenfiber -a sociedade coa que prevé implantarse en Galicia da man de Greenalia- tería unha produción tres veces superior á estimada daquela, coa celulosa como principal protagonista.

Comunicados de Altri en outubro de 2021 e abril de 2022 sobre o seu proxecto en Galicia CC-BY-NC-SA Praza.gal

"Unhas 200.000 toneladas anuais de fibra téxtil sostible" foi tamén a estimación divulgada por Impulsa Galicia, que na data de redacción desta información aínda mantén esa referencia publicada no seu sitio web. Altri, pola súa banda, tamén se referiu a esa magnitude en abril de 2022, cando sinalou Palas de Rei como "localização ideal" para a súa "biofábrica de produção de fibras naturais". Introduciu xa, non obstante, algún matiz, ao se referir a "cerca de 200.000 toneladas de fibras têxteis de base celulósica, arrancando inicialmente com a produção de aproximadamente 60 mil toneladas de lyocell".

A documentación ambiental do proxecto eleva as estimacións a 400.000 toneladas de celulosa, 200.000 de lyocell, 31.500 de biomasa e 13.000 de xeso cada ano

Pero a documentación entregada para a avaliación ambiental integrada (AAI) do proxecto, concretamente as páxinas 116 e 117 do tomo dedicado á memoria do "proxecto básico", triplica esas cifras e especifica máis os "produtos xerados pola planta de Greenfiber en Palas de Rei": "Serán pasta de celulosa soluble e fibras de lyocell de alta calidade", ambos "destinados a novas elaboracións, por parte de clientes, para xerar produtos finais". 

"No caso do Lyocell -especifica-, os clientes principais son as industrias téxtiles que xerarán o fío de fibra de lyocell para a fabricación de roupas, tecidos de alta calidade e accesorios". Ambas indicacións exclúen, daquela, que o proxecto implique un peche do ciclo da madeira.

Estimacións de Altri para a produción da súa factoría en Palas, na documentación exposta ao público pola Xunta no trámite de avaliación ambiental CC-BY-NC-SA Praza.gal

A continuación, Altri ofrece as estimacións en números. Das "200.000 toneladas de pasta solúvel e fibras sustentáveis" anunciadas tras o pacto coa empresa da Xunta pasa a 400.000 toneladas anuais de pasta de celulosa e 200.000 de lyocell. Ademais, detalla os volumes dos "subprodutos xerados a través das actividades de operación propias da fábrica": 31.500 toneladas anuais de biomasa (cortizas e outros restos dos eucaliptos) e 13.000 toneladas anuais de xeso "resultante da etapa final do tratamento do efluente industrial da planta". Sobre este último, indica que "se priorizará reciclado tanto interno como por terceiros interesados".

Unha "industria de enclave" pendente aínda de "decisión final"

Altri admite que a fábrica sería unha "industria de enclave" na documentación que analiza o seu encaixe nas Directrices de Ordenación do Territorio da Xunta

Alén das devanditas cifras, a propia documentación de Altri recoñece que a súa factoría en Palas sería unha "industria de enclave". Isto é, unha industria que se instala nun territorio fundamentalmente atraída polos seus recursos naturais ou outras razóns e sen chegar a pechar o ciclo produtivo, xa que os produtos finais de maior valor engadido corresponden a terceiros. 

Faino, concretamente, na parte da documentación que analiza o seu encaixe nas Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) da Xunta. Este, indica, sería un investimento que "se asocia á implantación sobre un lugar no territorio dunha superficie industrial de gran envergadura que precisa dunhas condicións de situación específicas: xeomorfolóxicas, topográficas, de proximidade ao recurso auga e ao recurso forestal" ou de "conexión con infraestruturas".

Plano para a factoría de Greenfiber en Palas de Rei, incluído na documentación que a Xunta ten a exposición pública no marco da súa tramitación ambiental © Altri

"As DOT recoñecen este tipo de industrias e denomínaas 'industrias de enclave', pois se asocian á existencia dun recurso ou a unha localización determinada en resposta a unhas lóxicas", evidencia o documento. Noutro treito da explicación, o documento especifica que "se ben o proxecto de fábrica de Greenfiber, por tratarse dunha industria de enclave, non encaixa plenamente na definición que as DOT outorgan ás superficies de solo empresarial como elementos estratéxicos do territorio", si "pode exercer unha influencia notable na estrutura empresarial" da contorna, "creando sinerxias e relacións de simbiose con outras empresas", afirma.

"O Grupo continua a trabalhar para reunir todas as condições para a tomada da decisão final de investimento" na factoría de Palas, di Altri na súa presentación de resultados de 2023, publicada esta semana

Todo isto sucederá, en calquera caso, se finalmente Altri se instala en Palas de Rei, unha decisión que a empresa condiciona a, entre outros aspectos, a obtención duns 250 millóns de euros de axudas europeas e que aínda non está tomada. Así o declara Altri, cando menos, na súa presentación de resultados do ano 2023, oficializada en Portugal o pasado día 21. 

"Continuamos a avançar em várias frentes do Projeto Gama, na Galiza, para termos as condições necessárias para a decisão final de investimento", indica o conselleiro delegado da compañía, José Soares, na súa mensaxe aos investidores. "O Grupo -indica a empresa noutro dos documentos publicados- continua a trabalhar para reunir todas as condições para a tomada da decisão final de investimento".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.