Feijóo desliga o ex-director de Pemex detido dos negocios en Galicia malia ser aprobados no seu mandato

Titulares de comunicados da Xunta sobre senllas xuntanzas de Feijóo con Lozoya en 2013 e 2014, sobre unha imaxe deste último encontro CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

"Convén aclarar que o acordo de Barreras e dos floteis de Barreras non foi acordado con este ex-presidente de Pemex, senón co anterior. Está en todas as hemerotecas galegas". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosouse molesto este 13 de febreiro cando, ao remate do Consello da Xunta celebrado de xeito extraordinario en Boqueixón, foi cuestionado pola detención de Emilio Lozoya, o ex-director xeral baixo cuxo mandato foron rubricados os negocios da petroleira en Galicia, apadriñados pola Xunta na persoa do propio Feijóo. A resposta foi, en esencia, desligar de tales negocios a Lozoya, enviado este xoves a prisión provisional por risco de fuga.

Feijóo insta a "aclarar" que o primeiro acordo da Xunta con Pemex foi asinado baixo o mandato do antecesor de Lozoya, aínda que tanto a adxudicación dos dous floteis como a compra de Barreras foron rubricadas co directivo agora encarcerado á fronte da petroleira mexicana

"O señor Suárez Copell foi o que asinou o acordo comigo", reiterou o presidente en resposta á prensa. Efectivamente, a primeira sinatura dun documento coa petroleira mexicana celebrouse o 24 de maio de 2012, nun acto retransmitido ao vivo pola TVG no que a compañía americana estaba representada por quen na altura era o seu director xeral, Juan José Suárez Copell. O prometido aquela noitiña fora a construción de catorce barcos remolcadores -7 en Galicia e outros tantos, en México- que, segundo afirmara Feijóo, ían supoñer 2.500 empregos ao sector naval.

Meses despois, o 19 de setembro do mesmo ano, a Xunta bordeou a lei electoral para celebrar outro acto con representantes de Pemex no que solemnizou un encargo que deu por seguro: os dous famosos floteis, un para construír no estaleiro privado Barreras e outro, no público Navantia. A representante de Pemex no acto de sinatura era José Manuel Carrera Panizzo, na altura conselleiro delegado de Pemex Internacional e agora investigado polas actuais autoridades mexicanas por presuntos sobrecustos na compra dunha compañía de fertilizantes, Agro Nitrogenados.

Emisión ao vivo pola TVG da sinatura do primeiro acordo da Xunta con Pemex, en maio de 2012 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Lozoya, home de confianza de Peña Nieto, tomou posesión do cargo en Pemex o 3 de decembro de 2012

Cando se celebrou esa segunda xuntanza xa comezara en México a transición presidencial: de Felipe Calderón a Enrique Peña Nieto. No equipo que xestionou o traspaso de poderes estaba integrado Emilio Lozoya, encargado de coordinar a transición en materia de asuntos internacionais. Apenas tres meses despois, o 3 de decembro, Lozoya tomou posesión como novo director xeral de Pemex e ás poucas semanas a empresa advertía de que os encargos a Galicia aínda non eran seguros. A Xunta, pola súa banda, teimaba na existencia dos famosos contratos, pero matizaba que non podía amosalos porque "non os tiña".

Segundo destacou a Xunta en abril de 2013, Feijóo "agradeceu" a Lozoya "a súa receptividade e o seu interese en confirmar os compromisos acadados" e "darlles continuidade"; ás dúas semanas, Pemex mercou Barreras

Ao pouco tempo, en abril de 2013, cando a política galega se axitaba pola publicación en El País das fotografías que acreditaban a amizade de Feijóo co contrabandista Marcial Dorado na etapa en que o actual presidente dirixía o Sergas, a Xunta anunciaba unha viaxe do xefe do Executivo a México. Alí, segundo divulgou o propio Goberno galego, un dos primeiros encontros foi o mantido con Emilio Lozoya para "facer seguimento" da "alianza estratéxica" da Xunta con Pemex. "Feijóo -indicaba a nota oficial da Xunta- agradeceu ao director de Pemex, que tomou posesión no cargo hai pouco máis de catro meses, a súa receptividade e o seu interese en confirmar os compromisos acadados" e "darlles continuidade para que os estaleiros galegos poidan seguir optando ás oportunidades que supón o proceso de renovación da flota iniciado pola petroleira".

