Todas as candidaturas do PPdeG ás alcaldías urbanas galegas eran o pasado 26 de maio apostas persoais de Alberto Núñez Feijóo. Cinco delas érano especialmente. Na Coruña, Vigo, Santiago, Ourense e Ferrol á fronte do cartel electoral dos populares estaban antigos membros do Goberno galego aos que o presidente da Xunta deixou sen Consellería para tentar arrebatar alcaldías á esquerda. Ningún deles conseguiu ese propósito, só un mellorou os resultados de 2015 -o ferrolán José Manuel Rey Varela- e tres fracasaron con intensidade en Vigo, Ourense e Santiago. Estes tres, precisamente, foron compensados polo presidente con novos cargos públicos.
No caso da viguesa Elena Muñoz e do ourensán Jesús Vázquez o paso polas urnas do 26M tivo efectos especialmente duros. A segunda batalla da ex-conselleira de Facenda fronte a Abel Caballero saldouse cun triunfo aínda máis absoluto do alcalde de Vigo, que pasou de 17 a 21 edís para o PSdeG mentres que o PP ficaba minguado a unha segunda forza de só catro concelleiros. En Ourense o antigo titular de Educación perdeu tres edís e a condición de forza máis votada para o PP e viu esvaer as súas opcións de repetir como alcalde tras ser sacrificado no altar da operación pola que Gonzalo Pérez Jácome ergueu o bastón de mando a cambio de soster a José Manuel Baltar na Deputación.
Tras o envío de Elena Muñoz e Jesús Vázquez ao Senado, Agustín Hernández cambia a oposición no Concello de Santiago pola presidencia do Consello Económico e Social
Os sacrificios de Muñoz e Vázquez ante Caballero e Baltar foron compensados por Feijóo o pasado xuño con cadanseus postos no Senado. O presidente elixiu os seus ex-conselleiros desafiuzados da vida municipal -Muñoz dimitiu do Concello e Vázquez seguiu como edil sen carteira- para ocuparen os dous postos no Senado por designación autonómica que corresponden ao PPdeG. Alí exercen xa como novos membros do grupo liderado por Javier Maroto.
O terceiro ex-conselleiro máis damnificado pola pugna municipal foi Agustín Hernández. O enviado por Feijóo en 2014 ao Concello de Santiago para tentar sufocar o incendio da era de Gerardo Conde Roa caeu en 2015 fronte á Compostela Aberta de Martiño Noriega. En 2019, cando semellaba chamado a participar da alternancia, lonxe de recuperarse, levou o PP compostelán ao seu peor resultado histórico mentres a remuda na alcaldía beneficiaba o socialista Xosé Sánchez Bugallo no seu regreso ao Pazo de Raxoi.
Tras meses de ruxerruxes na capital galega esta semana confirmábase a saída artellada por Feijóo para Hernández: será o novo presidente do Consello Económico e Social en substitución de Corina Porro, que á súa vez foi designada como delegada da Xunta en Vigo mentres tenta reflotar o PP nesa cidade como presidenta da xestora local do partido. Quen nos últimos anos fora delegado vigués do Goberno galego, o ex-deputado Ignacio López-Chaves, foi recolocado como máximo responsable da Comisión Galega da Competencia.
Hernández completa este venres no Parlamento o trámite para substituír a Corina Porro no CES tras darse de baixa no PP, que queda liderado no Concello de Santiago polo edil Sánchez-Brunete
Como xa fixera Porro en 2011, Hernández anunciaba a súa baixa no PP para chegar formalmente sen militancia partidaria á comparecencia no Parlamento que, este mesmo venres, suporá o último trámite previo ao seu nomeamento na presidencia do CES. Fíxoo na súa derradeira comparecencia pública en Raxoi, onde será substituído como voceiro polo concelleiro Alejandro Sánchez-Brunete, de perfil público máis duro que Hernández. A súa baixa na corporación compostelá cubriráa María Castelao, que xa fora concelleira con Conde Roa e Ángel Currás.
Tras as saídas de Elena Muñoz, Jesús Vázquez e Agustín Hernández fican na vida municipal das cidades galegas outros dous antigos membros do Goberno de Feijóo que tentaron, sen éxito, gañar alcaldías ostentadas pola esquerda. Tras lograr a condición de primeira forza cun escano máis que en 2015, Rey Varela comezou o mandato en Ferrol amosando a súa vontade de exercer a oposición catro anos. Na Coruña o PP perdeu un escano con Beatriz Mato á fronte e manterse como primeira forza non lle foi dabondo para gobernar. Polo momento Mato continúa en María Pita, aínda que sen sinais explícitos de continuar ata 2023.