Curtis elimina a protección de todo o seu solo agrario en beneficio dos usos forestais

Un dos planos do PXOM de Curtis © Concello de Curtis

No ano 2016 a Xunta iniciou a tramitación dun proxecto de megaplanta de biomasa en Curtis que naquel momento quintuplicbaa a potencia permitida pola lei. De xeito que o Goberno galego mudou pola porta de atrás a lei para eliminar os obstáculos á creación destas instalacións enerxéticas que se nutren de madeira cortada. Modificada a lei, regresou o proxecto de megaplanta, que prevé queimar todos os anos 546.000 toneladas de materia vexetal, o que obrigará a mover diariamente centos de camións con madeira de eucalipto por toda Galicia para poder abastecer á central de Curtis. "O aproveitamento eléctrico da biomasa está cada vez máis en cuestión", destacaba nesta entrevista o investigador Damián Copena, que lembraba que o Comité Científico da UE tamén salientou que o uso da bioenerxía pode ser contraproducente.

Curtis aprobou a desaparición do solo rústico de protección agropecuaria e de protección paisaxística, que pasará a ser simplemente solo rústico de protección ordinaria

O Concello de Curtis, gobernado polo PP con maioría absoluta, aprobou recentemente unha modificación do seu PXOM que implica a desaparición do solo rústico de protección agropecuaria e de protección paisaxística, que pasará a ter simplemente a consideración de solo rústico de protección ordinaria. O Goberno municipal argumenta que é necesaria unha mellor ordenación dos terreos agrícolas e forestais, "xa que actualmente mestúranse os distintos usos agrarios e forestais non favorecendo o crecemento das devanditas actividades". Porén, tanto a oposición municipal coma entidades coma o Sindicato Labrego Galego denuncian que o obxectivo é favorecer a plantación de máis eucaliptos para, entre outras cousas, abastecer á futura planta de biomasa, e que a modificación reducirá o terreo cultivable e de pastos e prexudicará as actividades agrogandeiras, que seguen a ser moi importantes na localidade. O 16,3% da poboación de Curtis traballa no sector agrogandeiro, unha porcentaxe moi superior á media galega (4,2%).

A oposición municipal e o Sindicato Labrego Galego denuncian que o obxectivo é favorecer a plantación de máis eucaliptos

O propio Goberno galego advertiulle ao Concello de Curtis de que as modificacións poderían ter "efectos significativos sobre o patrimonio natural, a paisaxe e o consumo de solo". E a Lei do Solo de 2016 indica (artigo 34) que deberán ser considerados solos rústicos de protección agropecuaria "os terreos que fosen obxecto de concentración parcelaria con resolución firme e os terreos de alta produtividade agropecuaria que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia agrícola ou gandeira".

Curtis recuperou o proxecto do Polígono industrial das Toxeiras, recualificando 421.396 metros cadrados de solo rústico de protección agropecuaria como urbanizable de uso industrial

Nas últimas semanas, ademais, o Goberno municipal de Curtis recuperou o proxecto do Polígono industrial das Toxeiras, recualificando 421.396 metros cadrados de solo rústico de protección agropecuaria como urbanizable de uso industrial. Esta modificación fora rexeitada no ano 2007 polo Goberno Bipartito debido á “elevada potencialidade agrícola” destes terreos que están, ademais, a carón do LIC Serra da Cova da Serpe, proposto para a ampliación da Rede Natura. A decisión do Goberno galego foi apoiada posteriormente por unha sentenza do TSXG. Porén, a chegada ao poder de Alberto Núñez Feijoo mudou a postura da Xunta, que incluíu este polígono no Plan de Solo Empresarial de Galicia.

O 16,3% da poboación de Curtis traballa no sector agrogandeiro, unha porcentaxe moi superior á media galega (4,2%)

O 62% de Galicia é superficie forestal -arborizada, de pasteiro ou mato- e tan só o 23% corresponde a terras de cultivo ou prado, segundo os datos de 2015. En Curtis a proporción que representan as terras de cultivo e prados é superior (coincidindo co maior peso da agricultura e gandaría) e rolda o 35%, sendo o 60% terreo forestal.

 

Curtis caracterízase pola súa actividade agrogandeira © Concello de Curtis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.