Apenas dúas semanas despois daquela viaxe, o 30 de abril, Praza.gal adiantaba que Pemex se dispuña a mercar o 51% das accións do estaleiro vigués Barreras, operación que era tornou en oficial o 3 de maio, cando Lozoya levaba seis meses na dirección xeral de Pemex, e foi asinada no correspondente contrato en novembro do mesmo ano en presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde, do devandito Carrera Panizzo e mais de Carlos Roa, xefe de asesores de Lozoya, que pasaría a ser vicepresidente de Barreras ata 2016. Roa tamén está actualmente investigado por presuntas irregularidades na compra de plantas de fertilizantes, no coñecido como caso Fertinal.

Comunicados da Xunta sobre asuntos tratados nas xuntanzas de Feijóo con Lozoya en 2014 (esquerda) e 2013 CC-BY-NC-SA Praza Pública

En marzo de 2014, nun novo encontro con Lozoya, Feijóo transmitiulle "o agradecemento do Goberno galego e do pobo galego coa contratación de dous floteis", segundo informara a Xunta

A compra de Barreras foi presentada como o empurrón definitivo á operación dos floteis: ao pasar a ser propiedade de Pemex, xa non cumpriría un concurso público aberto, viñeran explicar. Así, a finais de xaneiro de 2014 a petroleira adxudicaba ambos barcos, un para Barreras e outro para Navantia. Case ao mesmo tempo a daquela primeira forza política da oposición mexicana, o PDR, anunciaba que se dispuña á levar ante a Fiscalía do país ambas adxudicacións. Pemex, advertían, estaba a incorrer en prácticas de "corrupción".

Xusto despois da adxudicación, en marzo do mesmo 2014, Feijóo volvía a México e mantiña un novo encontro con Lozoya, divulgando nesta ocasión fotografías da xuntanza. Segundo indicara a nota oficial da Xunta ao respecto, naquel encontro Feijóo transmitira a Lozoya "o agradecemento do Goberno galego e do pobo galego coa concreción e a contratación de dous floteis". Tamén, afirmaba daquela, trataran a construción "doutros barcos adicionais" en Barreras -que nunca chegaron a encargarse-. Por todo isto, subliñara, destacara ante Lozoya "o recoñecemento do pobo galego e o seu propio recoñecemento como presidente da Xunta por ter satisfeito e por ter honrado a palabra dada por Pemex a Galicia".

"A investigación é relativa a algo relacionado co Brasil, non con Galicia", afirma Feijóo, aínda que as pescudas da Fiscalía mexicana tamén atinxen á compra de Barreras

Malia os devanditos dous encontros e aínda que os tres acordos cumpridos -os dous floteis e a compra de Barreras- se producisen baixo o mandato de Lozoya, Feijóo desliga o executivo agora detido de todos eles. O presidente da Xunta nega tamén que estean entre os asuntos polos que Lozoya é investigado, porque "segundo sabemos, a investigación é relativa a algo relacionado co Brasil, non con Galicia". Non obstante, a Fiscalía mexicana tamén está a investigar a Lozoya pola compra de Barreras.

Neste contexto, o tamén candidato á reelección o vindeiro 5A reduce as peticións de explicacións polos tratos da Xunta con Emilio Lozoya a unha cuestión electoral. "Sei perfectamente que estamos en precampaña electoral e en precampaña electoral todo vale", laiouse. "En 2012 se dixo que eran uns barquiños e que non existían e agora o que se di é que hai un directivo de Pemex que está sendo investigado pola administración de Xustiza; que sigan investigado todo o que queiran", conclúe.

Lozoya (segundo pola esquerda) e Panizzo (terceiro), asinando o acordo de transferencia tecnolóxica de Barreras a Pemex en xaneiro de 2014 © Pemex

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.