0 Gardados para despois

Despois de que a Xunta cambiase a lei, regresa o proxecto de megaplanta de biomasa en Curtis

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pasado outono a empresa Renova Generación de Energías Renovables S.L presentou un proxecto de construción en Curtis dunha planta de produción eléctrica a partir de Biomasa. A iniciativa foi tramitada pola Xunta, a pesar de que os seus 50 Mw quintuplicaban a potencia máxima permitida pola lei para este tipo de instalacións, o que xerou as denuncias de grupos ecoloxistas, que presentaron alegacións. Dous meses despois o Goberno galego modificou pola porta de atrás a lexislación (a través da Lei de medidas fiscais e administrativas anexa ao proxecto de Orzamentos), eliminando ese tope máximo de 10 Mw para as plantas de biomasa, axustando deste xeito a lei ás demandas de proxectos coma o de Renova. O Goberno bipartito introducira precisamente esa limitación para que a instalación de plantas de biomasa non significase un estímulo á posta en marcha de cultivos enerxéticos nos montes galegos; é dicir, para que non se plantasen masivamente eucaliptos co único obxectivo de queimalos e producir así enerxía limpa. 

Unha vez que o Goberno galego modificou a lei, os promotores da megaplanta de biomasa de Curtis volven á carga cun novo proxecto, con características moi semellantes (daquela prevían queimar anualmente 568.000 toneladas de materia vexetal e agora a previsión é de 546.000 toneladas) pero cunha nova denominación, Greenalia Biomass Power, como denuncia este venres ADEGA.

ADEGA alerta de que "agora nada impedirá á patronal pasteiro-enerxética, coa impagábel cooperación necesaria da Xunta, promover plantas de 50 (xa hai 2 en tramitación), 100 ou 200 MW que precisarán inxentes cantidades de madeira para queimar"

A entidade ecoloxista denuncia que a Xunta "lexisla a favor dos intereses empresariais, do lobby pasteiro-enerxético". "Se unha instalación non é legal, pois múdase a norma e arranxado!", di. ADEGA alerta de que "agora nada impedirá á patronal pasteiro-enerxética, coa impagábel cooperación necesaria da Xunta, promover plantas de 50 (xa hai 2 en tramitación), 100 ou 200 MW que precisarán inxentes cantidades de madeira para queimar". "Só as dúas plantas de 50MW en tramitación (a de Greenalia e outra de ENCE) requirirán queimar cada ano máis de 1,2 millóns de toneladas de madeira (entre 20 e 25.000 hectáreas). E este combustíbel sairá dos cultivos enerxéticos, co Eucaliptus nitens como especie estrela", di.

O promotor da planta, Manuel García Pardo, salientou o pasado mes de febreiro nunhas xornadas organizadas pola Asociación de Empresas de Energías Renovables que a planta de Curtis "minimizará o risco de incendios forestais nos montes galegos", ao axudar a limpar o terreo de masas vexetais. Grupos ecoloxistas e investigadores universitarios discrepan desta análise e advirten de que a cantidade de biomasa que necesita unha planta coma a de Curtis esixe que se planten moitos máis eucaliptos dos actualmente existentes.

O promotor da planta, Manuel García Pardo, salientou o pasado mes de febreiro que a planta de Curtis "minimizará o risco de incendios forestais nos montes galegos"

En 2012 o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) no estudo Análisis de la viabilidad del mercado de la biomasa en Galicia y el norte de Portugal calculaba que en 30 quilómetros ao redor de Teixeiro había 51.500 toneladas anuais de Biomasa Forestal Primaria dispoñible, a décima parte do que necesitaría consumir esta instalación. De feito, só sumando a biomasa forestal primaria de toda Galicia se chegarían ás 522.000 toneladas anuais, case a cantidade que necesitaría a planta de Curtis, pero cuns custes de transporte que farían inviable o proxecto. O INEGA tamén calculaba que a produción dispoñible anualmente de Eucalyptus globulus nun radio de 35 quilómetros ao redor de Teixeiro achegaría unhas 31.000 toneladas de biomasa. E que fomentando os cultivos enerxéticos nese espazo se poderían sumar outras 21.200 toneladas. Cantidades, polo tanto, insuficientes, o que obrigaría a mover diariamente centos de camións con madeira de eucalipto por toda Galicia para poder abastecer á central de Curtis.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.