A Xunta anuncia un acordo con Pemex que fai respirar ao naval

O sector naval en Vigo atravesa unha grave crise Dominio Público Praza Pública

A Xunta de Galicia e a empresa mexicana Pemex veñen de chegar a un acordo para constuír catorce remolcadores. Sete destas embarcacións faranse en estaleiros galegos e outros sete en colaboración con estaleiros aztecas. Así o acaba de anunciar o xefe do Executivo galego, Núñez Feijóo, no Consello. 

O acordo permite respirar o naval galego e asinarase esta tarde ás oito. Segundo Feijóo, o trato supón "unha enorme oportunidade e un impulso importantísimo para o sector naval e para o futuro portuario de Galicia", xa que entre o que se negociará tamén se inclúe un acordo para converter o porto exterior da Coruña nunha base loxística. "Hai interese en iniciar contactos coa Autoridade Portuaria da Coruña para analizar as posibilidades de que punta Langosteira poida ser a base das operacións loxísticas de Pemex en Europa", aclarou. 

Punta Langosteira podería converterse na base de operacións loxísticas de Pemex en Europa

Ademais, as continuas xuntanzas entre a compañía e o Executivo galego inclúen "negociacións para que Pemex adquira un barco flotel actualmente en construción en Galicia". Segundo Feijóo, a unión entre México e Galicia supón "unha alianza estratéxica" que pretende máis acordos no futuro. 

Esta boa noticia para o naval chega xusto despois de que a Xunta anunciase que o Goberno español xa ten enviado unha nova proposta a Bruxelas para establecer un novo sistema de bonificacións fiscais que favoreza o sector e que substitúa o tax-lease, un sistema vetado pola UE e cuxa prohibición ten afogado os estaleiros galegos. De feito, os presidentes do Consello Galego da Competencia e da Comisión Nacional da Competencia, Francisco Hernández e Joaquín García Bernaldo de Quirós, respectivamente, confían en que Bruxelas acepte a proposta do Executivo central. 

Respecto a esta situación, Feijóo asegura que agora a Comisión Europea podería considerar que a proposta de España "atenta contra os dereitos da competencia", pero insiste en que "se non notifica nada, significa que é plenamente legal". "Entendemos que a proposición é perfectamente compatible co tratado da UE; sorprenderíanos moitísimo que se vetase esta decisión do Goberno español", confiou o presidente da Xunta, que confía en que os contratos se poidan asinar agora "con cautelas, pero con menos cautelas"

"A carga de traballo básica quedará en Galicia"

En canto ás condicións do acordo con Pemex, Feijóo aclarou que "os estaleiros que presenten as mellores ofertas, teñen que ser galegos". "Nas próximas semanas notificarase por parte de Pemex a solicitude de contrato e a petición de ofertas económicas", dixo, tras insistir en que "os estaleiros privados e o estaleiro público terán que concretar no seu caso as propostas económicas e Pemex decidirá cales son os que levan o pedido". "Dos catorce buques, sete como mínimo faranse ao 100% en Galicia e os outros sete entre estaleiros galegos e mexicanos; a fórmula concreta, se van montados total ou parcialmente dende Galicia, é unha cuestión que lle corresponden á empresa", explicou o presidente da Xunta, que cre que "o importante é que a carga de traballo básica quedará residenciada na comunidade autónoma".

O acordo chega tras as negociacións da Xunta con Pemex, propiedade do Goberno mexicano. Todo comezou o pasado 16 de abril, cando o Goberno galego anunciaba por sorpresa que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, ía viaxar a México. Esa mesma noite incorporábase á comitiva do titular do Executivo central, Mariano Rajoy para un desprazamento do que apenas se ofrecían detalles, nin da axenda nin dos obxectivos. Apenas se explicaba que ía traballar a prol da "internacionalización" das empresas galegas. Dous días despois, un discurso de Rajoy dende o país mexicano desvelaba que era o que tiña que ver a viaxe con Galicia. A petroleira Pemex podería estar interesada en construír barcos nalgún estaleiro galego.

O pasado martes, na feira Navalia de Vigo, responsables da compañía azteca aseguraban que os presuntos acordos coa Xunta estaban "en estudo", pero as xuntanzas nos últimos días semellan ter chegado a bo porto. O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, xa asegurou que o de hoxe "é un día positivo para o naval" e pide aos gobernos de Feijóo e Rajoy que sigan esforzándose a prol dun sector estratéxico para o país. 

Pemex é a cuarta petroleira do mundo, con máis de 150.000 empregados e cunha cifra de 40.000 millóns de vendas en 2010. 

Por outra banda, e en canto ao novo sistema de bonificación fiscal, o director xeral de Vulcano, José Domínguez, destacou que a proposta feita polo Goberno central para implantar unha alternativa ao tax-lease permite que os estaleiros poidan, unha vez coñecida a ferramenta e as contías que supón, empezar xa a negociar contratos.

HABERÁ AMPLIACIÓN

O sector naval en Vigo atravesa unha grave crise Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.