Inés Rey gobernará a cidade da Coruña, aínda que necesitará o apoio de Marea Atlántica e, opcionalmente, do BNG. O PP oi a forza máis votada, cunha moi leve vantaxe sobre o PSdeG-PSOE, roldando o 30% dos apoios e acadando 9 edís cada un. Marea Atlántica perdeu dez puntos e catro concelleiros e os pequenos ascensos de BNG e Ciudadanos permitíronlles sumar un posto a cada un, o que supón a entrada da formación laranxa no pleno municipal.
Os socialistas gañaron doce puntos con respecto aos comicios de 2015 e superaron mesmo os seus datos de 2011, obtendo o mellor resultado dende o 2007. O PP mantivo practicamente as cifras de hai catro anos, aínda que perdeu un edil e obtén o seu peor dato dende o ano 2003. As outras forzas que aspiraban a obter representación, como Alternativa dos Veciños ou VOX quedaron moi lonxe de conseguilo.
Ata o último momento da noite houbo unha gran igualdade entre os resultados de PSOE e PP. Unha vitoria socialista teríalle permitido a Inés Rey ser investida mesmo sen os votos de Marea e BNG. Porén, finalmente Beatriz Mato fíxose co triunfo por só 300 votos. Unha vitoria insuficiente, en todo caso.
Terá que haber entendemento, pois, entre as forzas de esquerda, que suman unha ampla maioría no pleno. Ao redor da medianoite Xulio Ferreiro compareceu na sede de Marea Atlántica. Un pouco antes felicitara á socialista Inés Rey, á que se dirixiu sinalando que "agardo que estea á altura do mandato popular e que teña a valentía necesaria para afrontar as reformas que a cidade precisa".
Sen poder conter a emoción e algunha bágoa, o aínda alcalde, Xulio Ferreiro, destacou que A Coruña "decidiu apostar por unha maioría de progreso nesta cidade, cousa que celebro, ero decidiu que non fose a Marea Atlántica quen a encabezase". "Recibimos a confianza dunha parte moi importante da cidadanía, pero perdemos unha porción da simpatía que gañamos en 2015. As causas terán que ser obxecto a partir de mañá dunha reflexión colectiva profunda e serena. Como cara visible, asumo a responsabilidade", insistiu quen lamentou "cada decepción".
"Sinto que non sempre fósemos quen de estar á altura das expectativas. Pero podo asegurar, de corazón, que nos deixamos a pel e que nunca nos separamos un só centímetro do compromiso que adquirimos hai catro anos", concluíu Ferreiro, que comunicará esta semana se dimite e marcha ou se se mantén no pleno como líder da Marea.
Ferreiro, emocionado, lamentou "cada decepción" e asumiu a "responsabilidade"
A que moi probablemente será próxima alcaldesa, Inés Rey, asegurou que A Coruña "puxo un muro á dereita e á ultradereita" e anunciou que iniciará "unha vía de diálogo" para "buscar o mellor para a cidade e os seus veciños". Segundo aclarou, os resultados indican que a urbe elixiu "avanzar" e rexeitou estar "durmida" e vivir nun conflito permanente.
A candidata do PP, a máis votada por uns pouvos votos, destacou a vitoria popular "unha vez máis" e o aumento de apoio desde as xerais e destacou "o fracaso estrepitoso da Marea, que perdeu un terzo dos votos".