O PP coruñés busca o seu cuarto portavoz municipal nos últimos catro anos, logo de Carlos Negreira, Rosa Gallego e Beatriz Mato. Esta última, concelleira e deputada autonómica, anunciou que deixaba a política e todos os cargos a pasada semana para dar o paso á empresa privada. Abandona tamén a presidencia dos populares na cidade, que coloca o ata agora viceportavoz, Roberto Rodríguez, como novo voceiro do grupo no Concello.
O PP coruñés busca agora o seu cuarto portavoz municipal nos últimos catro anos
Farao de forma interina o ex-colaborador de Mato na Consellería de Medio Ambiente, onde exerceu como director de Aguas de Galicia, ata que o grupo decida de vez quen se encarga da portavocía nos plenos municipais. Ao igual que fixera o ex-alcalde Carlos Negreira, a líder do PP na Coruña abandona pouco despois de lograr uns resultados moi parecidos aos do ex-rexedor. Como en 2015, a lista dos populares foi a máis votada pero non coa forza suficiente como para superar unha esquerda moi maioritaria na cidade.
En 2015 a Marea Atlántica gobernou A Coruña logo do voto favorable do PSOE e do BNG para investir alcalde a Xulio Ferreiro. En 2019, a socialista Inés Rey converteuse en alcaldesa tras o apoio á investidura da Marea e do Bloque.
A crise no PP chega, ademais, tan só uns días antes de que a militancia da Marea Atlántica avalase por unanimidade apoiar un orzamento pactado co PSOE para 2020, afianzando así unha gobernanza sólida da esquerda logo de que o Consello local do BNG tamén dese o seu visto e prace ás bases comúns acordadas coa candidatura municipalista e a formación nacionalista.
A crise no liderado do PP local chega xusto cando o aval da Marea e do BNG a un orzamento pactado co PSOE "consolida unha maioría progresista na cidade"
Un acordo, xa que logo, que "consolida unha maioría progresista na cidade", tal e como expresa o concelleiro socialista e encargado da negociación das contas, José Manuel Lage. As tres formacións presentan o pacto este luns.
Mentres esta maioría progresista se consolida, o PP busca un novo líder municipal. O liderado de Beatriz Mato foi impulsado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que apostou forte por unha das pezas máis que o xefe do Executivo galego tivo no seu Goberno desde que chegara a el en 2009. Non sen algo de polémica, desde Santiago apoiouse unha cabeza de lista que non formaba parte do grupo do PP no Concello.
Beatriz Mato chegou en 2002 á delegación provincial da Consellería de Pesca e sete anos despois, en 2009, pasou a ser conselleira, primeiro de Traballo e logo de Medio Ambiente, para logo aterrar na política local. No pleno coruñés será substituída por Martín Fernández Prado, que xa fora concelleiro de Urbanismo con Negreira. No Parlamento o seu lugar ocuparao Ana Vidal, concelleira do PP en Noia.
Rosa Gallego, Fernández Prado e Roberto Rodríguez, posibles alternativas a Beatriz Mato na portavocía do PP coruñés
Agora será cando o PP teña que reorganizarse na cidade. Rosa Gallego, que foi portavoz desde que Negreira abandonou a política e cara visible da dura oposición á Marea Atlántica, é unha das candidatas a liderar o partido, do que é portavoz na Deputación. Tamén están nas quinielas Martín Fernández Prado e Roberto Rodríguez, ex-director de Augas de Galicia, número dous de Beatriz Mato.