Pemex consuma o control de Barreras co naval ardendo pola falta de traballo

Sinatura do acordo entre Pemex e Barreras © Pemex

Pemex xa controla Barreras. PMI, filial da petroleira estatal mexicana, vén de asinar o contrato de investimento para a adquisición do 51% do capital do estaleiro galego, segundo informou a empresa nun comunicado. A nota confirma a nova adiantada por Praza hai sete meses, consumada coa sinatura do contrato, á que asistiron José García Costas, na súa calidade de presidente executivo do estaleiro, así como José Manuel Carrera e Carlos Roa, como representantes de PMI e Pemex, respectivamente. Tampouco faltou Francisco Conde López, conselleiro de Economía e Industria da Xunta.

Pemex ve no control de Barreras "un esforzo conxunto" para "a reactivación da industria naval en España"

Pemex aclara que a firma deste acordo "é un esforzo conxunto encamiñado á reactivación da industria naval en España, o que permitirá ademais desenvolver capacidades no medio prazo para a construción de buques especializados en México, capitalizando así o desenvolvemento tecnolóxico do sector naval galego na industria petroleira, entre outras". O anuncio chega xusto no día no que operarios do naval ferrolán se manifestaron ante o Parlamento galego reclamando carga de traballo e resposta sobre os prometidos floteis de Pemex.

Pemex asegura que o importe da operación do acordo é de 5,1 millóns de euros, malia que na carta de intencións firmada no pasado mes de maio, a empresa aclarara que estaba previsto que "a achega de capital a efectuarse en forma conxunta sería inicialmente de 10 millóns de euros", unha cantidade que a petroleira consideraba "suficiente para atender as necesidades de capital de traballo" e que permitiría tomar o control do estaleiro vigués a conta dos buques que se reciban. O actual presidente da empresa galega, José García Costas, manterase á fronte do estaleiro, segundo o pacto asinado daquela.

Francisco Conde, conselleiro de Industria, referiuse á entrada da petroleira en Barreras como unha “mellora da capacidade do estaleiro para a obtención de novos contratos abrindo máis posibilidades de construción de barcos para Pemex e reforzando a posición competitiva do estaleiro vigués”. Así, destacou a relevancia da operación que “reforza a posición do estaleiro para garantir carga de traballo”.

Segundo Pemex, a entrada en Barreras "reforza o acordo de colaboraación asinado coa Xunta en maio de 2012 e cuxo propósito é establecer unha alianza estratéxica en materia de construción naval". Ademais, lembra que PMI participa, xunto con Barreras e Navantia, na licitación pública convocada pola petroleira para a contración de dous floteis, cuxa adxudicación decidirase o 30 de decembro, logo de varios meses de demora e mes e medio despois da firma do acordo e das promesas sobre os buques hoteis.

 

Protestas do naval en Compostela

Ao tempo, máis de mil traballadores de Navantia manifestáronse á mañá para pedir carga de traballo para os estaleiros. Percorreron as rúas de Compostela reclamándolle a Feijóo que deixe de "agocharse" detrás da empresa pública e que empregue a súa posición política para arranxar a situación. Os concentrados, que acabaron diante do Parlamento, queimaron bonecos do presidente da Xunta, dos ministros Soria e Montoro e de Mariano Rajoy e berraron alto e claro que "rematou o traballo e rematou a paciencia".

"Rematou o traballo, rematou a paciencia", advirten os traballadores de Navantia

Algúns deputados dos grupos da oposición saíron á rúa para acompañar as reivindicacións dos operarios, que estiveron blindadas por unha morea de policías antidisturbios, que incluso impediron durante algúns minutos a volta á Cámara de varios parlamentarios. Todos coincidiron en sinalar a situación de "non retorno" na que se atopan os estaleiros ante a insistente falta de pedidos, logo das promesas incumpridas de Pemex e tras a perda dun contrato para a construción de gaseiros das empresas españolas Gas Natural e Repsol, que finalmente serán fabricados en Asia.

O presidente do comité de empresa de Navantia, Ignacio Naveiras, asegura que a Xunta "ten moito que dicir máis aló de botar responsabilidades sbore Navantia", así comom o Goberno central, que "non pode claudicar ante dúas empresas como Repsol e Gas Natural, que levan moreas de cartos públicos todos os anos".

O comité de Navantia acusa a Feijóo de "agocharse" tras a dirección da empresa e a SEPI

"A comarca non pode permitirse o luxo de seguir destruíndo postos de traballo", engadiu Naveiras, que destaca que a elevada taxa de paro, do 33%, e a crise dos estaleiros afecta á poboación, que segue caendo, así como ao pequeno comercio e ás grandes superficies. "En pouco tempo, Ferrol pode pasar a ser un municipio menor", insiste.

Por outra banda, os alcaldes do PP e representantes populares nos 21 municipios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal manifestaranse o vindeiro xoves ante a SEPI e Navantia en Madrid para "exixir solucións" para o sector naval e "en defensa dos intereses de Ferrol". Anunciouno o rexedor da cidade, José Manuel Rey Varela, que advirte de que levarán a cabo "actos de presión" que agarda que sirvan para "alterar esta situación". "Non nos perdonaríamos dar a cara ante os milleiros de votantes que nos apoiaron neestes momentos", polo que farán "fronte con toda a forza".

Precisamente, Rey Varela anunciou que suspenderá a celebración do pleno ordinario que precisamente estaba convocado para o xoves ás 19 horas, xusto o momento no que os traballadores de Navantia tiñan pensado trasladar as súas reivindicacións á praza do Concello en coincidencia co pleno. O alcalde aclara que decidiu suspendelo "en sinal de protesta para que os integrantes da corporación poidan mostrar pública e democraticamente a súa disconformidade co que está a suceder".

Alcaldes do PP de Ferrolterra e da contorna manifestaranse ante a SEPI e Navantia en Madrid

Ademais, entre as numerosas promesas incumpridas chegadas desde os diferentes gobernos do PP están tamén os floteis de Pemex, que acumulan máis dun ano de atraso xa. O contrato para a adxudicación destes dous buques resolverase o 30 de decembro, pero as esperanzas (aínda que esgotadas) seguen en pé logo de que Repsol e YPF alcanzasen un acordo polo litixio mantido desde que o Goberno de Cristina Kirchner expropiara o 51% de YPF sen compensación ningunha. Coa intermediación dos executivos español e mexicano, ademais da petroleira azteca, Arxentina ofreceu 3.700 millóns de euros en débeda pública, sen pago por activos produtivos, en forma de xustiprecio a Repsol. Ademais, todas as partes rexeitarán seguir coas accións legais que mantiñan polo conflito. O acordo chega 24 horas antes de que Pemex consumase o seu control do estaleiro vigués de Barreras.

Sinatura do acordo entre Pemex e Barreras © Pemex
Manifestación do naval ante o Parlamento CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.