Un país a monte

Porcentaxe de superficie forestal, pasteiro e mato CC-BY-SA Praza Pública

O 62% de Galicia é superficie forestal -arborizada, de pasteiro ou mato- e tan só o 23% corresponde a terras de cultivo ou prado, segundo os datos de 2015, publicados este luns polo IGE. A distribución varía notablemente dunhas zonas do país a outras, destacando a preeminencia de terreos forestais nas serras orientais de Lugo, na Mariña, en boa parte da Dorsal Galega, no interior da provincia de Pontevedra e na maior parte da provincia de Ourense. Meira, Poio, Laxe e Xunqueira de Espadanedo, por riba do 90%, encabezan a listaxe.

As terras de cultivo e prados só son maioritarias en Toques, Pontecesures e O Porriño, achegándose ao 50% en Tomiño, A Peroxa, Oleiros, Tui e Salvaterra do Miño. Case na metade dos concellos galegos representan menos do 20% da súa superficie. No mapa interactivo pódese aprezar como a súa presenza é máis importante na Terra Cha, na Ulloa, en Arzúa, Melide, Bergantiños, Ordes e Terra de Soneira, o mesmo que no Deza, A Limia e no sur da provincia de Lugo.

Nos últimos anos varias organizacións denunciaron a diminución do espazo de terras de cultivo en Galicia. O Sindicato Labrego Galego levou a cabo, por exemplo, unha campaña contra as forestacións ilegais de terras agrarias. Dende 1985 perdeuse ao redor do 20% da superficie agraria útil, ficando no actual 23%, unha das porcentaxes máis cativas de toda Europa. En paralelo, foi crecendo a superficie forestal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.