Menos de dous meses despois de anunciar que abandonaba a política, Beatriz Mato xa atopou cargo empresarial. A ex-edil coruñesa, ex-líder do PP coruñés e ex-conselleira en varios gobernos de Núñez Feijóo incorporarase á compañía enerxética Greenalia para ocupar un posto de nova creación, o de directora de Desenvolvemento Corporativo e Responsabilidade Social Corporativa (RSC).
Beatriz Mato incorpórase a Greenalia, que axiña inaugurará unha planta de biomasa en Curtis, unha das maiores do Estado
Segundo adiantou Economía Digital, e confirmou pouco despois a empresa de renovables nun comunicado, a ex-conselleira de Medio Ambiente incorpórase á compañía que axiña inaugurará a súa planta de biomasa de Curtis, unha das máis grandes do Estado e un dos seus grandes proxectos.
Greenalia destaca que o labor de Beatriz Mato será "a posta en marcha da estratexia de responsabilidade social corporativa da empresa" coa que a "quere dar un paso máis na responsabilidade e implicación coa súa contorna, tanto no ámbito social e ambiental como de bo goberno corporativo".
A ex-voceira do PP no Concello da Coruña será tamén "a responsable da creación e da dirección da nova Fundación Greenalia" que, segundo a empresa, encargarase do "apoio á transición enerxética,a inclusión e a igualdade". Esta nova entidade, que pasará a dirixir Mato, porase en funcionamento neste primeiro semestre de 2020.
A ex-conselleira de Medio Ambiente será a futura directora da nova Fundación Greenalia
Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente entre 2015 e 2018, e logo de ocupar a carteira de Traballo tamén na Xunta, deixou a política no pasado mes de decembro logo de que a súa forte aposta pola alcaldía da Coruña fracasase ao non lograr superar a ampla maioría progresista da cidade nas últimas eleccións locais.
Menos de dous meses de abandonar o palacio municipal de María Pita, Beatriz Mato ficha por Greenalia, cuxa sede está situada practicamente fronte a este, na mesma praza do centro da Coruña.
A Xunta ampliou o límite para plantas como a de Greenalia
A empresa enerxética está a tan só unhas semanas de inaugurar un dos seus grandes proxectos en Galicia, a planta de biomasa de 50 megavatios en Curtis. A iniciativa xurdiu con polémica logo de que en decembro de 2016 a Xunta ampliase, na lei de acompañamento dos Orzamentos, de 10 a 50 MW o límite destas plantas de biomasa.
Tan só tres meses despois, en marzo de 2017, Greenalia pide autorización ambiental para unha planta en Curtis cunha potencia prevista de 49,913 MW. En xullo dese mesmo ano, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, nomeada pola daquela conselleira Mato en novembro de 2016, asina o informe de impacto ambiental favorable.
A Xunta ampliou nunha lei de acompañamento de 10 a 50 MW o límite ás plantas de biomasa; tres meses despois, Greenalia presentou o proxecto para unha de 49,9 MW en Curtis
Un verán despois, en setembro de 2018, a política coruñesa deixou a Consellería de Medio Ambiente para centrarse na candidatura municipal á alcaldía na súa cidade. Nas eleccións de maio, malia liderar a lista máis votada, non consegue o seu obxectivo de chegar á alcaldía e en decembro deixa a política. Agora, Greenalia anuncia que terá un cargo na súa empresa e que dirixirá a súa fundación.
Na Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno aclárase, respeto das limitacións ao exercicio de actividades posteriores ao cesamento dun cargo político que, durante os dous anos seguintes á data deste, os altos cargos "non poderán realizar actividades nin prestar servizos en entidades privadas relacionadas con expedientes sobre os cales ditasen resolución no exercicio do cargo". Beatriz Mato, malia ser conselleira, non asinou ningunha das resolucións citadas anteriormente.
O portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, adiantou que a súa formación vai investigar se a ex-conselleira "incorre ou non nun dos supostos de incompatibilidades previstos pola lei". "Parece como se Bea Mato tivese utilizado o Concello para tentar evitar unha imaxe de porta xiratoria", dixo.