A empresa confirma que sen 250 millóns de euros públicos a fábrica de Palas non será viable e prevé tomar a final de ano unha decisión definitiva condicionada a ter financiamento e autorización ambiental
Altri quere instalar unha fábrica de celulosa e fibras téxtiles en Galicia porque así o propuxo a Xunta a través de Impulsa Galicia, a empresa creada pola administración e outros socios privados para formular ideas de novos proxectos empresariais que se puidesen beneficiar dos fondos europeos de recuperación tras a COVID-19. Malia esa orixe, nas últimas xornadas desde o Goberno galego amosouse malestar polo custe de imaxe que está a supoñer que sexa a Xunta e os seus altos cargos quen veñan dando resposta aos interrogantes xerados arredor do proxecto para Palas de Rei, cunha importante contestación social reflectida na manifestación de hai dez días.
Neste contexto este luns a cúpula de Altri convocou en Santiago, no Hostal dos Reis Católicos, unha rolda de prensa na que durante unha hora e 45 minutos respondeu todo tipo de preguntas dos medios de comunicación presentes ante a mirada dun responsable de comunicación da Xunta. Nesa comparecencia o conselleiro delegado (CEO) de Altri, José Soares de Pina, xustificou a implantación do seu proxecto en Galicia pola abundancia da materia prima, eucaliptos, e fixou no final deste ano a data na que prevé tomar unha decisión definitiva sobre a execución da fábrica condicionada a contar con autorización ambiental da Xunta e con 250 millóns de euros de fondos públicos.
O emprazamento
Soares de Pina comezou a súa comparecencia xustificando a decisión de instalar o seu proxecto en Galicia "porque hai materia prima" xa que "cando falamos do eucalipto en exceso, Galicia é a única rexión en Europa na que existe". Segundo dixo, Galicia produce 6,8 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto sen cortiza, dos que só se cortan 4,5 millóns e a metade, 2,5 millóns de metros cúbicos, transfórmanse fóra de Galicia.
O directivo tamén esgrimiu a existencia na Península Ibérica dunha "potente industria téxtil" e argumentou que é máis sostible producir fibras téxtiles preto do lugar no que se transforman que movelas polo planeta. Un custe de desprazamento que tamén puxo en cuestión para unha posible instalación da fábrica en Portugal. "A materia prima está aquí, movela a Portugal ten un custe elevado", dixo, ao tempo que asegurou que no país veciño había interese por albergar a fábrica.
Os directivos de Altri tamén foron cuestionados sobre a posibilidade de producir fibras téxtiles a partir doutras especies como o bidueiro pero a súa resposta foi que "a idea é empezar coa materia prima que está dispoñible" e "se no futuro houbera outro tipo de materia prima, claro que a podemos considerar".
O financiamento
Sobre as necesidades ecómicas do proxecto, que estima nuns mil millóns de euros, Soares de Pina sinalou que "Altri é unha empresa moi solvente" e ten intención de dedicar capital propio, ademais do financiamento que obteña. Pero tamén insistiu en que "o proxecto require un 25% de fondos públicos", isto é, uns 250 millóns de euros.
O directivo deu por feito que contará co apoio da Xunta, como este mesmo luns volveu ratificar Rueda, a través de fondos europeos de desenvolvemento rexional. Sobre as conversas co Goberno de España dixo estar a ter unha receptividade "moi grande" pero que "a confirmación require un proceso".
Soares de Pina dixo que "os grandes proxectos en España teñen moita dificultade para encaixar na configuración dos PERTE [proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica lanzados tras a crise da COVID-19] que se deseñaron para proxectos de menor dimensión". "Estamos discutíndoo co ministerio", asegurou.
O directivo de Altri tamén asegurou que os mil millóns de euros en que estima a fábrica van ser "o investimento máis importante en Galicia en 50 anos". [Como comparación, o investimento público en liñas de alta velocidade ferroviaria multiplicou por oito esa cifra, mentres que no sector privado proxectos como a planta de Reganosa en Mugardos supuxo uns 500 millóns e Feijóo falara de 600 millóns de investimento de Pemex en Galicia que finalmente quedaran en dous floteis por 150 millóns].
