Hai dez anos, naquel 19 de setembro de 2012, a Xunta convocaba de urxencia o acto de sinatura de dous contratos de Pemex: un co estaleiro público Navantia de Ferrol e outro co privado Barreras, en Vigo. Cos alcaldes -daquela populares- da Coruña e da urbe ferrolá en primeira fila, co voceiro do PP en Vigo tamén convidado e coa solemnidade propia de grandes acontecementos, o Goberno galego bordeaba a lei electoral para solemnizar a confirmación dunha "alianza" coa petroleira mexicana, que catro meses antes fora precedida da firma dun acordo que interrompera o ritmo habitual do Telexornal da TVG.
Hai dez anos, Feijóo bordeaba a lei electoral para anunciar dous contratos de Pemex con estaleiros galegos que a propia petroleira acabou negando
Naquela xornada, hai unha década, faltaba pouco máis dun mes para os comicios autonómicos do outono de 2012 e desde a súa convocatoria, a finais de agosto, quedara "prohibido" calquera acto da Xunta con "alusións ás realizacións ou aos logros obtidos" ou que "utilice imaxes ou expresións coincidentes ou semellantes ás utilizadas nas súas propias campañas" por algún dos partidos.
Pero Feijóo bordeou a lei electoral para no salón nobre do Pazo de Raxoi gabar a "eficiencia", "fiabilidade" e "solvencia" da comunidade autónoma, que lle permitía asinar os contratos para a construción dos floteis. E fora definido polo presidente da SEPI como o "mellor axente comercial internacional". O daquela presidente galego dixo que os buques-hotel terían un "impacto superior aos quimiqueiros" que tamén aseguraba que Pemex encargaría en Galicia.
O primeiro acordo da "alianza estratéxica" con Pemex para construír ata 20 barcos acabou sendo o único e o inicio dunha longa lista de promesas incumpridas
Aqueles quimiqueiros formaban parte dunha recua de promesas que suporían milleiros de empregos e, co paso do tempo, a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca e mesmo a instalación dunha terminal de hidrocarburos no Porto Exterior da Coruña. As máis de vinte embarcacións da conta quedaron na polémica adxudicación e construción de dous floteis e na compra por parte da petroleira mexicana de Barreras, histórico estaleiro que acabou quebrado.
A polémica empezou naquel mesmo momento. Mentres a Xunta presumía dun acordo histórico, Pemex deixábaa en evidencia ao asegurar que non había contrato ningún senón que aínda debería decidir entre varias ofertas. Mesmo conselleiros da firma estatal censuraron un anuncio que consideraron propaganda política. Os que foran anunciados como contratos coa petroleira eran en realidade acordos cunha filial, Pemex Norteamérica, baixo condicións "estritas de confidencialidade". Unha "estratexia" para asegurarse gañar un concurso que acabou favorecendo aos estaleiros galegos.
Para o construído en Navantia, entregado en febreiro de 2017, Feijóo falara de "3.000 empregos para dous anos" e o estaleiro rebaixara a uns 2.000, unha previsión que logo quedaría en 900. Finalmente, foron uns 500 operarios e "máis dun millón de horas de traballo e 130.000 de enxeñería". No caso do construído en Barreras, foron 600 os obreiros implicados. En total, sobre dous milleiros menos dos que augurara a Xunta para toda Galicia.
Os buques hotel custaron case 150 millóns de euros e "nunca se puideron ocupar á súa máxima capacidade" nin foron quen de venderse por estaren "moi por baixo do prezo ao que se construíran", como revelaría a dirección de Pemex.
Feijóo prometera que a construción dos floteis suporía 3.000 empregos en Galicia en dous anos; foron 500 na ría ferrolá e uns 600 en Barreras
Unha década despois, Navantia Ferrol traballa na primeira das cinco fragatas da clase F-110 que o Ministerio de Defensa construirá a ría e que xerarán, segundo o Goberno de España, uns 7.000 postos de traballo -que a ministra Robles elevou a 9.000 en xullo- nos vindeiros dez anos no estaleiro ferrolán.
O encargo foi finalmente aprobado polo Consello de Ministros o 29 de marzo de 2019, pouco antes das eleccións xerais de abril dese ano. A sinatura puxo fin a anos de reclamacións e dúbidas no estaleiro ferrolán, o mellor posicionado para levar a cabo os traballos, que se foran adiando durante anos. En 2018 coñeceuse que o Goberno do PP freara a construción das fragatas en Ferrol para adaptalas así aos mísiles da empresa do ex-ministro Morenés. Esta decisión non impedía que dirixentes populares, con Núñez Feijóo á cabeza, responsabilizasen ao Goberno de Pedro Sánchez dos atrasos.
Dez anos despois, Barreras quebrou e xa non existe e Navantia constrúe as fragatas F-110, con 7.000 empregos para unha década
Barreras, pola súa banda, xa non existe. Logo de 130 anos, o histórico estaleiro quedou liquidado o pasado mes de xullo. Dez anos antes comezara o idilio con Pemex, que adquirira o 51% da empresa viguesa por algo máis de 5 millóns de euros e co apoio da Xunta. Aquel matrimonio rematou coa construción do flotel que deu paso a unha segunda etapa negra, coa construción dun cruceiro de luxo da man das compañías derivadas da multinacional Ritz-Carlton, como Cruise Yacht –creada por Douglas Prothero, ex conselleiro delegado de Barreras–, última responsable da firma antes da disolución.
