Pemex adxudica os floteis a Galicia ano e medio despois da promesa da Xunta

Guindastres do estaleiro Barreras, en Vigo CC-BY-NC-SA taburete

Os estaleiros galegos construirán finalmente os floteis de Pemex. Logo de que a decisión da petroleira mexicana se atrasase cinco veces, case un ano e medio despois de que Feijóo anunciase un contrato pechado para a súa construción e once meses máis tarde da data na que segundo a Xunta se comezaría a cortar chapa, a compañía azteca anunciou na pasada madrugada a adxudicación destes dous buques a PMI Norteamérica, a filial coa que se presentaban Barreras e Navantia.

A adxudicación chega ano e medio despois da promesa da Xunta e once meses máis tarde da data prevista para o inicio dos traballos

A oferta dos estaleiros galegos "resultou gañadora en ambas as dúas partidas co prezo máis baixo solvente entre as ofertas das sete empresas que cualificaron á última fase", di o comunicado sobre unha adxudicación de 300 millóns e que en Barreras se daba xa por segura logo de que Pemex se fixese co 51% da empresa viguesa o pasado mes de novembro. Porén, eran os traballadores de Navantia os que agardaban con máis expectación un flotel que a Xunta e o Goberno central prometeron hai moitos meses e que deron por adxudicado desde un principio.

Competían desde Ferrol con algunha oferta que reducía en 50 millóns o importe ofrecido por PMI en unión con Navantia. A construción deste buque hotel non é nin moito menos a solución para os estaleiros da ría de Ferrol, pero si suporá carga de traballo para máis de dous anos -30 meses segundo a firma estatal- e para uns 500 operarios, o que supón tan só unha quinta parte dun cadro de persoal que se vai reducindo drasticamente desde os últimos anos (3.000 foron despedidos) e que deixa a comarca como unha das de maior taxa de paro de toda Europa. Era a única posibilidade de emprego para este ano nas instalacións e os traballadores continúan coas mobilizacións, conscientes de que Pemex non é aínda a solución. Hoxe mesmo volveron saír á rúa reivindicando o dique flotante que non dá chegado.

Os traballos comezarán no verán e suporán emprego para uns 500 operarios en cada estaleiro durante máis de dous anos

O corte de chapa comezará neste verán. Tamén en Barreras, que consegue así a adxudicación dun sexto buque nos últimos meses pero que antes xa terá carga de traballo. No vindeiro mes iniciarase a construción dun antuneiro para unha armadora mexicana, no que será o primeiro pedido para unhas instalacións baleiras durante os últimos dous anos.

O ministro de Industria, José Manuel Soria, cualificou de "boa noticia para Galicia e para a industria española" a decisión de Pemex e insistiu en que "garante carga de traballo durante os próximos anos".

O prazo para os servizos contratos será de dez anos a partir do 13 de xullo de 2016, segundo di o comunicado de Pemex, que aclara que o proceso foi "totalmente transparente e auditable". Todo o contrario que o que arrodeou o acordo entre a Xunta de Galicia e o Goberno mexicano. Desde o Executivo galego deuse por feito a adxudicación e construción duns barcos polos que loitaban outras moitas ofertas internacionais. Ao final, aínda que con moito atraso, os floteis acabaron recaendo nas rías galegas, tal e como en teoría se especificaba nun contrato pechado, asinado e confidencial que nunca se fixo público.

 

Unha promesa que tardou 16 meses

Porque desde que o pasado setembro de 2012 Feijóo anunciara un acordo con Pemex para a construción destes dous floteis pasaron xa 16 meses. Ano e medio de escusas para xustificar o continuo aprazamento da adxudicación e da confirmación da construción dos barcos.

A falta de novidades era, hai tan só uns meses, debida á tensión social derivada de varias reformas políticas no país azteca. Antes, no mes de xullo, Feijóo atribuía os atrancos ao tax lease. Uns meses antes, os problemas que sempre xustificaban o atraso no inicio da construción dos floteis eran os avais que Barreras tiña que conseguir. Mesmo o presidente da Xunta se encargara en febreiro de pedirlle á petroleira mexicana máis tempo para que o estaleiro vigués acadese eses avais que lle permitisen asumir o contrato dos buques.

Feijóo xustificou o atraso na chegada dos floteis no 'tax lease', as reformas políticas en México, a falta de avais ou as duras negociacións

Pouco despois, o presidente da Xunta viaxou a México, volveu prometer a licitación dos barcos -desta vez para xullo- e advertía das bondades do Pacto por México, un plan que contemplaba "40.000 millóns de dólares en investimentos anuais" dos que, afirmaba, Galicia se podería beneficiar en ámbitos diversos. Co paso do tempo, un escándalo electoral sacudía este plan ao fiaba os investimentos Feijóo, que tamén escusou a demora na formación do novo executivo azteca. Á volta, Pemex anunciaba o acordo para facerse co control de Barreras.

Xa que logo, os floteis prometidos en plena precampaña e campaña electoral das últimas autonómicas acumularon ano e medio de atraso. No programa do PPdeG para aqueles comicios admitíase que os buques aínda se estaban "a negociar". Porque as continuas negociacións foron outras das escusas máis recorrentes por parte da Xunta e do partido que goberna para xustificar as demoras. Os contratos, malia os requirimentos da oposición e dos sindicatos, nunca foron públicos, atendendo á confidencialidade que tería exixido Pemex.

"Os que incomprensiblemente brindaban porque non acadariamos traballo para os estaleiros galegos, que garden as botellas para a botadura dos floteis". Este era o contido do último tweet publicado pola conta aberta na rede social por Núñez Feijóo para a campaña electoral. É do 29 de setembro de 2012. Hai xusto un ano e catro meses. A botadura, agora semella que si, está máis preto. Non foi sen tempo.

Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.