O impacto ambiental
Soares de Pina amosou o seu malestar polo que considera que son afirmacións incorrectas sobre o seu proxecto e dixo que diversas cuestións serán concretadas pola "enxeñaría de detalle" que aínda hai que realizar antes de construír a fábrica
Durante a súa intervención Soares de Pina amosou en varias ocasións o seu malestar polo que considera que son afirmacións incorrectas sobre o seu proxecto. Porén, malia que a documentación a exposición pública do mesmo sinala diversos aspectos nos que este terá impacto ambiental, ofrecendo como contrapartida medidas correctivas, este luns o directivo asegurou en varias ocasións que a fábrica non terá impacto.
E sobre cuestións concretas dese posible impacto como a afirmación na documentación a respecto da auga que se empregará de que a "calidade esperada do vertido despois da planta de tratamento" será de 27 graos, Soares de Pina limitouse a asegurar que se vai cumprir "a normativa" e que esta di "que o vertido non pode ser a unha temperatura superior a 27 graos e non pode modificar a temperatura do medio natural por riba ou abaixo en 3 graos". "A temperatura final do vertido non está finalizada", dixo, e remitiuse á "enxeñaría de detalle" que aínda hai que realizar antes de construír a fábrica.
Os responsables de Altri tampouco concretaron as emisións de CO2 que terá o proxecto malia que foron repreguntados ao respecto, limitándose a xustificar que a propia transformación dos eucaliptos supón liberar o CO2 que estes conteñen, pero insistindo en que o seu obxectivo é que a instalación sexa autosuficiente ao consumir a propia electricidade que produza coa queima dos restos de madeira non empregada.
Outra pregunta de tipo ambiental que se formulou foi que ocorrería se falla o sistema de depuración da fábrica e se produce unha vertedura. Os directivos explicaron que o complexo contará con "balsas de emerxencia" con capacidade para conter a auga sen tratar xerada durante dous días e que nese caso pararíase a fábrica. Soares de Pina tamén negou que Altri resultase sancionada nunca en Portugal por contaminación das augas.
A contestación social
"Ninguén fai investimentos en comunidades que non os queren", advirte o máximo responsable de Altri, pero que di que ten que ser "polas razóns adecuadas" e ve "moita desinformación" arredor do seu proxecto
Sobre a contestación social ao proxecto, Soares de Pina asegurou que "é normal que a xente teña preocupación", pero asegurou que esta débese a que a información que se está a transmitir do seu proxecto "é falsa". "Un pode discrepar polas razóns que sexa, pero é importante que sexa coa información adecuada", dixo, ao tempo que lamentou que os actos de divulgación que tentou organizar na comarca da Ulloa non puideron continuar porque "non se poden facer nun clima no que se está gritando".
Os directivos foron cuestionados sobre se o proxecto podería non seguir adiante polas protestas cidadás, ao que Soares de Pina respondeu inicialmente: "Non facemos investimentos en espazos onde as comunidades onde nos integramos non queren esas instalacións". Despois engadiu que "hoxe en todas as instalacións temos integración total coas comunidades que nos acollen, temos relacións excelentes". Ante esas dúas afirmacións foron cuestionados pola diferenza existente entre ter en conta á hora de deseñar un proxecto a súa integración coa contorna na que se quere instalar e que despois esa integración sexa efectivamente así percibida por esa contorna. "Non facemos investimentos onde non nos queiran ou sen integrar as comunidades locais", engadiu o directivo, quen en última instancia remitiuse ao cumprimento de "normas e leis" e a que as posibles negativas ao seu proxecto teñen que deberse "ás razóns adecuadas".
A decisión final
Ante todos estes condicionantes, Soares de Pina foi interrogado sobre o horizonte temporal que baralla a empresa para tomar unha decisión definitiva sobre o futuro do proxecto para Palas. "A decisión só se pode tomar con base en ter certeza xurídica, coa tramitación ambiental e o financiamento concluídos", dixo, condicionando así o proxecto a esas dúas cuestións. "A nosa expectativa é que a final de ano se poida tomar unha decisión, pero só se pode tomar con iso", dixo, en referencia a contar con permiso ambiental e fondos. "Se se prorroga moito máis tempo, nalgún momento teremos que tomar unha decisión tamén", concluíu, asegurando que "investimos xa moito no proxecto".