Ese cruceiro, o Evrima -que vén de partir de Santander cara a Marsella para os últimos retoques tras cinco anos de traballos e 150 millóns de sobrecusto-, rematou de afundir a Hijos de J. Barreras, que acabou desaparecendo como tal, sendo Armón a empresa que se fixo coa propiedade tras un proceso de concorrencia competitiva por case 15 millóns de euros. A compra está a ser rendibilizada pola compañía asturiana, que copa nove de cada dez contratos do sector naval, como lembrou Faro de Vigo. Dos 28 novos contratos asinados nos primeiro seis meses de 2022, o 90% quedou en mans deste grupo, que acolleu os cinco pedidos que entraron en Galicia.
Mentres, durante esta última década, un ronsel de promesas incumpridas arredor de Pemex, investigacións xudiciais e do propio Goberno mexicano, litixios, sombras e moitas dúbidas por resolver. Sospeitas que medran logo de que o actual presidente de México, López Obrador, sinalase o "contubernio" dos negocios da petroleira en Galicia apadriñados pola Xunta como clave na súa crise con España.
A extradición do ex-director de Pemex Emilio Lozoya, detido en España e impulsor da man da Xunta dos principais negocios en Galicia, e a súa colaboración coa Fiscalía mexicana estreitou aínda máis o cerco nun proceso de acusacións de corrupción e investigacións xudiciais que afectaron varios directivos máis que negociaran coa Xunta o desembarco en Galicia, como Carlos Roa e José Manuel Carrera Panizzo. Este último sentara hai dez anos no pazo de Raxoi para a sinatura do acordo dos floteis na mesa colocada para a ocasión xunto ao presidente da SEPI e un dos principais accionistas de Barreras daquela, José García Costas.
O acordo que viña salvar o naval e dar un importante impulso ao sector en Galicia acabou sendo máis relevante polos escándalos que o rodearon que polos seus efectos económicos. Desde o contrato que non era tal dos floteis ata a quebra de Barreras.
Ademais, e desde hai tempo, a Fiscalía mexicana investiga os negocios da petroleira en Galicia.Tamén pescuda a Secretaría de la Función Pública (SFP) e a UIF (Unidad de Inteligencia Financiera), que levan tempo debullando a fracasada colaboración entre a Xunta e Pemex. As pescudas apuntan, sobre todo, á compra de Barreras, decisión á que a empresa atribuíu a perda de 50 millóns de euros e pola que Lozoya é investigado, ademais de por moitos presuntos casos de corrupción cando estivo á fronte da petroleira.
Pemex, o Tribunal de Contas mexicano, a Fiscalía e a Unidad de Intelixencia Financeira investigan os negocios da petroleira en Galicia e a compra de Barreras
Pemex presentou unha denuncia ante a Fiscalía mexicana por posible delito de administración fraudulenta por aquela compra, cando Lozoya era director de Pemex e o dereitista Peña Nieto o presidente mexicano. Foi daquela cando se acentou a deriva de Barreras, da que Pemex buscou saír así que houbo cambio de goberno e López Obrador chegou ao poder. O novo Executivo soltou lastre, sobre todo tras gañar un "litixio" á propiedade do estaleiro para recuperar máis de 13 millóns de euros e dar por "finiquitado" un proceso que "resultou ser un fracaso".
A porfía con Barreras foi o último episodio pero non o derradeiro aínda daquela publicitada "alianza estratéxica". Nunha das últimas referencias aos negocios en Galicia, o actual director xeral de Pemex, Octavio Romero Oropeza, lembrou o "fracaso" dunha operación "non produtiva" e onde non se levou a cabo "unha debida supervisión ao manexo e finanzas da empresa", malia posuír máis da metade das accións.
"Símbolo" da corrupción
A Auditoría Superior de la Federación (ASF), o equivalente ao Tribunal de Contas en España, xa cuestionara nun dos seus informes este e outros negocios de Pemex en Galicia por supor un investimento nun sector produtivo que non lle correspondía e que supuña perdas, ademais de pola súa opacidade e escurantismo, sobre todo no caso da construción dos floteis, salpicada de inexactitudes, contratos nunca revelados e adxudicacións postas en dúbida.
Ademais, a ASF lembraba que Lozoya levou a cabou a operación malia que as auditorías pagadas pola propia Pemex desaconsellaban a compra de Barreras e advertiran de serios problemas ante os que non se tomaron "medidas para mitigar os riscos".
Foi só unha máis de todas as polémicas e irregularidades agora investigadas que aconteceron sendo director xeral de Pemex Emilio Lozoya, que enfronta máis de 40 anos de cadea por dúas causas, e a quen Feijóo intentou desligar sempre dos negocios da petroleira en Galicia malia que, segundo indicou o propio Goberno galego en 2013 e 2014, o presidente da Xunta en persoa tratou directamente con el. O fiscal xeral de México sinálao como "símbolo" da corrupción da etapa de Peña Nieto á fronte do Executivo azteca.