O inicio do trámite de exposición pública da documentación ambiental do proxecto da fábrica de Altri en Palas de Rei disparou o debate público ao respecto. Tamén propiciou que subisen de intensidade as protestas de colectivos veciñais e ecoloxistas opostos á implantación da factoría da empresa portuguesa na comarca da Ulloa polo seu impacto ambiental e socioeconómico.
Ambas cousas teñen xa o seu reflexo no ámbito político neste inicio da duodécima lexislatura galega. Así, por exemplo, o presidente Alfonso Rueda e outros cargos do PP veñen identificando as protestas contra Altri coa oposición, co BNG e o PSdeG. Fano aínda que o Bloque non explicitou ata este xoves a súa postura abertamente en contra e aínda que o PSdeG non se pronunciase polo momento a través dos seus órganos nacionais, aínda que o seu grupo municipal en Palas si evidenciou xa o seu rexeitamento.
Entre os argumentos dos populares para censurar estas posturas na esquerda figura que "tanto o Bloque como o Partido Socialista votaron a favor" da instalación da factoría, indicou Rueda este xoves a preguntas dun xornalista. "Agora hai un cambio de postura sen explicar todos os detalles", agregou o popular, que atribúe esa suposta mudanza a "interese electoral". A votación á que se refire Rueda remóntase a un acordo unánime do pleno do Parlamento en febreiro de 2022. Pero, que foi exactamente o apoiado?
A proposta partiu do PP e pedía que a Xunta dese "prioridade ao proceso de deseño da primeira fábrica de fibras téxtiles en España" e "propiciar" que estivese na provincia de Lugo. Tras negociacións con BNG e PSdeG, o texto apostaba por situala "preferentemente" na Mariña
A proposta orixinal partiu do grupo do PP, que a rexistrou por vía de urxencia en xaneiro daquel 2022. En pleno debate sobre os fondos europeos de recuperación, os populares promoveron unha proposición non de lei -declaracións políticas da Cámara que non son vinculantes- cuxa parte resolutiva constaba de dous puntos.
O primeiro punto instaba a Xunta a "dar prioridade ao proceso de deseño da primeira fábrica de fibras téxtiles en España". Facíao "por ser unha gran aposta, tanto desde o punto de vista económico e laboral, como desde o punto de vista estratéxico xa que permitiría pechar o ciclo de produción de madeira en Galicia, así como que propicie o seu emprazamento na provincia de Lugo, a través da súa representación na Sociedade Impulsa", a empresa constituída polo Goberno de Feijóo xunto a Abanca e outros socios para captar fondos europeos. O segundo reclamaba que o Goberno de España "establecese liñas de apoio" ao proxecto "no marco dos fondos europeos Next Generation".
Durante o trámite da iniciativa, os dous grupos da oposición formularon emendas. O BNG, a través do deputado mariñao Daniel Castro, reclamaba engadir un terceiro punto no que pedía "Deseñar, en paralelo a este proceso e coa maior das urxencias, un Plan de Industrialización e Emprego para A Mariña, consignando o orzamento necesario e calendarizando a totalidade do proceso no primeiro trimestre de 2022".
O texto foi aprobado por unanimidade tres meses antes de que Altri revelase que pretendía instalarse en Palas e aludía á fabricación de fibras téxtiles que permitise o "peche do ciclo de produción da madeira", sen mencionar a celulosa
O PSdeG, pola súa banda, matizaba o primeiro punto para que o texto indicase que a Xunta "propiciase" o emprazamento da fábrica "na Comarca da Mariña". E no segundo propuña indicar que se presentase "un proxecto solvente ante o Goberno de España" para poder acceder aos devanditos fondos europeos.
Finalmente, tras unha negociación, o texto votado e aprobado por unanimidade variou lixeiramente o redactado inicialmente polo PP. Así, mantívose a petición de "dar prioridade ao proceso de deseño da primeira fábrica de fibras téxtiles en España" e o resto do primeiro punto, pero coa engádega de propiciar que se situase "preferentemente, na comarca da Mariña e, se criterios técnicos non garanten a viabilidade nesta localización, en todo caso na provincia de Lugo". Pedíase tamén "reiterar" ao Estado a necesidade de apoiar o proxecto cos Next Generation.
Como é posible comprobar no Boletín Oficial do Parlamento (páxina 7 do número 276 da pasada lexislatura), o texto aprobado falaba dunha "fábrica de fibras téxtiles" e do "peche do ciclo de produción da madeira", sen mencionar a celulosa. No referido ao emprazamento, non existían máis referencias que a preferencia pola Mariña e, a continuación, pola provincia de Lugo no seu conxunto. Non en van, Altri non revelou ata case tres meses despois que apostaba por Palas para implantar a súa "biofábrica de fibras sustentáveis".